Centro de Documentación da AELG
Reivindico un compromiso co mundo lésbico
4 de xuño de 2007
Iván G. R.
Autores/as relacionados/as:
Fonte: Faro de Vigo

 

XOSÉ VÁZQUEZ PINTOR o ESCRITOR
"Reivindico un compromiso co mundo lésbico"

"Neste libro hai furia de erotismo aberto contra os tabús con que a literatura trata o tema", indica Xosé Vázquez, escritor.

Xosé Vázquez Pintor vén de gañar coa obra "Lira" o premio de narrativa Vicente Risco que convocan a fundación do mesmo nome e o Concello de Ourense. O libro, escrito nas intermitencias da paisaxe de Agolada e Cangas, eríxese nun compromiso solidario co mundo lésbico.
- ¿Que é "Lira" e cal foi o seu proceso creativo
- É a novela que quixen escribir hai tempo. Xorde en min esa teima despois do poemario "Rotación violeta" (Espiral Maior, 1996), onde hai unha furia de erotismo aberto e destemido contra os tabús e hipocresías cando se aborda esta temática na literatura; neste contexto reivindicativo está o mundo lésbico, que en min ten unha especial consideración de afecto e solidariedades. Lembro o poema que está no libro e que remata cun verso en letra maior que levo na memoria: "Ámame, Lesbia, coa sede do mar". Velaí que cando dei o paso á narrativa, este compromiso fíxose presente e arestora a fortuna cadrou comigo para que todos saiban da miña intención aquela de cumprir. O meu agradecemento ao xurado do Vicente Risco por me dar esta ledicia múltiple.
- O libro lembra os versos de Safo. ¿Que papel xoga nel a poeta de Lesbos?
- Safo xoga un papel histórico e reivindicativo. A poeta de Lesbos é o fío condutor de cada capítulo. É un referente; aínda así a protagonista vai máis alá na súa lucidez reivindicativa, sen conformar na historia, na propia procura, que sempre lle foi negada.
- ¿Que lle supuxo a consecución do premio? ¿Son importantes os galardóns?
- Supuxo o recoñecemento, unha vez máis, da moita sorte que teño na literatura. Cando chegan os medos a que o texto non acade a aceptación das editoriais, xorde o tempo esperanzador dos certames. E neles navego con moita fortuna.Todos os meus libros publicados teñen feita esta viaxe e a ela lle deben, en gran maneira, a súa publicación. Os premios son importantes para min, moito. Conlevan autoestima, edición dos libros e tamén esa pequeniña gloria dos dous días en que chove café na túa casa: outra aprendizaxe.
- ¿Ten algún novo proxecto en marcha?
- Estou correxindo as probas doutro libro de narrativa. Non sei se a publicación de "Lira" suporá que se vaia retrasar a súa saída ao prelo.