Centro de Documentación da AELG
A luce-ría de celulosas
Vázquez Pintor, Xosé
Autores/as relacionados/as:
Fonte: A Nosa Terra

     De ida e volta de todos os días. E a nube non cesa. Fume de colores que nos descende, que supera a desmedida da paciencia, que se viste de pedra na noite e sentimos petroglifos de Mogor, a nosa prehistoria. Trampa. A gravura é outra cousa: non manca, nos tisna o mar, ilusiona ver as formas da espiral, do labirinto, da vida...Nos montes de Galicia aínda hai amor. Pídolle a ENCE-ELNOSA que non ofenda máis estas entrañas, o ventre da Terra, tan vello, deixando aberta a lucería das liñas polas torres que respiran e nos dan a morte: nube e zudre, que beben o ceo e o mar de Pontevedra, soberbias e impunes de tantos anos. (Que mal día aquel da implantación!(Que maos días esta pantomima de amor e arte sobre as chimenés da Fábrica Peideira! (esa nominación popular de orixe). Xa non hai medo pola Xunqueira do Cobo: pechada está a boca do volcán de Tafisa que descargaba no colo da cidade, Avedra dos Arxinas, o lixo infesto. Na outra banda que nos leva ao océano tamén queremos ver a Ría como é de seu: limpa e libre sempre, toda ela, plena. E que as mulleres que a saben e que a sachan entren nela coma quen vai ceibe de temores, namarada das ondas e dos croques, das ameixas, do pasto, dos gaveiros, do areal nutricio...Enténdeo de vez Ence, Elnosa, Celulosas...quen queira que ofendas e que aldraxes, quen non ames, quen ti sexas, señora ou señor.