Hai uns días souben da impagable sabedoría do tacto, no seu ángulo escur: o sentidiño da friaxe e das calorimetrías, o conductor das ausencias, o exquisito talismán que nos conduz ás cachoeiras na hora do amor, á confianza e á certeza, cando un ten as necesidades. Entreguei a miña mau a un contertulio de oficio, para dar as gracias pola súa presencia, para ser correspondido nesa forza dos dedos que fan un colo e sintes o pálpito do sangue, as nervacións do pulso, o afecto ou a desgracia. Nunca a indiferencia. Pero si foi. Aquel home funcionario deume toda a sensación do seu farrapo de carne e ósos: mau de fíos, fría, fea. E tiven a comunicación do noxo, da traiduría, do desprezo. Poucos segundos para medir un talante, abonda. Nin os seus ollos grises, nin a estatura, nin o bico de lebre, nin a titulación académica, nin a liturxia das palabras. Só esa mau morta: cosco, pel de nada, distancia, abismo. Mau da soberbia acaso: sharoniana, bushiana...capaz dun crime de guerra e de odios, capaz de incompetencias, capaz.
E penso, profundo en tantas maus da miña tribo de labregos. As maus da avoa Xovita, por un caso, que armaron o berce e as bocas dos nove fillos de caseiro Xosé, o esposo: maus ferradas de millo e de pataca, de centeo, de toxo, de esterco e de seitura, case tullas grandes, ( grandes !. ( Choca esas cinco ! Era a salutación e o pacto, a entrega ou sinatura da palabra firme, da amistade, da confianza. Por eso eu apreixo e apreto a palpitación dos dedos que pronuncian a esperanza cando ofrezo e se me ofrecen. Pero esta última vez toquei a indiferencia, o frío das cachas e o gume da navalla. Son os tempos revirados de arestora. Si. A ver que pasa.