Centro de Documentación da AELG
A novela da cidade de pedra
10 de xuño de 2001
Autores/as relacionados/as:
Fonte: El Correo Gallego

A novela da cidade de pedra


No ano das súas tullas cheas, chégalle por fin o público recoñecemento ao excelente poeta e narrador que é Xosé Vázquez Pintor. E chégalle co premio quizais máis selectivo no que compite a literatura galega. Entre preto de douscentos orixinais, deles trinta en galego, e por cuarta vez na súa historia, un texto escrito en galego acadaba o premio Torrente Ballester de narrativa. Engadíase desta forma X. Vázquez Pintor a Freixanes, M. Rivas e Caneiro, a nómina dos gañadores dun dos premios de máis entidade e prestixio dos convocados en Galicia.
X. Vázquez Pintor é un autor felizmente rescatado para a nosa narrativa. Este escritor todoterreo, que manexa a lingua coa facilidade dun meigo, pero que no seu momento foi excluído inxustamente de calquera xuízo valorativo salientable por cousa daquel prosaísmo de orientación social, tan deostado, dos seus primeiros poemarios, deu primeiramente o salto a un cultismo equilibrado no terreo lírico, e en anos posteriores, sobre todo á prosa.

Contounos primeiramente as vedrañas experiencias dos nosos oficios -os saberes da tribo- e máis tarde decidiuse a contrastar esa madeira que leva dentro, de gran creador no xénero da narrativa. E así, sen présa pero sen pausa, foron aparecen do Lume de biqueira, a primeira novela- epopea verbo do fútbol galego e, xa neste ano, Quen faga voar, un libro romántico. heroico e pavoroso.
Chéganos agora A memoria do boi, seguramente a consagración definitiva do autor como narrador .
A memoria do boi é na brevidade das súas 167 páxinas unha novela: tremenda, tremenda e engaiolante. De entrada, a literaturización dunha cidade, a cidade de Pedra. As pedras de Pontevedra, pedras que fan música elas soas, as súas laxes vedrañas teñen definitivamente a súa ensoñación fabulosa.
Como Auria e Compostela. E a nosa terra, unha nova metáfora na figura totémica do boi: paso lento e firme ("O touro negro atendía e fai tres pasos cara a adiante, os ollos de mar abertos"). Pois definitivamente polas vinte rúas da cidade antiga, posuidoras dunha maxia íntima, quizabes sen par en Galicia, por estes vellos rueiros medievais, con antigos nomes rescatados nesta novela, levan a súa historia diaria ducias de personaxes, algúns recoñecibles, outros enteiramente inventados, nun tempo que se supón o último tercio do século XIX e os primeiros anos do XX ata 1916 que coincide coa chegada de Castealo á cidade do Lérez. A memoria do boi convértese daquela nun inmenso friso literario, nunha novela polifónica e coral que recrea, con fina textura, os fíos vitais de persoeiros singulares e do común de Boapedre, apreixados na rebelión dos soños do autor. Fíos vitais e biográficos arrastrando historias entrañables, tráxicas e conmovedoras que converxen nunha verdadeira descuberta da cidade de pedra.
Ducias de historias amalgamadas nun broslado de imaxes fortemente simbólicas e poéticas. A partir do fermoso soño do boi no que lle vén todas as acordanzas. A historia do cego ze e a da súa noiva de sempre, Amara; a de Goriño, poeta maior e louco, de Boapedre; a do Pícaro Carnota que vai de miranda pola vida. A de Nerea, que no seu desespero, entrega o seu fillo e as probas do amor á sorte de Penique, o pai medoñento que fai imposible máis soños. A fondísima fábula do capítulo 13, na que o Señor de Traspenas, manda emisarios a aldea para pedirlle a Xosé que lle deixe por un tempo o seu cativo para cumprir o antollo do adoptivo Miguel Anxo que lle pide aos Reis "que lle traían un neno pobre para xogar". O desenlace en traxedia dos afectos de Manuel e do boi Rubio. A do tratante que confesa a terrible circunstancia de cando se cegaban os becerros para que non desen traballo no acarrexo ata o matadoiro. Un capítulo de tres páxinas.que podería ser unha novela de seu e na que se sente o xogo máxico das onomatopeas que cumpren unha óptima función de aforro descritivo e emocional. E regresamos, se seguimos lendo, ao espacio físico da Moureira para interpretar a chagada da putiña nova e foránea -a rapariga que rompe- que traerá no gume do desexo a toda a caterva da cidade, ou ao espacio de leria e de encontro na barbería de Vareliña e Daniel, unha verdadeira crónica de afectos e intereses ideolóxicos.

Tamén o mundo dos arrieiros que chegan pola ponte para dialogar en de xeito rotundo o prezo e o trato do viño novo e cantador. A historia das xentes de Orcellón e do Irixo que tentan vir á ribeira para facer vida na Casa do Padal, porque a miseria das guerras impide o progreso da tribo, pero as mociñas néganse a abandonar a miseria e a alma. A crónica terrible da tourada do mar que os señoritos do Casino escoitan abraiados. Ou o relato da marabillosa solidariedade da Marquesa para evitar a pena de morte dictada contra dúas mulleres de Ribadumia, nai e filla, acusadas de parricidio, en defensa do seu honor. O tremendo relato da rebelión do Gaviota, mariñeiro ateo que comunga á forza pola dignidade dos crentes da Moureira, pero pelexa antes coa morte onde o cura nunca fora capaz.

E así ata 31 capítulos de historias conmovedoras, tráxicas, nas que produce a mestura da cultura da montaña e da ribeira. Tensión, forza, sorpresa, emotividade, tenrura, conseguidas po-lo autor mercé ao emprego dun rexistro léxico riquísimo e moi autóctono, fermosas definicións sinestésicas ("Nena morena de centeo. Era un repenique") e un estilo foite, epopeico pero que ao mesmo tempo, mediante a novidade formal da supresión sistemática do artigo diante do nome do personaxe, consegue un achegamento da voz narrativa ao protagonista. Crónica viva, fabulación pavorosa, por veces tenrísima, sempre solidaria do vivir cotián na cidade de pedra, en anos de guerra e miseria. aínda moi preto de nós.