Centro de Documentación da AELG
En Mourente foi carta de prata
Vázquez Pintor, Xosé
Autores/as relacionados/as:
Fonte: La Voz de Galicia

     O pasado venres asistín, entre as cincocentas persoas, á Festa dos Teatreiros da parroquia pontevedresa de Mourente. Vintecinco anos de supervivencias enriba das estampas da memoria, coma orgullo. Eles, que son ferreiros dunha ensoñación que xurdíu na forxa ilusionada de Manuel Solla Tomé: representar teatro galego, dar calda e auga aos nosos textos, ata alcanzar a cor da perdiz. Xorde Teatro Xenio, que acarrexa as luces e os farrapos, de noite en noite, longas estradas, xente amadora que ama, que aprende e sabe sufrir ese torzón do actor/actriz antes de dar o paso ao abismo da interpretación, que xa domina, enche de voz e xesto inmaculado. Teatro Independente de Galicia, teatro de base, de autoestima, de corazón en pálpito. Nunca domesticado.
     Este día catorce, foi a reposición, vinte anos despois, de O ferreirode Santán: vixente, vivísima a denuncia e a mensaxe que Varela Buxán, aquel esquencido A filósofo do arado A, escribira na emigración, poucos meses antes da súa estrea no Teatro Argentino de Buenos Aires, neste mesmo mes de decembro do 1941. Teño o texto - editado por Celta, Lugo, 1975 - enriba da mesa: capa verde, tona da Terra, onde Luís Seoane alza dous labregos que non votan a Fraga, nunca. O presidente debería sabelo e conectar de urxencia cos teatreiros de Xenio para levalos xa ata o Pazo do Hórreo: son apenas dúas horas de sesión para ollar o mundo noso ( digo político atoado ) tal cal é. E facer tamén así a xusta homenaxe a un home humilde que soubo retratar coas palabras do discurso cómico-dramático a realidade que aínda espera - xa decembro 2001- por un fillo do Ferreiro e unha moza Alborada, en (don Ramón de Cambados)
     E o sábado quince máis, en Cangas, Os vellos...Policromía e fulgor para unha das mellores postas cénicas da peza de Castelao. Fiquei cumprido. O Teatro Sigue Sendo Sempre Aquí.