Hai moitos anos que non sigo pola radio a marcha do fútbol nas tardes do domingo ( porque cada domingo ten varias tardes deportivas : a do gol, a dos resultados intermedios, a dos transistores, a dos estadios, a da televisión, a da quiniela, a dos árbitros... ) Todo un universo de grandes sintonías . Así foi e así é.
O seguimento dos moitos goles e penaltis desde un espacio distante das euforias permite apostar de volta pola maxia das ondas, esa repentización que se fai posible para brincar as sebes e as gabias do común e andarmos abrazando ao viciño que celebra ( Celta, Dépor, Compos... ! sen máis protocolo que unha convivencia emotiva de noventa minutos alampeando detrás daquela cousa que outros moven para que ti te cabrees ou sexas por un tempo un in- feliz anonimato, que así é a verdadeira afección. Pois eso : a tarde de borraxeira fóiseme escoitando os partes desa guerra deportiva que é a Liga española de fútbol. Apostei por recuperar o espectáculo da oralidade frenética, a que exercen profesionalmente as voces afeitas á cabina, á soedade dos cascos, aos receptores distantes. Bule o tempo nesta cadea de enlaces microfónicos. É fermoso. Eles falan e contan no directo. Nós habémonos de emocionar soñando aquel estadio, as figuras que conforman vintedous zapatos con encarga de driblin, pases, remates...ata secuenciar o gol que canta o cronista, coa ledicia dun louco contra os muros, pero sabedor que ti, comigo na casa, erguerás o puño ou morderás ese beizo que non fala, para coutar un pequeno fracaso.
Gostei de me sentir dentro dese mundo dos fíos invisibles. Celebrei co Celta no Nou Camp os dous golazos, que despois foron esmagados. Andei nos remates fronte á portería do Betis, que eran imposibles para o Dépor. Despedínme en San Lázaro deses dous bregadores excelentes : Tocornal e Abadía. Sorprendinme coa saragana dos marcadores en Ovieu, coa emoción de Michel e Laudrup en Madrid, coa bronca a Núñez, coas vibracións saídas desde Valencia para deixar a Liga nun aire de maxia como corresponde. De agora en diante aceptarei respetuoso que alguén camiñe canda min coma un escravo das ondas , cos ollos ausentes e bendicindo aquela voz que vai con el nas alamedas. Proben a ver, este domingo, na derradeira etapa.