Na procura de mellorarmos o uso do galego: os marcadores
discursivos
Existen na lingua unha serie de partículas e expresións gramaticais (ben,
pois, mais, logo, por tanto, por exemplo etc.), chamadas marcadores
discursivos, que posúen grande relevancia na construción do texto ou
discurso e que teñen unha frecuencia de uso moi alta principalmente na
lingua oral, mais tamén na lingua escrita; tradicionalmente foron
preteridas nos estudos gramaticais, mais na actualidade cada vez son
obxecto dunha maior e xusta atención por parte dos lingüistas. Igual
que acontece en xeral con todas as clases de palabras gramaticais (os
diferentes tipos de pronomes, as preposicións, certos adverbios, as
conxuncións), que constitúen inventarios normalmente reducidos, ou
relativamente reducidos en comparación coas palabras lexicais, os
marcadores discursivos, aínda dentro da súa heteroxeneidade, conforman
tamén un conxunto máis ou menos limitado de unidades de aparición moi
frecuente en calquera tipo de construción textual. Tal frecuencia de
uso conduce a un alto grao de polisemia, a asumiren diferentes funcións
segundo os casos. É, pois, a multifuncionalidade unha das súas
características, como se pode ver con ben, ou sexa, entón
etc.
Así como son algúns dos marcadores
discursivos máis utilizados os que asumen unha maior funcionalidade,
tamén acontece que son estes os máis expostos á interferencia do
castelán. Na realidade, pasa o mesmo con algunhas formas pronominais (mesmo-*mismo,
vostede-*usté, ninguén-*nadie), adverbios (lonxe-*lexos,
agora-*ahora, onte-*ayer, sempre-*siempre),
preposicións (até-*hasta, segundo-*según, sen-*sin)
ou conxuncións (mentres-*mentras, se-*si); ou simplemente
acontece que se deixan de usar algunhas das partículas invariábeis que
non achan correspondencia no español (agás, perante, porén, após
etc.). Se isto está a acontecer con estas palabras gramaticais e pasa o
mesmo con outras palabras lexicais de grande uso na vida diaria (avó-*abuelo,
Deus-*Dios, móbel-*mueble, teito-*techo, forte-*fuerte
etc.), lóxico é que a interferencia castelanizadora afecte tamén os
marcadores discursivos, moitos deles provenientes das clases dos
adverbios, das preposicións ou das conxuncións. No podían estes
importantes elementos lingüísticos ficaren á marxe da tendencia xeral
seguida pola lingua.
Aínda que existe algún caso de interferencia
do galego no castelán falado na Galiza, como de aquella ou y
luego, moitos máis son, por suposto, os casos inversos, aqueles en
que os marcadores discursivos do castelán se introducen no galego. É a
súa alta rendibilidade a que lles confire unha especial relevancia no
avanzado proceso de castelanización en que a lingua galega se acha na
actualidade e a que os converte en símbolos representativos da
desnaturalización que está a padecer o galego, pois hoxe resulta
totalmente habitual que unha persoa galegofalante, mesmo culta e
especialmente coidadosa co bo uso da lingua galega, utilice, inclusive
tamén en actos de grande formalidade, como conferencias, entrevistas en
radio ou televisión, ou outro tipo de intervencións públicas, certos
marcadores discursivos que deturpan de forma notábel a galeguidade da
súa expresión e que transmiten o estigma da alleación lingüística.
Poderiamos clasificar, desde a óptica da interferencia, os marcadores
discursivos en varios grupos: uns tirados directamente do español (bueno,
o sea, vamos a ver, sin embargo, hombre, en primer lugar, de todas
formas, de todos modos, mismo, hasta, sin duda, verdaderamente
etc.), outros parcialmente adaptados ao galego (é decir ou quere
decir, de todos xeitos, mentras, anque etc.), marcadores de dubidosa
galeguidade nalgún caso e perfectamente prescindíbeis (entonces,
alomenos, sen embargo, en cambio, esto é, eso é, xa desbotados da
norma, pero etc.), marcadores en que alternan formas coincidentes
co castelán de uso maioritario e outras diferencialistas (en efecto
/ con efecto, con respecto a / a respecto de, en
realidade / na realidade, en canto a / canto a,
ademais / alén de etc.; semella aconsellábel
priorizarmos as segundas), marcadores plenamente galegos mais preteridos
no uso normal (porén, en canto, en tanto, entre tanto, até
etc.) e, por último, sinais conversacionais calcados do español (veña!,
vale! etc.).
Un caso especial constitúeo pero, de
grande vixencia na lingua oral e escrita, coincidente na súa forma e
nos seus usos discursivos co que posúe o castelán como marcador de
contraargumentación que pondera a suficiencia argumentativa. Dado que a
forma histórica do galego era peró, de onde resulta a forma
sincopada pro, a explicación máis acaída que se pode achar
para o predominio actual de pero é o feito de este ser o
marcador utilizado en castelán, para alén doutras explicacións que
tamén poderían lexitimar a forma en galego, mais talvez non o seu uso
esmagador na actualidade. Existindo, pois, algunhas sospeitas de pero
ser un castelanismo no galego, e tendo en conta o carácter popular da
forma galega pro, seméllanos recomendábel nun modelo de lingua
culta a súa substitución por mais, con ampla presenza na nosa
tradición literaria moderna, en especial no século XIX, e en ocasións
por porén, segundo os casos (Le moito, mais estuda pouco;
Mais eu acho que iso é incorrecto / Porén, eu acho que iso
é incorrecto).
Deixando á parte o caso de pero, de
todos os castelanismos introducidos neste importante ámbito da
expresión lingüística, non hai dúbida de que o máis frecuente e
chamativo, debido tamén á súa multifuncionalidade, é bueno,
verdadeiro retrouso omnipresente en calquera acto conversacional,
popular ou culto, formal ou informal, desenvolvido en lingua galega e
inclusive tamén nos monólogos da máis diversa condición, totalmente
rexeitábel e facilmente substituíbel por ben ou bo(n).
De conseguirmos erradicalo, xunto cos demais marcadores discursivos que
son produto da interferencia, a autenticidade do galego na súa
audibilidade ou na súa visualización escrita sairía altamente
reforzada.
As persoas que pola súa relevancia social
adoitan aparecer nos medios de comunicación teñen nisto unha especial
responsabilidade, así como o profesorado de lingua galega. Tamén as
institucións públicas de Galiza deben velar pola boa saúde do idioma.
Un paso importante neste sentido deuno recentemente a Real Academia
Galega ao aprobar a reforma das normas oficiais, pois eliminou o uso de
formas como entonces, en cambio, anque, eso (é) e esto (é),
nembargantes, sen embargo ou alomenos, e introduciu outras como porén,
no entanto, após, até, aquén e alén (de), canto a ou a
respecto de. A importancia destas mudanzas na norma é moito maior
do que nun principio puider parecer, por todo o dito anteriormente. De
todas e todos os utentes do idioma vai depender a súa eficacia, sempre
na procura de preservarmos a nosa identidade lingüística e de
evitarmos a deturpación alleante do galego, nomeadamente no plano oral.
E se aínda prescindísemos da dependencia do castelán nalgunhas
escollas lexicais (computador e non ordenador, elevador
e non ascensor, atendedor e non contestador, parabéns
e non felicidades etc.), estariamos a garantir mellor a calidade
do noso idioma e tamén o seu futuro.
[A Nosa Terra,
nº1.103, 6-12 novembro de 2003] |
Principais mudanzas nas normas do galego
A modo de preliminar convén lembrarmos, antes
de máis nada, que desde o día 12 de xullo de 2003 o idioma galego
posúe unhas novas normas. Ou o que é o mesmo, que a partir dese día
as normas do galego foron reformadas pola autoridade legalmente
competente, a Real Academia Galega (RAG), segundo dispón a Lei de
Normalización Lingüística (Lei 3/1983). E tamén cómpre lembrarmos
que tal modificación foi produto dun longo e complicado proceso de
debate que finalizou coa consecución dun amplo acordo por que moitos
sectores sociais comprometidos coa normalización do galego viñan
suspirando desde hai moito tempo. O que resulta sorprendente é que,
máis de catro meses despois de se teren aprobado, esas novas normas
sexan practicamente clandestinas, pois nin a RAG as editou polo momento
nin, o que semella máis grave, a Xunta de Galiza as publicou no DOG,
como parecería lóxico e natural, aínda que non sexa estritamente
necesario para a súa plena vixencia. E máis sorprendente inclusive
resulta que, a raíz do último debate parlamentar sobre o chamado
"estado da autonomía", unha proposta de resolución do BNG
instando a Xunta a dita publicación no DOG fose rexeitada cos votos en
contra do PP e a abstención do PSOE. E así como nos queren convencer
de que o galego non debe ser unha cuestión patrimonializada polos
nacionalistas senón de todos os partidos políticos? Que ten de facer
entón o BNG perante a desidia dos dous partidos estatais, ambos tamén
interesados en se chamaren "galeguistas"? Deixar que o galego
continúe no proceso de perda de relevancia, sen facer nada por o deter
para así non ser acusado de monopolizar ou manipular o idioma? Oxalá
que, de verdade, o galego fose unha preocupación de todas as forzas
políticas e sociais! Ou, de non ser así, oxalá que a maioría dos
galegos e galegas opten por apostaren pola normalización do noso idioma
dando o seu voto a quen mellor demostrar o seu compromiso con el.
Dito isto, a realidade é que o galego posúe
unhas novas normas ortográficas e morfolóxicas (por tanto non teñen
carácter lexical), que en boa lóxica xa se deberían estar aplicando,
moi especialmente por parte das institucións oficiais. A seguir,
gostaría de glosar algúns aspectos delas que considero relevantes. En
primeiro lugar, hai que precisar que estas novas normas son produto do
consenso posíbel entre posicións contrapostas e, por conseguinte, para
alén de non daren satisfacción completa a todas as partes, manteñen
algunhas duplicidades non desexábeis, mais inevitábeis na consecución
do acordo, como é o caso fundamentalmente de coller o libro/colle-lo
libro e ao/ó, pola súa importancia na visualización
do modelo de lingua e tamén pola carga simbólica que adquiriron
durante o longo proceso de conflito normativo vivido nos anos pasados.
Porén, o compromiso alcanzado fixa un modelo de escrita que se ve
reflectido no propio texto en que as novas normas están redixidas e que
consagra as dúas solucións anteriores citadas en primeiro lugar,
debendo ser o utilizado nos textos oficiais; en consecuencia, o DOG, a
produción escrita saída das diferentes Consellarías, os libros de
texto escolares etc. non deberán reproducir as variantes alomórficas
do artigo (Ler o libro) e terán de representar a contracción
coa preposición a nas súas formas de masculino como ao(s),
deixando tamén de se reproduciren graficamente as contraccións có(s),
cá(s). Aínda que poida parecer que estas mudanzas teñen pouca
importancia por xa figuraren dunha forma ou outra nas normas anteriores,
porén alcanzan unha grande relevancia ao se inverteren as preferencias
e, por tanto, consagraren na práctica un modelo diferente ao que
maioritariamente se viña utilizando.
Outros dous casos importantes que se resolveron
co mantemento da duplicidade son os dos sufixos -ble/-bel,
equiparados na norma mais coa utilización da primeira solución na
redacción do texto, e -aría/-ería, neste caso a segunda
solución claramente secundarizada a respecto da primeira, que tamén
figura no texto das normas. Mantense, así mesmo, a opcionalidade en
casos como exaxerar/esaxerar e permítese a utilización
dos signos de interrogación e admiración só ao final da cláusula.
Entre as mudanzas non opcionais que teñen fundamentalmente carácter
gráfico están a eliminación do -c- nos grupos -ct- e -cc-
precedidos de -i- e -u-, de modo que só é correcto
escribir ditado, conduta etc., a deglutinación dos
numerais na serie que vai de vinte e un até vinte e nove
(evítase así, como no caso dos signos de interrogación e admiración,
un excesivo e inxustificado seguidismo do castelán) e a aglutinación
das formas acotío, decontado (que), decontino, decotío, deseguida
(que), deseguido, enseguida, apenas, talvez, acarón (de), amodo,
devagar (varias delas por admitiren sufixación apreciativa). Estas
mudanzas van maioritariamente na liña de reforzaren a autonomía do
galego a respecto do castelán, reforzando de paso o sistema
lingüístico propio.
Un aspecto moi importante das novas normas é a
eliminación dunha serie de formas, normalmente palabras gramaticais de
grande uso na lingua, moi cuestionadas canto á súa lexitimidade como
formas plenamente galegas e a incorporación doutras non admitidas con
anterioridade. Sen dúbida é este un dos trazos máis relevantes da
reforma normativa, talvez aínda non suficientemente valorado, pois
estas palabras conforman paradigmas moi reducidos de que constantemente
debemos botar man como instrumentos gramaticais imprescindíbeis na
construción de calquera tipo de texto oral ou escrito. Así,
elimínanse os demostrativos esto, eso e aquelo, os
multiplicativos triple e cuádruple, e os adverbios ou
conxuncións entonces, alomenos, anque, en cambio, nembargantes, sen
embargo, tamén marcadores discursivos de grande funcionalidade e
especial frecuencia de uso. E incorpóranse o relativo posesivo cuxo,
imprescindíbel na lingua culta, e os adverbios, preposicións ou
conxuncións, e as correspondentes locucións, até (que), porén, a
respecto de, alén (de), aquén (de), após, canto a, no entanto,
algunhas tamén de ampla funcionalidade como marcadores do discurso.
Alén destas fórmulas gramaticais, tamén se
incorporan palabras lexicais como o verbo ouvir e se adaptan
outras cal estudo (e estudar, estudante, estudantil),
vogal, pau, bacallau, chapeu, romeu, xubileu, ímpeto, tribo, reitor (e
reitorado, reitoría, reitoral) ou seita, todas plenamente
documentadas, cando posíbel, na nosa tradición escrita. Como tamén o
están diferenza (e indiferenza), espazo (e espazar,
espazoso), estanza, graza (e desgraza), licenza,
nacenza (e renacenza), novizo, perseveranza, presenza,
querenza (e benquerenza, malquerenza), sentenza,
servizo ou terzo (e terza feira), que pasan a ser as
únicas oficiais, completando así practicamente a serie das palabras
terminadas en -zo, -za que progresivamente se foron
incorporando á norma (lémbrese os casos de xuicio>xuízo
ou xusticia>xustiza en sucesivas edicións, por exemplo),
seguindo o acertado criterio da súa autoctonía contrastada. Estas
deben ser, pois, as formas utilizadas, incluída a tan usual de
agradecemento grazas, que ben se pode converter para quen quixer
en graciñas, se isto lle resultar máis natural, aínda que
tampouco nada hai na norma que impida utilizar a fórmula obrigado
ou obrigadiño. Tamén non hai nada na norma a partir de agora
que impida facer uso da forma Galiza, "lexitimamente galega",
como nome do noso país, independentemente de que a denominación
oficial continúe a ser Galicia.
Aínda se podería resaltar a reordenación dos
sufixos e terminacións masculino -án / feminino -á, -ana,
e masculino -ón / feminino -oa, -ona, certamente
necesitados dunha revisión clarificadora que agora, a meu ver, se levou
a cabo con acerto, xuntamente con algún outro aspecto cuxo comentario
deberá ficar para outra ocasión. Só cómpre finalizarmos este breve
repaso das novas normas co desexo de que sirvan para terminarmos cun
conflito que restaba forzas e vontades a prol da causa do idioma, para
fixarmos un modelo de lingua máis auténtico e menos dependente daquela
que a ameaza nas súas estruturas internas, e para darmos un impulso
esperanzador e ilusionante á súa normalización social. Para esta
tarefa precísase a acción decidida dos poderes públicos e o
compromiso individual e colectivo da sociedade galega.
[A Nosa Terra,
nº 1.107, 4-10 decembro de 2003] |
Algunhas consideracións sobre o uso dos verbos nas novas normas
A parte dedicada ao verbo nas novas normas é,
talvez, a que menos mudanzas experimentou. O único aspecto gráfico-morfolóxico
que se altera é a acentuación paroxítona da primeira e segunda persoa
do plural do pretérito de subxuntivo, de modo que amásemos e amásedes
pasan as ser as únicas formas admitidas, para alén da adopción da
forma estudar (que substitúe estudiar) e da
incorporación de ouvir, que debe convivir con oír. Mais,
sen seren estritamente de carácter morfolóxico, introducíronse nas
normas algunhas observacións sobre o uso de determinadas formas verbais
que, aínda sendo máis ben propias da gramática da lingua, teñen unha
especial relevancia por potenciaren certos trazos moi significativos,
como son o reforzamento da distinción formal entre antepretérito de
indicativo (con -ra) e pretérito de subxuntivo (con -se)
e a potenciación do uso do futuro de subxuntivo. No primeiro caso a
norma recomenda "manter ben discriminados os usos dos dous
tempos" (cantara como indicativo e cantase como
subxuntivo) e, canto ao uso do futuro de subxuntivo, afirma que
"dada a súa lixitimidade histórica e a súa rendibilidade en
certos rexistros lingüísticos, como por exemplo a linguaxe xurídica,
cómpre restaurar o seu uso".
Nada especial di a norma, por contra, a
respecto do uso do infinitivo flexionado, salvo a súa natural
inclusión nos paradigmas verbais, da mesma forma que tamén se inclúe
o futuro do subxuntivo, pois, a diferenza do que acontece con este, o
emprego das formas flexionadas no infinitivo gozaba xa de total
recoñecemento e non era obxecto de discusión. Outra cousa é que se
teña posto a énfase suficiente na importancia do seu uso. Neste
sentido, non deixa de resultar un pouco estraño ou ilóxico que, en
xeral, as persoas dedicadas á corrección ou tradución de textos para
o galego, así como o profesorado de lingua galega, teñan insistido
máis ou teñan posto máis énfase nos erros ou desvíos de cáracter
fundamentalmente ortográfico (usos de <b/v>, de <h>,
acentuación etc.) do que na preservación de trazos tan
característicos do galego como son o infinitivo flexionado ou o futuro
de subxuntivo.
Sobre isto quería agora chamar a atención e
subliñar a obrigatoriedade do uso destas formas en determinados casos
en que xa a gramática, dunha forma ou doutra, ten estabelecido algún
tipo de prescrición. Aquelas persoas que realizan labores de
corrección lingüística e que, por tanto, están a desempeñar un
papel importante na conformación do modelo de galego culto, deberían,
segundo o meu punto de vista, conceder moita máis relevancia á
incorrección dun enunciado como Por os rapaces chegar tarde,
o profesor chamoulles a atención, debido a non utilización do
infinitivo flexionado chegaren, da que se debería dar en gravata
ou voda con <b>, por exemplo. No primeiro caso estamos a
violentar as estruturas morfosintácticas da lingua, en tanto que no
segundo se produce unha simple falta de ortografía. En Aprobación,
se proceder, do orzamento anual co uso do futuro de subxuntivo
estase a utilizar un trazo estilístico-expresivo característico e
diferencial que achega maior precisión temporal e autoctonía, valores
que se perderían co uso da forma procede. Nunha proba para
ocupar unha praza de asesor lingüístico ou para traballar nun servizo
de normalización, por exemplo, estes aspectos deberían ser básicos,
cando na realidade son os máis descoidados ao se consideraren
simplemente opcionais. Tamén deberían ser tidos en conta, claro está,
polo profesorado de lingua galega, polos autores e autoras, e polos
medios de comunicación que usan o galego. Tentarei expor, a seguir,
aqueles casos en que o seu uso ten, ou debería ter, valor prescritivo.
A comezarmos polo infinitivo flexionado,
pódese considerar obrigatorio nos seguintes casos: en primeiro lugar,
cando o infinitivo ten un suxeito expreso no texto, ben sexa diferente
ou idéntico ao do verbo rexente (Resultou decisivo estares ti
alí con eles; Todos admitiron, con afouteza, seren eles
os culpábeis); en segundo lugar, cando o infinitivo non ten suxeito
expreso, mais vai referido a un axente determinado non indicado no
contexto (Convén virdes con tempo; Admitiu sermos
os mellores); e, por último, sempre que o infinitivo for
introducido por unha preposición ou locución prepositva e tiver
suxeito propio, aínda que coincida co do verbo principal, nomeadamente
se colocado antes deste (Castigoute por chegares tarde; Antes
de saírmos de viaxe, temos de acabar o traballo). Noutros
casos o uso do infinitivo flexionado pode ser facultativo, aínda que
existen factores que favorecen o seu emprego: presenza dun pronome
reflexivo ou dun complemento predicativo xunto ao infinitivo, o
afastamento deste do verbo rexente, a anteposición do infinitivo, a
forma impersoal do rexente, a necesidade de clareza ou énfase na
expresión, a eufonía etc. Como criterio xeral, débese usar o
infinitivo flexionado sempre que for posíbel gramaticalmente e non
resultar estilisticamente desaconsellábel.
O futuro de subxuntivo, por outra parte, é
unha característica do galego que hoxe está en decadencia e que é
necesario preservarmos. Constitúe unha forma non real que marca a
eventualidade no futuro, situándose por tanto na posterioridade ao
momento da enunciación; nunca se utiliza como autónomo en cláusulas
simples, senón que só aparece como núcleo da frase verbal nalgunhas
cláusulas en correlación con outro verbo en futuro, presente de
indicativo ou de subxuntivo e imperativo; esas cláusulas son as
condicionantes, circunstanciais temporais, circunstanciais locativas,
circunstanciais modais (e outras introducidas polas mesmas conxuncións
en cláusulas comparantes e intensificantes, propias das bipolares
comparativas e proporcionais respectivamente) e relativas, para alén
doutras construcións relacionadas coas anteriores en que se repite o
verbo en presente de subxuntivo e en futuro de subxuntivo (sexa como
for, faga o que fixer). Parece moi recomendábel, desde o
ámbito formalizado da lingua, dar preferencia ao uso do futuro de
subxuntivo neses casos, a pesar de existiren outras posibilidades,
primeiro por así contribuírmos a recuperar unha forma en decadencia de
grande valor para marcarmos a necesaria fronteira fronte ao español, e
en segundo lugar por ser unha fórmula con grande rendibilidade
expresiva e de maior precisión lingüística do que outros tempos
verbais. Mais, para alén desa opción preferencial, tamén parece
conveniente propormos como prescritivos algúns deses casos. Así, dadas
as circunstancias adecuadas para o uso do futuro de subxuntivo e tendo
en conta que onde fundamentalmente se ten utilizado desde a época
medieval é nas oracións condicionais lato sensu, deberíase
considerar prescritivo o seu uso nas cláusulas condicionantes con se (Se
chegares antes das dez, chámame), nas circunstanciais
temporais con cando con valor condicional (Irei cando cumprires
a túa palabra), nas circunstanciais modais con segundo ou conforme
que tamén teñan un matiz condicional (Conforme traballaren,
así cobrarán) e nas relativas así mesmo con valor condicional (Aprobarán
os que máis estudaren). A modo de exemplo, debería considerarse
obrigatorio o uso do futuro de subxuntivo en casos como o seguinte:
"Os que (se, cando) non achegaren a documentación antes
do vindeiro día 30 serán excluídos" ; neste sentido, véxase
o diferente significado de Cobrarán unha pensión especial os que
cotizasen / cotizaren durante 20 anos segundo o tempo
empregado.
En conclusión, aínda que o uso do futuro de
subxuntivo foi esmorecendo modernamente na fala en paralelo coa sorte
que seguiu este mesmo tempo no español, a súa plena funcionalidade no
longo período medieval de normalidade lingüística na Galiza, así
como a pervivencia na nosa literatura popular (refráns, cantares), na
fala e na literatura do XIX (Pondal, Curros, Rosalía etc.) e mesmo na
do XX, ao que lle hai que acrecentar a plena vixencia no portugués
actual, parecen aconsellar o esforzo da súa recuperación nun principio
cando menos na escrita, aínda que só sexa como fórmula de
reafirmación da nosa identidade lingüística e de diferenciación co
castelán, para alén da súa incuestionábel utilidade tanto na prosa
técnica, xurídica ou burocrático-administrativa, como nos restantes
usos da lingua e como recurso estilístico moi rendíbel na lingua
literaria. Algo semellante se podería dicir do infinitivo flexionado:
aínda que a súa vitalidade na fala actual é moito maior,
principalmente entre a xente idosa, corre tamén o risco de se perder
nas capas de poboación máis novas por ser un trazo que non posúe o
castelán, verdadeiro modelo subxacente e única lingua que está a
ameazar as estruturas propias do galego, pondo tamén en perigo a mesma
supervivencia deste como lingua autónoma e maioritaria da Galiza.
Potenciarmos o uso do infinitivo flexionado e do futuro de subxuntivo
supón, pois, afortalarmos o noso sistema lingüístico e garantirmos
mellor a súa independencia e o seu porvir.
[A Nosa Terra,
nº 1.111, 9-14 xaneiro de 2004] |
As novas normas do galego, o reintegracionismo e a corrección
lingüística
Convén afirmar de inicio, e dun punto de vista
persoal cando menos, que un compromiso arredor dunha norma común para o
galego, nas actuais circunstancias, non só era algo desexábel, senón
absolutamente imprescindíbel para lle darmos estabilidade na escrita e
prestixio no ámbito social. Porén, a aceptación dunha norma de
consenso non implica unha renuncia aos postulados ideolóxico-lingüísticos
de cadaquén a respecto do que se consideraría a mellor norma posíbel
ou a respecto da relación entre galego e portugués. Pódese, en
teoría, acreditar na unidade lingüística galego-portuguesa e, ao
mesmo tempo, facer uso da norma oficial que foi produto dun consenso
entre especialistas, como tamén se pode ser republicano ou comunista e
exercer responsabilidades públicas nun réxime monárquico ou
capitalista. Unha cousa é acatar unha norma lingüística e outra moi
distinta é renunciar ás propias ideas ou inclusive deixar de traballar
por elas; como tamén se pode acatar unha lei, mesmo a Constitución, e
asemade non estar de acordo con todos os seus principios ou inclusive
ser partidario da súa modificación.
Pódese, pois, utilizar a norma oficial e, ao
mesmo tempo, defender o reintegracionismo lingüístico? A resposta
virá dada en función do que se entender por reintegracionismo.
Partamos do principio, non difícil de asumir, de que o galego
comunmente falado na actualidade está moi interferido polo español e
de que tal modelo non se pode consagrar como irreversíbel, pois,
segundo este parecer, iso ía supor a dialectalización progresiva do
galego a respecto daquel e a súa futura desaparición como lingua
autónoma. Semella lóxica e necesaria, pois, unha intervención
cirúrxica sobre ese galego falado para o ir reintegrando no seu propio
sistema, de onde nalgúns aspectos foi arrincado pola presión secular
da que foi única lingua oficial durante séculos. Desde esta
perspectiva parece moi defendíbel a reintegración lingüística,
entendendo por tal o feito de reconducirmos o galego cara á súa plena
autenticidade, liberándoo das interferencias foráneas. Neste
sentido, as novas normas de consenso poden ser consideradas como
reintegracionistas na medida en que reafirman o galego nas súas raíces
e tradición. Ou non acontece así co reforzamento de ao, -bel, -aría,
co recoñecemento de até, porén, após, ouvir, Galiza, ou coa
prescrición de presenza, diferenza, sentenza, graza, conduta, ditado,
os femininos alemá, catalá, bretoa, por exemplo?
Nesa reintegración do galego en si mesmo, o
portugués debe ser o modelo orientador ou, de o preferirmos, o espello
que nos ha confirmar en moitos casos o que é ou non é galego. Aínda
defendendo a existencia do galego como lingua autónoma, algúns temos o
convencemento de que só terá asegurada a súa independencia a respecto
do castelán de se manter unido o máis estreitamente posíbel ao tronco
lingüístico de que forma parte. Ou, como dixo Rafael Dieste, canto
máis galego for o galego, máis se parecerá ao portugués. Con outras
palabras, o galego ten de unir a súa sorte á do portugués como
garantía de non ser absorbido polo español.
Non hai dúbida de que nese achegamento ao
portugués a ortografía é un elemento simbólico importante que debe
marcar unha primeira fronteira coa lingua de Castela. Ora, tamén
coidamos que a ortografía non é o elemento fundamental nin
imprescindíbel para avanzarmos na reintegración antes mencionada.
Disfarzado de español, o galego pode ser auténtico galego ou galego-portugués;
e disfarzado de portugués ou de galego-portugués, o galego pode ser un
castrapo evidente se non se preservaren as súas características
intrínsecas. A ortografía é unha convención que se pode mudar de
modo relativamente doado, mais as estruturas internas da lingua non se
poden mudar coa mesma facilidade. Por iso hai que prestar atención moi
especial aos aspectos morfosintácticos.
Débese ter presente, máis unha vez, que as
normas oficiais son ortográficas e morfolóxicas. As regras
sintácticas ou morfosintácticas veñen fixadas pola gramática e a
respecto delas non se teñen suscitado practicamente discrepancias,
aínda que certos aspectos foron máis ou menos enfatizados ou
preteridos, segundo os casos. Algúns destes aspectos, que constitúen
recursos expresivos a que eventualmente o galego culto non debe
renunciar, senón máis ben privilexiar, son, por exemplo, a colocación
do pronome clítico entre a preposición rexente e o infinitivo rexido (Marchou
sen te avisar) ou entre a partícula de enlace e o infinitivo
nas perífrases verbais (Hei de o facer), o uso ocasional
da interpolación de determinados elementos entre o clítico e o verbo (Pasou
como che eu dixen), do xerundio con desinencia de primeira
persoa do plural (Estándomos para saír, púxose a chover) ou da
perífrase modal obrigativa ter de + infinitivo (Teño de ir a
Carballo); tamén a potenciación de construcións sintácticas coa
interposición dunha frase nominal con artigo (ou dun pronome tónico de
terceira persoa) en función de suxeito do infinitivo entre a
preposición rexente e este (Por os rapaces non o saberen,
suspenderon; De elas estaren alí, non acontecería iso);
etc.
Algúns destes trazos teñen (ou deberían ter,
no seu caso) valor prescritivo, como por exemplo: o uso obrigado do
artigo entre o pronome cuantificador ambos/-as e o
substantivo cando aquel tiver función adxectiva (ambas as mulleres),
igual que acontece con todos/-as (todos os homes);
a eliminación do artigo naquelas cláusulas de relativo introducidas
por preposición en que o antecedente está claramente expresado
inmediatamente antes desta e non existe ambigüidade na interpretación
do significado da oración (O día en que naceu; A rúa
en que vive; As razóns por que te deixou); a non
utilización como norma da preposición a co complemento directo,
salvo en casos de ambigüidade na distinción funcional co suxeito (Colleu
os nenos pola man, Vin o Xoán na rúa);
distinción constante, excepto en cláusulas desiderativas e nalgúns
usos estilísticos, entre -ra- como morfema de antepretérito de
indicativo e -se- como morfema de pretérito de subxuntivo (Dixérame
que te avisase antes das oito), distinción neste caso expresamente
recollida e reforzada nas novas normas; etc. Entre estes casos débense
incluír, moi especialmente, o uso do infinitivo flexionado (ou
conxugado) e tamén o do futuro de subxuntivo, cuxa correcta
utilización figura así mesmo agora reforzada e recomendada por vía
normativa.
Claro está que non son as novas normas
aprobadas aquelas que o movemento reintegracionista propuña ou desexaba.
Mais o aproveitamento de todas as posibilidades recollidas nelas,
xuntamente co uso e potenciación dos trazos morfosintácticos antes
citados, entre outros, que en nada as contrarían, así como o
explícito recoñecemento do portugués como recurso para o
acrecentamento lexical, permiten o asentamento dun modelo de lingua
máis auténtico e, por iso, máis 'reintegrado' nas propias raíces do
idioma e no sistema lingüístico galego-portugués a que pertence. Para
o conseguirmos é preciso un especial coidado e esforzo, nomeadamente
das persoas con máis capacidade de influencia social, por evitarmos
incorreccións e interferencias que deturpan e desnaturalizan a lingua,
afectando mesmo as súas estruturas sintácticas.
É o momento de afirmarmos que hoxe xa non
debería ser suficiente con que as persoas que se dedican á docencia,
ao xornalismo, á creación literaria ou ao ámbito da representación
pública en Galiza, por exemplo, e teñen un compromiso claramente
asumido co idioma propio, se expresen en galego de calquera maneira,
senón que tanto esas mesmas persoas a respecto de si propias como a
sociedade no seu conxunto deberían exixir un grao de corrección
lingüística minimamente aceptábel, como acontece, sen ir máis lonxe,
co emprego do español. Xa non semella xustificábel a estas alturas,
por moi meritorio que consideremos o emprego do galego, a utilización
pública dun idioma deturpado e castrapizado por parte de quen ten
preparación e capacidade suficientes como para o poder falar con
corrección, a pouco que se esforzar. Moitas veces é simplemente unha
cuestión de desleixo ou despreocupación, facilmente subsanábel
dedicándolle unhas horas ao repaso dalgunhas regras gramaticais. A
partir desa corrección mínima, sempre exixíbel nunha situación de
pretendida normalidade, canto máis consigamos afortalar as estruturas
lingüísticas propias mediante o uso dos trazos diferenciais máis
característicos, mellor contribuiremos a preservar e dignificar unha
lingua extensa e útil na Galiza e no mundo.
[A Nosa Terra,
nº 1.112, 15-21 xaneiro de 2004] |
Normativización e normalización: son horas de decidirmos
Estase a dicir sempre, constantemente o
repetimos, e non só cando cantamos o noso himno nacional: "os
tempos son chegados", neste caso tamén para a tomada de decisións
individuais e colectivas canto á "questione della lingua" na
Galiza, tanto no referente á planificación do corpus como do status,
ou se quixermos, no que afecta a normativización e a normalización.
Talvez xa non fique moita máis marxe para as medias tintas ou para a
ambigüidade calculada. É hora de as persoas implicadas -a maioría,
por desgraza, vive á marxe do tema- se definiren e de as institucións
se decantaren. A situación por que pasa o galego xa non dá para moito
máis.
Levábase moito tempo demandando un consenso
arredor da norma e criticábase a incapacidade duns e doutros, dos
discrepantes sobre todo, para conseguiren forzar ou concitar o acordo.
Moitas desas críticas proviñan de sectores pouco proclives aos avanzos
sociais do idioma, que utilizaban as disputas normativas como desculpa
para a inacción. Ben, pois agora que o acordo se produciu, algúns dos
que o exixían como condición indispensábel para se sumaren á causa
nin tan sequera se queren dar por enteirados da súa existencia, e quen
debía ter a máxima urxencia por o publicitar, aplicar e facer cumprir
declárase á marxe do tema. Semella que a existencia mesma do acordo os
incomodase ao ficaren sen a fácil desculpa que precisaban para tan
morna actitude perante a lingua. Mais agora chegou o momento da verdade
para todos e cómpre tomar posicións claras: ou a favor ou en contra,
ou para diante ou para atrás. Onde se viu que a iniciativa privada
teña de substituír a obriga institucional de dar a coñecer o que é
disposición legal común? Como se pode tolerar a competencia entre
institucións por manteren oculta unha norma que tamén a elas obriga?
Están a favor ou en contra do seu cumprimento?
Mais tamén individualmente é necesario
definírmonos: queremos ou non un galego cunha norma estábel
maioritariamente aceptada, un galego máis acorde coa súa historia e
menos dependente do castelán? Ou preferimos un galego cunha norma que
nos divida e que non garanta a debida autonomía a respecto da lingua
oficial do estado? Queremos un galego socialmente prestixiado ou
preferimos un galego caótico na escrita e minusvalorado? Se optarmos
pola estabilidade da norma, será necesario facermos o esforzo de a
coñecer e a practicar con coherencia. Pode ser tamén que haxa quen non
considerar válida a nova norma por pensar que esta debe ser a do
portugués, adaptada ou non ás peculiaridades do galego. É outra
opción que entra dentro do ámbito de decisión particular e que, en
calquera caso, cómpre respectarmos. Posibelmente algunhas persoas, ou
talvez moitas, quererían unha norma oficial estábel máis próxima do
portugués, máis reintegracionista, aínda que están dispostos a
acataren esta por pragmatismo e por non danaren o prestixio do idioma.
Ora, por veces eses desexos teóricos de maior aprofundamento nas
mudanzas da norma non se corresponden coa práctica idiomática seguida
por tales persoas, pois non tiran delas, posibelmente por rotina ou
comodidade, todas as posibilidades que conteñen. Para que máis
transformacións na norma, cabería pensarmos, se non se aproveitan as
xa existentes?
Por unha parte, cómpre afirmarmos que calquera
avanzo na procura dun galego máis auténtico e mellor inserido no
sistema a que pertence é incompatíbel coa utilización de
castelanismos de calquera tipo e coa renuncia a trazos tan
característicos do galego como son o infinitivo flexionado ou o futuro
de subxuntivo, por exemplo. Tampouco resulta coherente a exixencia de
maiores mudanzas coa renuncia ao uso de, por exemplo, as formas mao/má
como adxectivos (en substitución de malo/mala), estábel/estábeis
e o verbo estabelecer (tamén estabelecemento), así como as
demais palabras con sufixo -bel/-beis (no lugar de -ble/-bles),
alén do uso de partículas como até, porén ou após;
todas estas formas son plenamente normativas, ao mesmo nivel que os seus
pares alternativos. Xa non só resulta incoherente, senón que é mesmo
contrario á norma, o continuarmos a facer uso de *sen embargo, *anque,
*alomenos, *entonces ou *en cambio, formas
definitivamente eliminadas. Tamén alemán, catalán, afgán
ou capitán teñen como únicas formas de feminino alemá,
catalá, afgá e capitá, igual que acontece con anfitrión/anfitrioa,
bretón/bretoa, león/leoa, patrón/patroa,
saxón/saxoa ou teutón/teutoa.
Por outra parte, convén insistirmos en que as
escollas lexicais non están suxeitas ás normas aprobadas, que sinalan
o portugués como modelo a seguir na incorporación de novas palabras,
independentemente do criterio de autoridade que se vaia fixando a
través dos dicionarios académicos. Alén dos casos de castelanismos
que se deben rexeitar (achegar ou achega e non *aportar
ou *aportación, suxestións e non *suxerencias,
por exemplo), nada impide introducirmos termos como ementa (xunto
a menú), carimbo (en vez de cuño), xuri (ou
tribunal), ferias (por vacacións), comboio (ao
lado de tren), carro (como sinónimo de coche), romance
(por novela), suceso (co signficado de éxito), vareador
(convivindo con concelleiro), ou ar condicionado, camiños
de ferro, cadro preto (tamén lousa, tan galega, como
se di no Brasil, por encerado) etc. A popularización ou non
destas e doutras formas vai depender do uso que delas fixeren os autores
ou autoras, entendendo estes nun sentido moi amplo, o profesorado e os
medios de comunicación; non sería nada moi diferente do que aconteceu
con orzamento (por presuposto) ou xuro (por interese).
Se por veces resulta lexítimo acudirmos a un barbarismo, máis o será
tomarmos un empréstimo dentro do noso propio sistema lingüístico,
nomeadamente se con el conseguirmos diminuír a dependencia léxica do
castelán. Tamén non só non se impide, senón que aparecen
expresamente citadas nos exemplos das novas normas, as denominacións
relixiosas dos días da semana: segunda feira, terza feira,
cuarta (ou corta) feira, quinta feira e sexta
feira. Non se trata de que o galego renuncie a unha soa palabra
patrimonial de seu, senón de que en ocasións optemos por coincidir co
español ou co portugués en formas sen tradición documentada na Galiza.
É, pois, o momento de nos definirmos a favor
ou en contra dunha norma común unificada de consenso que consiga
estabilizar e prestixiar a lingua escrita, mais tamén a favor ou en
contra, na nosa práctica lingüística, dun galego máis auténtico.
Dito con outras palabras, cómpre optarmos por un galego
"reintegrado" en si propio ou por un galego "castrapizado"
que se vaia disolvendo paseniñamente no español, como unha variante
dialectal máis; se a opción escollida for a primeira, aínda teremos
de decidir se o facemos a través da actual norma oficial, aproveitando
todas as posibilidades que nos ofrece, ou se procuramos outras vías
máis directas, aínda que talvez menos eficaces. Persoalmente coido que
a utilización dunha norma oficial estábel e consensuada como a actual,
con todas as súas limitacións, alén de ser unha necesidade, é a
mellor opción para unha lingua como a galega que ten de ser utilizada
na administración e no ensino. Porén non é este o único reto que ten
hoxe o galego, infelizmente. Nin tan sequera o máis relevante.
Por moi importante que sexa a normativización,
máis o é a normalización; e o proceso de normalización da lingua
galega non discorre, evidentemente, por bo camiño. Non son necesarios
moitos argumentos para o demostrarmos, pois a realidade é de por si ben
elocuente. Será suficiente con citarmos tres casos de actualidade. Un
resulta tráxico: unha persoa que vai ser operada ten de pór en perigo
a propia saúde para poder exercer os seus dereitos lingüísticos, pois
o hospital compostelán, público, en que vai ter lugar a operación non
dispón de formularios en lingua galega para asinar a autorización e a
reclamación pertinente suporía un retraso na intervención. Outro,
dramático: unha avogada que presenta no xulgado de Muros un escrito en
galego é requerida pola xuíza para que corrixa ese "erro
emendábel". E o terceiro, traxicómico: unha parella que quere
celebrar o seu casamento civil en galego debe facelo, en Santiago de
Compostela, mediante a contratación dun intérprete, pois seica o xuíz
non entende o galego, e unha demora de meses. Fixémonos que estes
feitos acontecen no ano 2003 en Santiago e en Muros, non en Madrid ou
Roma, nin no ano 1974, cando existía unha ditadura e non había
Constitución, nin Estatuto, nin Lei de Normalización Lingüística.
Semella que algo avanzamos: agora poderemos usar o galego nalgún dos
ámbitos en que antano estaba vedado se estivermos dispostos a realizar
unha denuncia pública, a pagarmos un "imposto lingüístico"
complementar ou a sufrirmos un considerábel retraso na resolución do
caso. Pode alguén crer, nestas circunstancias, que a lingua galega é
realmente unha lingua "oficial" ou "cooficial"?
Volvamos ao inicio para irmos concluíndo: os
tempos tamén son chegados para dicidirmos se o galego é, na verdade, a
lingua natural e propia da Galiza, como na teoría din as leis, ou só
unha peculiaridade a protexer en tanto non desaparecer de morte natural.
Debemos decidir se o galego é a nosa lingua ou non. Fóra máscaras e
decídase xa, pois mañá talvez sexa tarde. Se a decisión for
afirmativa, haberá que actuar en consecuencia e tomar medidas eficaces,
que as hai, para a súa normalización. O acordo normativo foi unha.
Cúmprase e avancemos.
[A Nosa Terra,
nº 1.113, 22-28 xaneiro de 2004] |
|