Centro de Documentación da AELG
As palabras que resisten
29 de xullo de 2003
Vázquez Pintor, Xosé
Autores/as relacionados/as:
Fonte: A Nosa Terra

     Vai aló un ano da viaxe á Serra de Gata, nas terras estremas da Estremadura do norde con Portugal. Aí están San Martín de Trevellu, Valverde do Fresnu e As Ellas, coma tres soles coa luz propia da Fala, que á a súa maneira natural de se entender na vida. Unha identidade, un orgullo, unha herdanza. Todas tres aman a palabra, que lles vén de lonxe no tempo e nas distancias: galegos e astures eran os alí quedados neste val que axexa a Pena de Francia, para subsistiren ás levas e ás fames. Hoxe conviven nas voces que son deles (nosas!. Existe o recoñecemento unánime e a gratitude dos lingüistas por esta forza da memoria. Hai unhas poucas horas, cara ao Norde, nesa outra estrema que son os peitos Pirineos Aque nos separan da Franza escoito tamén a lingua do Val D´Arán, na Occitania rebelde, por onde o seu arriu (río) Garona abre camiño cara ao Atlántico de Bordèu. Coma na Serra de Gata, aquí a montaña manda e atrae, prodomina, agocha, recoñece e alza por enriba das idades o que é de sempre seu: o aranés, lingua d´Òc, esa área lingüística que vai do Gascon, Lemosin, Auvernhás, Lengadocian, Alpin-Vivarés e Provencau, do Océano ao Mediterráneo, cos Pirinèus e os Aups en garda e prevención. Velaí os trovadores (tanta Cantiga de Amor!. En Vielha, abughardada a montaña para o túnel más arriscado de Europa, respiro o aranés. Vai o Garona cheo de risas e brinquedos. Sento a comer e escoito: òc, non, era, gràcies, adishat, dubèrt, barrat, arriu, hònt, hèsta... ( si, non, a, gracias, adeus, aberto, pechado, río, fonte, festa...) A escarapela de Nunca Máis alértaos que eu son da terra e dos mares do Prestige, do mal do chapapote, das viaxes dos Voluntarios, do afundimento do barco, da incompetencia política...( Do galego ! AÒc, do galego. Consinten que lles diga do meu idioma e falamos da saúde das palabras: A...o aranés é a lingua de aprendizaxe dos escolares de 3 a 7 anos e a lingua vehicular en todos os centros de educación infantil e primaria. En infantil introdúcense tamén o catalán e o castelán a nivel oral. En primaria impártense as tres linguas oficiais, no primeiro ciclo introdúcese a primeira lingua estranxeira e no ciclo superior a segunda. Na ESO hai dúas horas semanais de cada unha das linguas oficiais. Na Universitat de Lleida cúrsase o aranés, así como en Barcelona: cursos organizados polo Conselh Generau d´Aran...Pídenme que lles fale, queren recoñecer a música, a irmandade das falas, ese amor. Despedímonos. Eles tres alzan os brazos de tantos séculos para o brinde. E logo a voz e os versos de Aqueres montanhes: Montanhes coronades/tot er an de nhèu/tan nautes e bères/que vos pune eth cèu... Coroando a crista do Pòrt dera Bonaigua ainda escoito a música dos anxos. Adishatz, irmaus.