Apoio á Organización do III Congreso Luís Manuel Acuña
17/11/2006

ASOCIACIÓN DE ESCRITORES EN LINGUA GALEGA (AELG)
Denuncia ante a actitude do Alcalde da Pobra de Trives.
___________________________________________________________________________

A Asociación de Escritores en Lingua Galega alégrase de que ao fin a Organización do III Congreso Manuel Luís Acuña poida celebrar  este evento, que finalmente terá lugar no Centro Comarcal da Terra de Trives e que, enmarcado no Ano da Memoria Histórica, pretende analizar un período da nosa historia educativa, política e social arredor da figura de Manuel Luís Acuña, destacado intelectual dos tempos da II República, que desde o punto de vista literario é autor dunha obra breve pero intensa e renovadora.
Membro do Partido Galeguista, participou en proxectos  xornalísticos vinculados á Editorial Nós de Ánxel Casal; foi un destacado protagonista das correntes de renovación pedagóxica do seu tempo, defendendo a lingua galega no ensino, e a cultura galega como fundamental no currículo escolar.

A Aelg entende que este congreso ten, a parte da alta calidade científica dos seus relatores e relatoras, unha serie de valores engadidos como son:

1. A oportunidade de que por primeira vez se escoite a voz de Manuel Luís Acuña, nunha gravación que foi rescatada por Ramón Nicolás Rodríguez.
2. A oportunidade de ver, tamén por primeira vez en Galiza, o documental “La Escuela fusilada”
3. A participación que buscou a Organización por parte da sociedade da comarca, especialmente o papel protagonista nun recitado de poesía galega dos alumnos e alumnas do I.E.S. da Pobra de Trives, que se estende tamén a universitarios/as da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense.

É por iso que a Asociación de Escritores en Lingua Galega quere mostrar a súa máis enérxica protesta pola negativa da alcaldía da Pobra de Trives a ceder as súas instalacións culturais para a celebración deste Congreso. Facémoslle saber ao Alcalde da Pobra de Trives que a AELG non tolerará agresións contra os escritores e as escritoras galegas que axudaron a  construír a nosa literatura nacional. Todo feito como o actual que implique actitudes autoritarias, froito do mais rancio analfabetismo, e limitadoras das liberdades publicas, entre elas a de expresión, tan incómodas para o actual rexedor municipal, será denunciado por esta Asociación de Escritores.