Chámanme os de ANT para acordar da soneca de agosto e que polo tanto debo escribir esta columna, que se corresponde coa semana do aniversario do escarmento na Grande Mazá da cidade de NY. Estou de aniversario, de ny, de cnn, de propaganda, ata o máis agochado dos pinreles. Andei nos pasados días de viaxe mediática polos altares do mundo, tan lonxe como nos queda a moitos o santuario das ofrendas e as bendicións. E un agradece non ter pesebre nin débedas que couten a palabra máis dura para definir esta xeira que atufa e manca. Acaso coma nunca, estou vindo cara á casa coa sensación de ser ( sermos ) un pailán, un caladiño, un comellón medio burgués, medio servicial. E baléirome en furias de palabras, só ou co bush, aznar, bler..., que atopo máis da conta, coma a peste, nos camiños todos que se cruzan, para que o soño da vida se torza e crebe a esperanza, xa. Non me deades o espazo dunha columna manuscrita, dádeme ( dádenos ) todo o templo, para o derrubar coa forza de Sansón: tanta covacha de soberbia xunta, tanto doente mental exercendo nas esferas do poder que manda morte e fame, desespero, acabamento das palabras nunha guerra que se anuncia e vende e televisa e mata civilmente aos inocentes todos, aquí e aló. Foi Johannesburgo coma unha saba de liño ( que ocasión ! Pero eles andaban en voda e preparando a UOI ( urxente operación irak ) En Galicia estanse a queimar os últimos foguetes das romarías salvaxes ( onde eu vou ). Xantar e danza, árbores que resisten o pasotismo e a tolemia inacabada dos lumes forestais. Unha ghatiña vai preñada de moitos por diante da miña cadeira de roncar: acarrexa a vida abandonada. Máña ou pasado, cando paira nun recanto de pobres, ceo aberto se hai, un tolo e sanguinario, adulado de compinches, podia que ordene e mande contra ela ( nós ) a visita dun mísil con arestas de granito: Terror. ) Ou este non ?