Emerxe O Morrazo sobre o mar das Rías, adentra na mornura das augas que nos chegan desbravadas polo río silente da Corrente do Golfo. E esplende a música da vida. De sempre foron por aquí estas as voces propicias para o canto das solporecidas e das noites nas baiucas: letra e son que se alzaban/alzan co cristal finísimo dos carolinos tintos e uva femia. Técese o encanto e vibra o entorno, a prol da maxia. Hai sempre na ribeira un deus maiúsculo, non superlativo, que calza esporas de viño e peixe e cose os pentagramas. Nesta xeira de xoldra e de frescura, quero saudar a andaina da aínda xove e namorada Orquestra de Jazz do Morrazo: nao fermosísima para as moitas recaladas deste tempo contra as rotas das rutinas, contra as marcas do comercio, contra todos os globos dos sistemas. Chegan eles ousados a reclamar as vidas e os soños dos aínda loucos e felices que punteiran de luces o ceo do mundo atlántico, sen medo e sen medida, e escoitamos, con-sentimos, sabemos de vez así que a Música vale tanto coma un bico de amor, en noite de ardentía.