Centro de Documentación da AELG
Máis milenios
17 de maio de 2001
Vázquez Pintor, Xosé
Autores/as relacionados/as:
Fonte: La Voz de Galicia (lido en Lugo na xeira da viaxe á cidade romana, desde Pontevedra, na data das Letras Galegas, "correlingua-2001".

E Lugo era a cidade do norte, outeiro sobre o río para exercer os ollos na dimensión da espera e da victoria. Amurada, captiva do sol e a auga, andou os séculos de por vida ata chegar a nosoutros-nós coas resonancias da lingua que xurdíu das agras e das pedras para exercer o canto dos camiños, a salutación, o achego.
Arestora, nesta xeira de maio, aínda paxaros e cerdedos, tempo memorable, o mensaxeiro trae recado da beiramar atlántica, cabo do río que nace no Candán e aprende mariñeiro a morte en Pontevedra, esa finitude que nunca é plena, porque seica as augas madurecen e regresan ás orixes. Coma nosoutros-nós na lingua. Mensaxeiro soña. E convencido está de que a palabra pode traspasar os medos e os esquecementos para se renacer nas fontes da esperanza, da certeza. Non han ser douscentos anos, nin cen séculos quen enterren a vida que nos enche a boca de caraveis e rosas, de bicos, de ensoñación e versos, prosas, distancias, periplos da modernidade, tecnoloxía aberta e conquistable por esta nosa nai tan antiga e nova a un tempo, coma un buxo ou cerne, raíz, cañota a estar presente cando os ventos e os sulfatos sexan depredadores e malignos. A lingua en nós a resistirmos, coma Lugo, tantos anos que nos quedan.