Presentación das melloras na Web ao abeiro do convenio coa Consellaría de Innovación e Industria
24/11/2006
O acto, que tivo lugar no Salón de Graos da Facultade de Informática da Universidade da Coruña (Campus de Elviña), o 24 de outubro, ás 10:30; contouse coa presenza do Conselleiro de Innovación e Industria, Sr. D. Fernando Xabier Blanco Álvarez, do Vicerreitor de Extensión Universitaria e Comunicación, Sr. D. Luís Caparrós Esperante, do Presidente da Asociación de Escritores, Sr. D. Cesáreo Sánchez Iglesias, e representando ao Laboratorio de Bases de datos e empresa Enxenio, da Universidade da Coruña, a Sra. Dona Ángeles S. Places.

Na Aula de Graos da Facultade de Informática da Universidade da Coruña foi presentado o caudal de melloras acadadas no Centro de Documentación de Escritores e Escritoras Galegos/as, ao abeiro dun convenio asinado entre a Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Consellaría de Innovación e Industria.

O acto, que tivo lugar no Salón de Graos da Facultade de Informática da Universidade da Coruña (Campus de Elviña), o 24 de outubro, ás 10:30; contouse coa presenza do Conselleiro de Innovación e Industria,  Sr. D. Fernando Xabier Blanco Álvarez, do Vicerreitor de Extensión Universitaria e Comunicación, Sr. D. Luís Caparrós Esperante, do Presidente da Asociación de Escritores, Sr. D. Cesáreo Sánchez Iglesias, e representando ao Laboratorio de Bases de datos e empresa Enxenio, da Universidade da Coruña, a Sra. Dona Ángeles S. Places.

Fernando Blanco destacou que as institucións deben apoiar aquelas iniciativas que xera a sociedade encamiñadas a implantar as novas tecnoloxías, polo que felicitou a Asociación de Escritores por levar adiante este proxecto de visibilización a través da rede dos nosos escritores e escritores e da nosa lingua e cultura.
Cesáreo Sánchez Iglesias agradeceu a colaboración da Consellaría, expresándose nas seguintes palabras:

   "Agradecemos á Consellería de Innovación e Industria que apoie os proxectos da Aelg, onde os escritores e as escritoras galegas  traballan en crear territorios de liberdade, onde o noso pais xa é lugar de vida normal, unha terra na que se desenvolve un tempo cunha  creatividade que apoie a intelixencia como motor da nosa economía.

   A creación cultural no propio pais como motor de todo traballo creador  que impregna e é alicerce  de xeito imprescindíbel para a innovación industrial do noso país, que dá valor engadido aos sectores productivos da nosa economía nacional

   Celebramos poder contar, grazas á Consellería de Innovación e Industria con instrumentos de tecnoloxía informática que nos igualan a calquera asociación de escritores de calquera país europeo.
 
   Vivimos desgraciadamente no pasado unha administración industrial que era colaboradora inerte na depredación sobre o potencial de creación e dos recursos do noso país, e ás veces especialmente activa.

   O convenio coa Consellería de Innovación e Industria está sendo desenvolvido pola empresa Enxenio, que é parte do tecido industrial que está a xerar a Universidade da Coruña, na súa Facultade de Informática concretamente.
   Permitiunos iniciarmos un proxecto de longo alento: un centro de documentación que recibiu ao longo deste ano 270.000 entradas de todos os lugares do mundo, e especialmente do ensino medio do noso país.
   Este centro, que ten convenio de colaboración coas tres universidades galegas -en distintas fase do proceso-, e en concreto coa Universidade da Coruña, coa súa Biblioteca Virtual, coa Real Academia Galega, co Colexio de Xornalistas e coa Fundación Sotelo Blanco, e en breve co Consello da Cultura Galega, evita sen embargo a superposición a duplicidade de traballos converténdose nun proxecto onde todos nos apoiamos a todos.
   Contén non só a obra dos escritores e escritoras,  senón tamén os paratextos que nos dan noticia da súa actividade social e literaria a través de entrevistas en xornais, conferencias, artigos, presentacións..., que dan noticia de como o noso tempo histórico se foi construíndo."


A finais do pasado ano 2005, a Asociación de Escritores en Lingua Galega presentou publicamente o seu novo portal web mellorado e acrecentado coa posta en marcha do Centro de Documentación dos Escritores e Escritoras en Lingua Galega, que naceu co obxectivo de conservar e pór á disposición dos investigadores/as e de todas as persoas interesadas desde todas as culturas, aqueles materiais xerados polos escritores e escritoras en lingua galega, así como a súa actividade social:  obra de  creación e de investigación, obra crítica e calquera outro tipo de documentación que poida enriquecer o coñecemento do feito literario en galego. É por iso que o Centro de Documentación de Escritores e Escritoras da AELG é o lugar en que se recolle toda a información e documentación depositada polos escritores/as, e que será procesada para poder dispor dunha ampla fonte documental á que ter acceso áxil desde a rede.
Ademais da incorporación do Centro de Documentación , o portal  web da AELG foi mellorado co desenvolvemento dun entorno de administración para o mantemento e xestión dos seus contidos, así como con un novo Espazo Didáctico, que permite poñer á disposición da comunidade educativa os contidos xerados pola experiencia da didáctica da creación literaria dos socios e socias da Aelg.
Este ambicioso proxecto,  longamente arelado pola Asociación de Escritores, e cuxo enriquecemento segue a ser prioritario ao longo deste 2006, sufriu un impulso exponencial en canto a contidos, á súa organización e posibilidade de acceso a través dun sistema de busca, e número de visitas (a día de hoxe, 24 de outubro de 2006 xa se superaron as 270.000) grazas ao convenio que para a promoción da Sociedade da Información como base para a modernización da industria e a sociedade galegas, esta asociación asinou coa CONSELLARÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.
Así mesmo, esta Asociación de Escritores en Lingua Galega ten asinado coa Consellaría de Innovación e Industria un Protocolo de intencións que guía a posibilidade de que esta colaboración continúe ao longo do tempo, o que mostra a determinación da Consellaría en apoiar este proceso de posta en valor do sistema literario galego a través das ferramentas da Sociedade da Información.