Centro de Documentación da AELG
Banzados - Nesta nosa angueira de lecturas coma fames
Vázquez Pintor, Xosé

Nesta nosa angueira de lecturas coma fames
proxéctanse os vicios da discordia en cirimonia
adolescente de atar a noite coas metáforas
e dicimos alba, luz, mencer...antes que a roda
ilumine o testeiro das curotas do leste.

E a escrita é así un labio doce de mel e abella
secundaria que alimenta os trobos do señor
de alúmina e cinc, ese arquitecto do consumo
a proclamar decencia nas feiras da palabra
por onde vai un neno cego e mineral, de xabre

reclamando versos para a memoria de nós