Anda por internet, co fulgor dun lóstrego, unha chamada á concordia para a celebración do Día das Letras Galegas no Bierzo-Galicia, co gallo da homenaxe a Frei Martín Sarmiento, que a Academia decidiu para el no día 17 de maio- ) para cando un mes, un ano, a vida en permanente memoria ?- Propón a chamada do Foro por Vilafranca do Bierzo cadrarmos todos nunha ocasión inmellorábel para fornecer de orgullos a nosa relación histórica de afectos e cultura que foi e aínda é común: aquel triángulo aberto polas Vías dos antigos Conventus: Brácara, Lucus, Astúrica, nunca esquencidos, e moito silenciados. Pois contra o silencio e as ocultacións do noso cerne patrimonial, os amigos do Foro convocan á sinatura e nomes reclamando a celebración da Festa da Palabra, dos Libros, da Memoria, en Vilafranca e Pontevedra, conxuntamente, sen apuntamentos ao oportunismo, con lucidez de alcance para sermos de volta aquel espacio que non coutaban os montes nin as xeografías dos Ancares, Courel, A Queixa...Cando a Nai berraba: ( nenoooo ! en Ponferrada e o grito traspasaba os cumes ata en chegando ao Mar do Fachos e os Cabalos de Pedra, a nosa Costa Atlántica. E o neno atendía. Era daquela. E aínda é hoxe. Aínda.
Hai moito de irmandade nas terras que outros nos marcaron coma estremas que non cadran. Con vinte e dous anos atravesei as neves de Pedrafita do Cebreiro, por aquela estrada nacional sexta, Madrid, La Coruña, coidando que deixaba atrás non só a moza, a familia e os amigos, senón tamén a fala. Unhas poucas leguas, despois de Trabadelo, Vilafranca, Cacabelos, a veiga de Quilós: viño e tabaco ( galegos ! porque ese era, aínda segue a ser, o idioma de quen labra, de quen sementa, colleita, encaira esta riqueza nunha paisaxe que non é diferente nin allea ás nosas tribos.
E nesta memoria feliz que me pertence, son convocado á sinatura de recoñecemento de Vilafranca do Bierzo como merecente tamén dese grito de ((( Nenoooo !!! que daremos todos en favor de Pedro José García Balboa, o Padre Sarmiento, neste ano 2002, que é capicúa. Dous mesiños de diferencia institucional no natalicio do noso gran valedor no Século das Luces, entre aquela maña do 1695 e aqueloutra do mesmo ano, non deberían obstar ao cumprimento dos mandados da razón e das estimas, cando no Bierzo occidental resisten en pé as nosas voces, e aínda os ecos. Coma en terra Eo-Naviega de Asturias, ou na zamorana das Portelas.
Pondo o pé a esta columna sei da resolución do plenario da RAG verbo do antedito: Ados dezasete asistentes non houbo ningún voto en contra A. Pontevedra e Vilafranca compartirán a sede do Día das Letras Galegas. Case duas mil sinaturas en internet. Saúde e gracias.