Centro de Documentación da AELG
Cada vez máis
Vázquez Pintor, Xosé
Autores/as relacionados/as:
Fonte: A Nosa Terra

Nunca andei, nin siquera no soño, polas alturas e polas valigotas da nosa xeografía que ventan e beben do Cantábrico. Nesta última fin de semana foi. De As Pontes a Ortigueira. Estrada rota, para que non se pense que as obras públicas son cousa de días e de meses. Anchura e monte longo. Viaxo acabalo do ZX, que nunca  arriou a montura. Vou de escuro na tarde, pola néboa. A compañeira dime que no monte que anuncian Do Caxado hai poutas de xigante, que se lles mira á beira da estrada. Coroamos o alto da montaña e de aló, do mar, chega un ventiño que varre a mera. Podemos ver xa as armaduras: son individuos do parque eólico galego verital que está chegando a eito, un parque macrolóxico de aspas e remuiños silandeiros, caladiños, indefensos, sós. ) Contra quen berrar os medos ? Zunen, déixanse mexar a pé de base, como seica neles fai o xabaril e o raposo. Mesmo os cabalos e as vacas e os becerros se acostuman. Non sei o boi, que xa non existe. Só veterinario. Pois de probeta somos xa todos un pouco, de laboratorio cómplice. Non quedan moitos brazos a medir as distancias do respeto. Alguén máis que pare o carro das desmesuras. Alguén que non asine o manifesto da conquista. ( Que pasada cos cristos negociados ! Confeso que teño medo ás torres, aos xigantes, ás alturas naturais e aínda a aquelas que a mau do home, sendo excelso, labrou para a memoria: nunca estarei só dentro das catedrais que temos no país, nin nas de fóra; é acaso unha impresión de cando o colo da nai, no ventre aquel do outono do 46, re-parto da posguerra. Velaí o valor engadido desta miña denuncia de arestora: teño moito medo ás aspas luminosas do Caxado, do Barbanza, de Cerdedo, do Careón, do Candán, do Faro e do Farelo...de máis, de todas; aínda que estas  últimas son xermolos, apuntes, gharabatos de papel, ( pero deixa que xa e logho ! Pois éme igual. Non quero nin amo este espectáculo horríbel, que asubía e pasma ao lonxe; este exército de burócratas comandados na larga e curta distancia de nos ir afacendo á sub-misión de oficio. ( De algho hai que morrer, meu amigho, a ver se colles a depre profunda e che dá o torzón dos miserables, si ! Corro, fuxo cara ao mar de Ortegal: ventas da terra sagrada que bebe sen fin. Tamén aquí están as mudas tarabelas, que acabarán varrendo en Teixido a maxia e a forza milagreira do ciumento e humilde Santo André. E ti, amábel lector, berrarás acaso contra miña: ) E do grande falo que afuma a Terra das Antas e dos Castros desde As Pontes, da grande peste de Tafisa e Ence, na túa Pontevedra da escrita, non falas, non dis nada, que ? Pois tamén, amigho, tamén.