Tiña pensado escribir unha crónica afectiva sobre o Carballo de Escuadro, víctima dunha longa agonía do progreso chapapote. Queda para outra urxencia. Hoxe os teletipos veñen de París, o niño da cigoña que non marcha. A O trunfo do neofascista Le Pen alarma a Europa A. Son os resultados das primeiras e xa hai un sismo nas consciencias dos que andaban de caralladas mediáticas, desercións políticas, sociais, económicas. Xa non é só o aviso, é o realismo. Os 74 anos do tal Jean-Marie Le Pen, cólanse na morralla, viaxan polas urnas, chegan ás pantallas do lixo e velaí está o raposo na noite do galiñeiro francés, tan preto. El di que é A un home libre, socialmente de esquerdas e economicamente de dereitas A. Sabe que as palabras e os deseños políticos de arestora son furriqueira. Case todo vale. E no casetodo ( así, todo xunto ) mete mau e voto, descobre os cepos da negrura da historia e ponos a sollar na aira desta Europa globalista, ambulante e mercader. Pois aí o teñen: parlante, home de feira, vendendo as pócimas da súa ideoloxía ultra dereitista nun tarro de arxila nacarada. Todo vale, digo agora, unhas poucas liñas máis adiante.
Aquí, abaixo dos Pirineos, enfuciñados entre a néboa do Monte Perdido ( non confundir co Pedrido en Compostela ) andan os magos miserables encantando á xente nos caraoques desa Operación, na inmundicia desas Crónicas, no esterco dese Irmau...
E na Galega que ? Velaí vén o sono. A bosta contra o tedio. O azourido rebrinco polo autógrafo no Coliseo, no Estadio, no Estudio TV, na Casa Branca de pedra, que lambemos, adorantes, cómplices dun tempo morto de furias que nos arrinque a forza e a voz. Así enghorda Le Pen, e Sharon, e Bush, e...sen fin. Así.