Faustino Lombos é un atento funcionario que fala galego, só comigo. Na miña presencia rompe a coherencia da súa diglosia en favor do castelán e sorprende á audiencia coas palabras máis rechamantes dos cursiños que a Xunta lle deu por obriga para acceder á función pública ou reciclar a súa memoria de fillo da aldea ou do suburbio. Sabe usar as palabras nembargantes, intre, lonxincua, xuro, deica, decote... no seu puro contexto. Ten todos os diplomas que o acreditan como dispoñíbel usuario do galego normativo e runfa ( en castelán ) que saber falar, ler, escribir o galego é unha riqueza que nos corresponde.
Faus non ten tino da súa desmedida. O outro día, cando a Unesco activou as alarmas polas linguas pobres deste mundo, aínda non global, díxome moi serio : ) Viches as primeiras dos xornais de hoxe ? Toma, le. Lin no seu rostro ese besbello de ledicia sospeitosa, a tristura do hipócrita, o sorriso do falso. Liscou polo corredor de oficio e eu atendín entón a dureza das mensaxes da Unesco, vía París, rachando os teletipos, avivecendo o lume do trasacordo.
Os amos de Faustino non tardaron nada en remexer nos arquivos e daren eles conta das moitas Universidades, públicas e privadas deste mundo, onde o Galego conta con lectores, primeiros auxilios, cámaras de supervivencia. Faustino rexouba comigo un intre, nembargantes fuma e promete que na lonxincua primavera ha celebrar o Día do Padre Sarmiento deica máis alá do 17 de maio. Eso é amor.
Faus é unha persoa ubícua. Pode estar mesmo en breves intres no Pazo de San Caetano: corredores de calquera andar, nos ventanucos, no sofá de veludo...En San Marcos. Nas Universidades tres, catro, cinco, seis. Na ESO si. Nos labirintos furancheiros da burocracia masiva e consentida. Eceterá, terá, terá. Un perigo público a ubicar. Velaí o favor impagábel que nos fixo a Unesco de arestora: o destape do sorriso negro de quen nos varre o orgullo e a vida, unha e outra vez.
No contrapunto, a Universidade da Coruña estrea a súa-Nosa Biblioteca Virtual Galega, a prol da navegación esperanzada nos océanos de Internet: htp:/bvg.udc.es. O soño dos ben nacidos, que diría Eduardo Pondal. Vivir.