Centro de Documentación da AELG
A muda
Vázquez Pintor, Xosé
Autores/as relacionados/as:
Fonte: La Voz de Galicia

Viñera desde Cuba, como as aves do regreso, para aniñar definitivamente en Carmoega. Exercía de costureira nun cuarto pequeno con luz cara o solpor, como corresponde ás igrexiñas románicas que temos nas parroquias. O oficio non lle daba para vivir con toda a dignidade e por eso os viciños deixábanse ver pola súa casarella con saquetes de patacas, de cebolas, de ovos..., un xarriño de mel. Chamábase Mercedes, coma a miña tía. De pequeno, presentouma un domingo e quedei encariñado con aquela persoa de apariencia alegre, que estrovertía os xestos para corresponder cos agasallos. Os anteollos multiplicaban unha mirada limpa e agradecida.Un día atravesou definitivamente o Arnego da vida e xa non está na casarella desde fai moitos anos. Habita no camposanto, no ángulo escuro de Bécquer, debaixo dunha pedra de mármore, na cabeceira un xarrón con flores, permanentemente así.
Veño de facer a miña visita ao cimiterio, aos meus e máis a ela. A moita chuvia deste maio desflecou as rosas brancas e os pétalos aboiaban entre a herba. Entón fomos á casarella, que ten unha roseira xigante, pletórica, e recompuxemos o floreiro. Soñei que as súas mans debuxaban agullas de risa. Fómonos, conversando sobre a súa biografía, sobre a boa xente de Carmoega, sobre as xeracións que chegan e non perden a memoria, anque nunca poderán dicir coma min como era a Muda, aquela muller que prantou unha árbore branca na porta da casa e deixaba os sartegos de todos cubertos de xardín.
Lembrei este dato nunha convocatoria de amigos, que me agradecían un libro. Recollín tamén as rosas brancas das palabras e, na media distancia, entre a memoria e o fogo que seica hai nos corazóns dos homes, chegoume o inoportuno silencio e... A acorei A. Como dicía a miña nai.