1. O futuro do galego na
Europa da diversidade
Vén de se
celebrar en Palma de Mallorca o Fórum da Asociación pola Diversidade
(Partnership for Diversity Forum) propiciado pola Axencia Europea para
as Linguas Menos Estendidas (The European Bureau for Lesser Used
Languages, EBLUL), organismo independente que conta co apoio da Unión
Europea e que representa máis de 40 millóns de cidadáns dos seus
estados membros que falan linguas diferentes ás oficiais dos estados. O
galego está presente nese foro europeu formando parte, xunto co
catalán e o basco, do comité do estado español. Por outra parte,
estes días deuse a coñecer un informe da UNESCO en que se alertaba da
posíbel desaparición do galego, entre outras linguas do mundo. Ambos
os acontecimentos voltan a pór en primeiro plano o tema lingüístico
no noso país e dannos pé para realizarmos algunhas reflexións.
En primeiro lugar, os asistentes ao Fórum de
Mallorca puidemos comprobar o real compromiso do goberno das Illas
Baleares coa lingua catalá, lingua oficial do encontro, xunto co
inglés e o francés, e lingua que está a avanzar de forma decidida na
sociedade insular. Talvez alguén se poida surprender de que unha
comunidade que recebe máis de 12 millóns de turistas ao ano faga
manifesta ostentación e motivo de orgullo do feito de posuír unha
lingua propria, mais ben nos explicou o responsábel gobernamental que a
peculiaridade lingüística das Illas é máis un atractivo turístico
que ese goberno procura dar a coñecer. Desde logo, a presenza e
potenciación do catalán non impediron que esa sexa hoxe unha das
comunidades máis ricas e visitadas do estado. Tamén alguén se
podería surprender de que lle chamen oficialmente 'catalán', a faceren
así evidente a clara unidade lingüística existente en toda a franxa
mediterránea.
Por contra, non son poucos entre nós os que
pensan que o uso do galego é un atranco para o noso progreso económico
ou para a industria turística e quizais aínda máis os que pretenden
negar a tamén evidente unidade lingüística na franxa atlántica, que
converte o galego, baixo a denominación de portugués, nunha das
linguas oficiais europeas e nunha das linguas máis faladas no mundo,
coa particularidade de a lingua que se fala en Portugal ou no Brasil se
ter xerado no noso territorio, así como a lingua das Illas Baleares se
xerou en Cataluña e a de Castela en Cantabria, pois foi desde o norte
que os romances peninsulares se foron estendendo cara ao sul. Entanto o
catalán e o castelán se engrandecen coa súa proxección alén de
Cataluña ou Castela, debemos os galegos renunciar ao grande patrimonio,
tamén económico, que supón o posuírmos a marca de orixe dunha das
linguas máis estendidas polo mundo? Podemos permitirnos o luxo de
deixarmos esmorecer no noso proprio territorio unha lingua que nós
criamos e que nos identifica, encanto outros a conservan e protexen con
orgullo?
Como se puxo de manifesto nese foro mallorquino
en que interviñeron os directores xerais de política lingüística de
Galiza, Euscadi, Cataluña e Baleares, e como tamén pon en relevo ese
informe da UNESCO, o catalán e o basco (excepto en territorio francés
e talvez navarro) están a gañar espazo e falantes nas súas
comunidades, de forma que se están asentando as bases que van garantir
o seu futuro; mais para iso os gobernos respectivos están a realizar
unha política decidida de apoio á lingua, con fortes investimentos en
materia de normalización, pois é ben sabido que sen diñeiro pouco se
pode facer. No caso de Galiza, pódese falar certamente de avanzos en
determinados ámbitos, culturais ou académicos principalmente, mais a
crúa realidade, como agora nos di a UNESCO, mais como tamén xa todos e
todas sabíamos por inquéritos precedentes, é que o galego está a
retroceder alarmantemente como lingua falada, sobretodo entre a xente
nova. Certamente que non toda a culpa é do goberno, pois a sociedade no
seu conxunto é responsábel do porvir da súa lingua, mais fica claro
que en Galiza non se destinan a normalización lingüística os recursos
económicos e humanos necesarios, nen se impulsan iniciativas firmes e
eficaces dentro dun plano xeral de actuación política en materia de
lingua hoxe por hoxe inexistente.
Non son suficientes declaracións retóricas de
amor ao noso idioma, nen proclamas baleiras dun suposto 'bilingüismo
harmónico', eufemismo que oculta un verdadeiro proceso de substitución
do galego polo castelán. Hoxe temos exemplos polo mundo adiante, moi
ilustrativos, que nos indican o camiño a seguir se de verdade quixermos
asegurar a vida do noso sinal de identidade máis importante. Non temos
moito que inventar. Mais neste momento debemos constatar que as
actuacións institucionais non van polo camiño adecuado. Nun folleto do
goberno balear que se entregou en Mallorca aos asistentes ao foro
afírmase que o catalán é a máis forte entre as linguas europeas sen
estado por, entre outras razóns, estar completamente estandarizada con
"un total consenso académico". Ben, pois cando aquí, por
fin, conseguimos ese consenso histórico para a lingua galega, a
institución que os nosos devanceiros criaron para a defender e
potenciar rexeitouno co aplauso de destacados gobernantes. É só un
exemplo. Hai moitos máis que proveñen de ámbitos políticos que
teñen a obriga legal de potenciaren o galego.
Estamos no proceso de construción da unidade
europea, por certo xa defendida hai moito tempo por un dos grandes
valedores do galego, Castelao en Sempre en Galiza, e esa nova Europa que
se está a criar comeza a apostar pola multiculturalidade e a recoñecer
en documentos oficiais que a diversidade lingüística non é un
problema, senón unha riqueza que debemos preservar. Fálase moito agora
tamén do caso de Irlanda, o "tigre celta" que tantas
afinidades físicas e espirituais ten con Galiza, e mesmo se insinúa
que o progreso económico que alí se produciu nos últimos anos ten
moito a ver co triunfo do inglés sobre o gaélico. Mais esquécese que,
nun contexto histórico-social moi diferente ao noso, o inglés xa se
impuxo alí desde hai moitos anos como lingua maioritaria e durante ese
longo período Irlanda figurou entre os países occidentais con máis
baixo nivel de renda e benestar. Se nestes dez últimos anos se produciu
o chamado milagre irlandés deberán ser outros os factores que o
explicaren. Mais, de todas as formas, Irlanda mantén unha política
firme de apoio ao gaélico, declarado formalmente a súa primeira lingua
oficial, e está na vangarda da defensa da diversidade lingüística en
Europa: foi en Dublín onde se estabeleceu a primeira sede do EBLUL, que
agora vai celebrar tamén alí o seu vixésimo aniversario, e foi tamén
en Dublín onde o ano pasado se celebrou o primeiro Fórum da
Asociación pola Diversidade, todo iso co apoio claro do goberno
irlandés, principal valedor deste organismo que mantén un status
consultivo coa ONU, a UNESCO e o Consello de Europa, traballando en
estreita colaboración co Parlamento europeu.
Sería un novo sarcasmo histórico para nós
que cando en Europa se dan pasos na xusta promoción de linguas mesmo
con escasa tradición escrita e cando outras, como o galés, por
exemplo, comezan a dar síntomas importantes de recuperación apesar de
teren de competir co inglés, nós mesmos deixemos morrer no noso
territorio unha das linguas pioneiras en daren brillantemente suporte
escrito á rica tradición literaria europea na época medieval e unha
das linguas hoxe máis estendidas polo mundo. Na tarefa de evitarmos tal
perda irreparábel todas e todos nós temos responsabilidades, mais
tamén o goberno galego, responsábel directo da política
lingüística, e mesmo o goberno español, asinante da Carta Europea das
Linguas Minoritarias, feito que o compromete na defensa de todas as
linguas que se falan no estado. Así o expresou, no seu discurso
inaugural do foro de Mallorca, por suposto en catalán, o Presidente do
EBLUL Bojan Breziger, quen fixo unha chamada ao Presidente do goberno
español, nestes momentos tamén a ocupar a Presidencia europea, para
que abandone as reticencias á diversidade e aposte decididademente pola
que ten de ser necesariamente a Europa do futuro: a Europa da unidade
económico-política e da defensa das liberdades democráticas, mais
tamén a Europa da diversidade cultural e lingüística como garantía
desas mesmas liberdades, dos direitos individuais das persoas e dos
direitos colectivos dos pobos que a integran, máis aínda agora que
estamos á porta da ampliación da Unión Europea a novos estados
membros que a veñen a enriquecer coa achega doutras linguas e culturas.
Nesa Europa do multiculturalismo e do
multilingüismo que xa está a ser unha realidade, Galiza pode voltar a
desempeñar un papel importante como xa tivo na Idade Media cando
Santiago de Compostela se converteu en capital espiritual de Europa
através das peregrinaxes e cando o galego foi lingua lírica peninsular
e lingua normal de toda a sociedade galega. Mais iso só poderá
acontecer se nos reafirmamos nos nosos proprios valores e na nosa
propria identidade, pois doutra forma pouco poderemos oferecer a esa
nova Europa en que confiamos. A nosa aposta lingüística para este novo
tempo debe pasar por conseguirmos a plena normalización do galego como
lingua natural e propria de Galiza, tal como o define o Estatuto de
Autonomía. Aseguradas esas "mil primaveras máis" para o
galego, as posibilidades que se nos oferecen en materia de lingua son
extraordinarias, de estabelecermos unha planificación académica
adecuada. O noso sistema educativo debería e podería garantir, sen
grandes problemas, que todas as alumnas e alumnos galegos acabasen o
ensino medio dominando tres idiomas oficiais da Unión Europea e tres
dos idiomas máis falados no mundo: o galego(portugués) como lingua que
nos identifica e nos abre as portas a países e culturas de diferentes
continentes, o castelán como lingua do estado tamén con proxección
mundial e o inglés como lingua franca internacional; nas actuais
circunstancias, das dúas primeiras só a segunda ten garantido
plenamente entre nós o seu futuro nas capas sociais máis novas.
A partir de aquí, cantos máis idiomas
coñezamos mellores oportunidades teremos; mais a deixarmos sempre claro
que garantirmos a normalización do galego debe ser o noso primordial
obxectivo, pois preservarmos o idioma que os nosos antepasados nos
transmitiron é o primeiro deber para coa propria historia, para con
nós mesmos, para con Galiza e para con Europa e o mundo. Entre os temas
que deberían entrar nun desexábel consenso político e social, o
deseño do noso modelo lingüístico semella ser un dos fundamentais e
imprescindíbeis. De o lograrmos con acerto, ben poderemos estar perante
unha das pancas que nos impulsar a posicións privilexiadas dentro desa
nova Europa.
[A Nosa Terra, nº 1023, do 28 de
febreiro ao 6 de marzo de 2002, pp. 4-5]
2. Lingua con futuro
Como agora nos
di a UNESCO, mais como tamén xa todos e todas sabíamos por inquéritos
precedentes, o galego está a retroceder alarmantemente como lingua
falada, sobretodo entre a xente nova, entanto que o catalán e o basco,
por exemplo, se consolidan neses segmentos da poboación. Certamente que
non toda a culpa é do goberno, pois a sociedade no seu conxunto é
responsábel do porvir da súa lingua, mais fica claro que en Galiza non
se destinan a normalización lingüística os recursos económicos e
humanos necesarios, nen se impulsan iniciativas firmes e eficaces dentro
dun plano xeral de actuación política en materia de lingua hoxe por
hoxe inexistente. Non son suficientes declaracións retóricas de amor
ao noso idioma, nen proclamas baleiras dun suposto 'bilingüismo
harmónico', eufemismo que oculta un verdadeiro proceso de substitución
do galego polo castelán. Neste momento debemos constatar que as
actuacións institucionais non van polo camiño adecuado. O catalán
pode presumir de estar completamente estandarizado cun total consenso
académico. Ben, pois cando aquí, por fin, conseguimos ese consenso
histórico para a lingua galega, a institución que os nosos devanceiros
criaron para a defender e potenciar rexeitouno co aplauso de destacados
gobernantes. É só un exemplo. Hai moitos máis que proveñen de
ámbitos políticos que teñen a obriga legal de potenciaren o galego.
Non son poucos entre nós os que pensan que o
uso do galego é un atranco para o noso progreso económico e quizais
aínda máis os que pretenden negar a tamén evidente unidade
lingüística na franxa atlántica, que converte o galego, baixo a
denominación de portugués, nunha das linguas oficiais europeas e nunha
das linguas máis faladas no mundo. Entanto o catalán e o castelán se
engrandecen coa súa proxección alén de Cataluña ou Castela, debemos
os galegos renunciar ao grande patrimonio, tamén económico, que supón
o posuírmos a marca de orixe dunha das linguas máis estendidas polo
mundo? Podemos permitirnos o luxo de deixarmos esmorecer no noso proprio
territorio unha lingua que nós criamos e que nos identifica, encanto
outros a conservan e protexen con orgullo?
A nova Europa que se está a criar comeza a
apostar pola multiculturalidade e a recoñecer en documentos oficiais
que a diversidade lingüística non é un problema, senón unha riqueza
que debemos preservar. Sería paradoxal que cando en Europa se dan pasos
na xusta promoción de linguas mesmo con escasa tradición escrita, nós
deixemos morrer no noso territorio unha das linguas pioneiras en daren
brillantemente suporte escrito á rica tradición literaria europea na
época medieval e unha das linguas hoxe máis estendidas polo mundo. Na
tarefa de evitarmos tal perda irreparábel todas e todos nós temos
responsabilidades, mais tamén o goberno galego, responsábel directo da
política lingüística, e mesmo o goberno español, asinante da Carta
Europea das Linguas Minoritarias, feito que o compromete na defensa de
todas as linguas que se falan no estado.
A nosa aposta lingüística para este novo
tempo debe pasar por conseguirmos a plena normalización do galego como
lingua natural e propria de Galiza, tal como o define o Estatuto de
Autonomía. A partir de aí, as posibilidades que se nos oferecen en
materia de lingua son extraordinarias, de estabelecermos unha
planificación académica adecuada. O noso sistema educativo debería e
podería garantir, sen grandes problemas, que todas as alumnas e alumnos
galegos acabasen o ensino medio dominando tres idiomas oficiais da
Unión Europea e tres dos idiomas máis falados no mundo: o
galego(portugués) como lingua que nos identifica e nos abre as portas a
países e culturas de diferentes continentes, o castelán como lingua do
estado tamén con proxección mundial e o inglés como lingua franca
internacional; nas actuais circunstancias, das dúas primeiras só a
segunda ten garantido plenamente entre nós o seu futuro nas capas
sociais máis novas. Non valería a pena un consenso político e social
que permitise garantirmos o porvir do noso idioma como principal
símbolo da nosa identidade?
[La Voz de Galicia, 3 de marzo de
2002, p. 16]
3. Algunhas reflexións sobre o galego a
propósito da situación lingüística en Europa
Acaba de se
celebrar en Helsinquia unha conferencia sobre "A criación dunha
estrutura común para a promoción das minorías lingüísticas
históricas no marco da Unión Europea". Se temos en conta que o
ponto de partida deste encontro era a situación do sueco en Finlandia,
lingua que non chega a ser falada polo 6% da poboación, non deixa de
nos resultar un tanto estraño para nós, desde a óptica en que nos
movemos, que o presidente da conferencia fose o ex-presidente do país,
e que entre os participantes estivesen o actual Primeiro Ministro
finés, o vicepresidente da Convención Europea ou a Comisaria de
Educación e Cultura, entre outras personalidades relevantes, cada unha
delas co seu relatorio submetido posteriormente ás perguntas dos
asistentes. Poderíamos imaxinarnos aquí un encontro similar sobre o
galego, lingua que falan máis de 2.500.000 persoas? E queremos deixar
de lado, nesta ocasión, o feito de que o galego(-portugués) é,
ademais, unha das linguas máis estendidas polo mundo.
O sueco en Finlandia, falado por tan exigua
minoría, está declarado lingua oficial, xunto co finés, e todo o
alumnado o ten como materia obrigatoria no ensino, existindo así mesmo
modelos educativos que permiten desenvolver toda a aprendizaxe nesta
lingua. Finlandia formou parte do territorio sueco durante uns 650 anos
(até 1809, en que pasou a formar parte de Rusia, conseguindo a
independencia en 1917). O sueco foi pasando de ser falado por case o 15%
da poboación no século XIX ao 5.8% na actualidade, deixando de ser
tamén a lingua de máis prestixio social. Mais, aínda así, conserva o
carácter cooficial. Un caso especial constitúeo o arquipélago de
Aland, situado entre Suecia e Finlandia, que forma parte do territorio
finés: a única lingua oficial alí é o sueco e calquer persoa que
quixer obter certificado de residente deberá demostrar que coñece ese
idioma. Outro caso curioso nunha zona relativamente próxima é o das
Illas Feroes que, sendo territorio oficialmente pertencente a Dinamarca
desde o século XIV, teñen o feroés como lingua única de relación,
encanto o danés só é coñecido de forma pasiva; por certo, Dinamarca
forma parte da Unión Europea e as Illas Feroes non. Non se nos dicía
que aquí temos as maiores cotas de autogoberno e de protección
lingüística?
Neste contexto europeu, na realidade o galego
non debería ser considerado propriamente unha lingua minoritaria, pois
é falado habitualmente pola maioría da poboación, con máis falantes
do que algunhas linguas estatais de Europa. Son minoría, por exemplo,
eses 300.000 falantes de sueco en Finlandia, ou os 30.000 que falan ruso
nese mesmo estado, os 25.000 que falan grego no sul de Italia ou os
90.000 de fala albanesa na mesma zona. Si existen minorías
lingüísticas de fala galega en Asturias, ou en León e Zamora; tamén
hai minorías lingüísticas de fala galega en Madrid, Barcelona,
Xenebra, Londres, Buenos Aires ou Caracas, por exemplo, en total sobre
500.000 galegofalantes espallados polo mundo. Tamén eles teñen direito
a protección como minorías lingüísticas. Ora ben, o máis triste é
que a lingua maioritaria dos galegos e galegas que viven e traballan na
Galiza sexa unha lingua minorizada no seu proprio territorio e que os
galegofalantes na práctica teñamos de reclamar os direitos das
minorías, pois estes aínda non están plenamente garantidos. Ou é que
hoxe en día os pais e nais galegofalantes teñen de facto direito a
educaren os seus fillos integramente en galego como o teñen os falantes
de sueco en Finlandia?
Falouse nese encontro de protección para as
minorías lingüísticas existentes en toda a Unión Europea e
demandouse expresamente a incorporación dos direitos lingüísticos a
esa posíbel Constitución Europea de que se está a tratar,
insistíndose así mesmo na necesidade de que os estados membros da
Unión que aínda non o fixeron, se adhiran formalmente á Carta Europea
dos Direitos Lingüísticos, e aqueloutros que xa a asinaron, como é o
caso do español, a cumpran realmente. Non deixa de resultar altamente
surprendente que nun estado membro como é Grecia se poida aínda deter
e xulgar unha persoa por distribuír un folleto divulgativo da
diversidade lingüística europea que conta co apoio da propria
Comisión Europea. Na loita pola defensa da diversidade cultural e
lingüística de Europa os estados, uns máis do que outros, continúan
a ser o principal obstáculo para o pleno exercicio dos direitos
lingüísticos. Será moi difícil avanzarmos efectivamente neste campo
de non variaren as estruturas de poder no seo da Unión. E a política
seguida polo actual goberno español ao respeito está a ser a cada paso
máis preocupante.
Por outra parte, tamén se tratou de diferentes
modelos de promoción das linguas minorizadas na educación, nos meios
de comunicación e mediante medidas lexislativas. Submetéronse a
consideración planos innovadores e programas específicos de inmersión
lingüística, así como deseños estratéxicos de intervención social.
Non son só filólogos os que interveñen na planificación da
promoción lingüística en Europa, senón profesores e investigadores
en socioloxía, psicólogos, pedagogos, animadores culturais, persoal de
asistencia sanitaria, etc. Analisáronse programas de promoción
integral do galés e modelos de inmersión lingüística en Finlandia.
Os diferentes relatores acudían con frecuencia aos casos do euskera e
do catalán como referentes importantes na promoción das linguas
minorizadas de Europa. Mais o caso do galego non aparecía por nengures
até que as proprias persoas galegas alí presentes interviñan nos
coloquios. A razón é moi sinxela e lamentábel ao mesmo tempo: Galiza
non ten un modelo oficial de defensa e promoción da súa lingua.
Falouse de bilingüismo e inclusive de trilingüismo na procura de
fórmulas eficaces que garantan a presenza e o porvir das linguas
minorizadas. Os modelos son diversos e discutíbeis en relación coas
diferentes realidades en que se deben aplicar.
Mais o que debe ficar claro para nós é que na
actual situación de carencia de modelo proprio non podemos seguir, que
necesitamos un plano xeral de actuación en materia de lingua que se
adecúe á nosa realidade e ás nosas necesidades, e que no deseño dese
plano deben participar todos os sectores sociais e especialistas de moi
deferentes ámbitos da ciencia e da planificación social. A promoción
e normalización do galego non pode ser tarefa, cando menos exclusiva,
do profesorado de galego en xeral nen dos Departamentos universitarios
de Filoloxía Galega. Na planificación lingüística deben intervir os
diferentes Departamentos de Ciencias da Educación, as Faculdades de
Socioloxía, as de Xornalismo no seu ámbito, etc. A normalización do
galego non debe restrinxirse a campos concretos, senón que debe chegar
ao conxunto da sociedade, implicando todos os estamentos sociais.
Benvindo sexa, pois, calquer intento de
elaboración dun plano xeral de normalización lingüística, sempre que
procurar o consenso e a participación de todas as persoas e
institucións interesadas. En Europa e no mundo xa existen modelos en
que inspirármonos e aquí temos especialistas que coñecen ben a nosa
realidade. Cómpre un amplo consenso político e unha firme
determinación para pór en funcionamento os recursos materiais e
humanos necesarios. Mais xa non fican máis desculpas para non tentarmos
elaborar, entre todos, un auténtico modelo de planificación
lingüística que nos permita saír da actual situación de apatía,
cando non de retroceso. Felizmente, o galego aínda ten hoxe todas as
potencialidades e unhas condicións de partida moi boas para se
converter en lingua maioritaria non minorizada, isto é, para conseguir
de facto o título de lingua natural e propria de Galiza que en teoría
a lei lle concede. Son moitos os problemas importantes que ten unha
sociedade como a galega, mais, entre os temas que deberían formar parte
dun desexábel clima de diálogo entre institucións, partidos
políticos e organizacións sociais, o deseño dun modelo de
planificación lingüística comunmente elaborado e aceitado semella
tarefa urxente e imprescindíbel.
[A Nosa Terra, nº 1053, do 24 ao
30 de outubro de 2002, p. 14]
4. O galego e as linguas peninsulares
No marco da
"Expolíngua" de Lisboa (14º Salão Português de Línguas e
Culturas), que anualmente se vén celebrando nesta capital, tiven a
oportunidade de participar na mesa redonda "Linguas minoritárias
em Portugal e Espanha". A dupla condición de moderador da mesa en
representación da Axencia Europea para as Linguas Menos Estendidas e
único membro galego nela permitiume dar a coñecer algúns aspectos
relativos á situación lingüística no noso país e, asemade, debater
con representantes das demais linguas peninsulares sobre algúns
problemas específicos que as afectan. Esta mesa redonda estivo
precedida doutra que levaba por título "A política das línguas
numa Europa alargada", en que participaban representantes de
institutos europeos de lingua e cultura, entre eles o do Instituto
Cervantes. Das moitas ideas interesantes que foron xurdindo, tamén
desde o público, que participou activamente nos debates, cunha
destacada presenza de persoas galegas, cómpre facermos referencia a
algunha delas, así como tirarmos certas reflexións que poden ser de
utilidade.
En primeiro lugar, conviría resaltar, desde
unha óptica europea e ibérica, o plurilingüismo dos estados como
feito natural e absolutamente dominante: todos os estados da Unión
Europea son plurilingües, inclusive un tan pequeno como Luxemburgo.
Portugal, como único estado monolingüe, era o exemplo en contrario que
até hai pouco se viña utilizando, mais na actualidade tamén se
incorporou á listaxe de estados non monolingües co recoñecemento
oficial do mirandés, variante do antigo astur-leonés falada por unhas
15.000 persoas nas terras de Mirando do Douro. Máis de 40 millóns de
cidadáns da Unión Europea falan linguas diferentes das oficiais dos
estados. No estado español cerca do 40% da populación fala unha lingua
diferente do castelán.
En segundo lugar, para varias destas linguas
non oficiais dos estados o termo de "minoritarias" é
totalmente inadecuado. Un caso paradigmático é o do catalán, a
sétima lingua de Europa por número de falantes, que non forma parte
das once oficiais da Unión. Mais tamén o galego, a segunda lingua
europea, despois do catalán, con máis falantes entre as (mal) chamadas
"minoritarias": como se lle pode chamar así a unha lingua que
é a habitual de case o 70% da populación do seu territorio e que máis
do 86% é quen de a falar? Nestes días a imprensa acaba de dar conta
dos datos do censo de poboación e vivenda correspondentes ao ano 2001,
subministrados polo Instituto Galego de Estatística, onde case millón
e medio de persoas sobre un total de dous millóns e medio censados, o
56.85%, declara utilizar sempre o galego, e 780.000 persoas, o 30.29%,
aseguran utilizalo ás veces; inclusive un xornal titulaba que "O
galego é o idioma maioritario", a pesar de perder presenza nas
cidades. Fixémonos no feito de que o galego ten máis falantes do que o
esloveno, o lituano ou o letón, que van ser proximamente linguas
oficiais da Unión Europea. Como se pode ver, o que realmente conta en
Europa para o recoñecemento pleno dunha lingua é o feito de esta
posuír o status de lingua oficial dun estado. En último extremo, son
os intereses políticos dos estados o máis grave obstáculo que impide
garantir a igualdade de dereitos lingüísticos e o efectivo
recoñecemento das diversas linguas existentes en Europa.
No decurso dos debates, por outra parte, os
representantes de Asturias e de Valencia, secretarios os dous das
respectivas academias da lingua, atribuíron a negativa situación por
que pasan o asturiano e o valenciano ao feito de nesas dúas comunidades
non existiren partidos políticos fortes, de carácter nacionalista, que
pulen pola normalización lingüística. O caso contrario é o de
Cataluña e Euscadi, cuxos representantes das direccións xerais de
política lingüística expuseron as eficaces medidas que se están a
tomar e os ambiciosos proxectos de futuro, todos eles sostidos cun
importante e imprescindíbel investimento económico. Fica claro que o
PP e o PSOE non teñen entre as súas prioridades a de potenciaren o
plurilingüismo do estado; máis ben diriamos que están para o
contrario, deixando de lado casos concretos que sempre constituirán a
excepción. No caso de Galiza, sen unha forza nacionalista forte con
opcións de goberno, ou mellor aínda, sen un goberno galego de base
nacionalista e galeguista, será moi difícil podermos avanzar no
proceso de normalización do galego. A cousa é así de clara e non vale
de nada ocultarmos a realidade. Oxalá que os partidos de carácter
estatal tivesen outra actitude, mais as actuacións da Xunta en materia
lingüística ou a do concello da Coruña (e agora tamén, tristemente,
Vigo), por exemplo, non deixan lugar a dúbidas, para alén do que está
a acontecer noutras partes do estado. Somos, pois, en último termo os
cidadáns e cidadás galegos, co noso empeño e esforzo, mais tamén co
noso voto, os que debemos decidir o futuro do galego.
Outra cuestión recorrente que dificilmente
adoita estar ausente en debates desta natureza é a propia conformación
ou delimitación do marco lingüístico peninsular, nomeadamente no que
afecta as relacións catalán / valenciano, por unha parte, e galego /
portugués, por outra. Nesta ocasión foi, sobre todo, o público quen
incidiu neste aspecto. E de novo se puxo en relevo o interese dos
poderes estatais por aprofundaren na división dos sistemas romances
occidental e oriental, en tanto que non poñen en cuestión a unidade do
central; o "divide e vencerás" tamén se fixo ouvir na sala.
Como se ouviron críticas ás triunfalistas palabras do representante do
Instituto Cervantes e dun membro da embaixada española en Lisboa, que
presumían, de acordo coa doutrina oficial, de España ser un estado
modelo na garantía dos dereitos lingüísticos e na protección do
plurilingüismo, cando na realidade isto non está a acontecer. Como
mostra están os contrainformes elaborados por organizacións cívicas
de Galiza, Euscadi, Cataluña ou Valencia, onde se pon en evidencia o
incumprimento por parte do goberno español das súas obrigas en materia
lingüística, contraídas como asinante da Carta Europea das Linguas
Rexionais e Minoritarias.
Por último, e en relación co anterior, tamén
non podía faltar algunha referencia á cuestión normativa do galego.
En tanto que uns saudamos con esperanza a decisión académica de
ratificar o acordo conseguido entre institucións do ámbito
científico, após un longo proceso cheo de dificultades, alguén o
xulgaba parcial. Mais a reflexión que agora cómpre facermos ao
respecto é a seguinte: onde está a Xunta de Galiza neste tema? É que
non vai con ela? Por que non se publicaron as novas normas no DOG?
Pasaron xa varios meses desde a súa aprobación e para as autoridades
todo continúa igual. Non é isto unha mostra palpábel do máis
absoluto desleixo, desinterese ou despreocupación pola lingua propia?
Víñasenos dicindo que a ausencia de acordo en materia normativa era un
grave atranco para a normalización do galego; e nisto coincidiamos
moitas persoas. Porén, agora que existe tal acordo, ignórase por
completo por parte das autoridades políticas, no canto de o utilizaren
para a reafirmación do prestixio e dignificación da lingua e para
impulsaren o seu correcto uso. Por que non se aproveita a feliz
circunstancia para lanzar unha campaña pública de promoción do idioma
que reagrupe e ilusione novamente tantas vontades conxunturalmente
adormecidas? Terán de ser entidades non oficiais as que difundan as
normas oficiais? Interesa ou non interesa a normalización do galego? Se
realmente houber vontade de a levar a cabo, deberá demostrarse con
feitos e non con simples palabras.
[A Nosa Terra, nº1.105, 20-26
novembro de 2003]
5. De Barcelona a Flensburgo. O estado
das linguas sen estado
Uns poucos días
en Barcelona permiten comprobar, a pesar de todos os problemas por que
pasa unha lingua sen estado propio, que o catalán é real e
visibelmente a lingua nacional de Cataluña. Así se pode percibir polas
rúas, nos comercios, na universidade ou nos restaurantes, tanto no
plano oral como no escrito, e tanto entre a xente maior como entre a
mocidade ou a infancia. Tamén o español ten o seu espazo, mais como
lingua complementar, utilizada fundamentalmente, entre outras, pola
emigración. Aínda así, non resulta nada estraño achármonos con
persoas procedentes doutros continentes e razas falando en catalán,
cando menos nos seus postos de traballo. E inevitábel resulta tamén
darmos cun camareiro galego que fala catalán perfectamente, mais que
nos declara non saber falar galego.
O que non aparece por ningures é o falso
tópico da má educación dos cataláns por falaren na súa propia
lingua a persoas de fóra. Desde logo non é perceptíbel calquera tipo
de discriminación lingüística en contra dos que falan español, que
son atendidos nesta lingua sen problemas. Mais, claro está, a primeira
lingua de relación é o catalán, como debe ser. Sorpréndenos tamén
gratamente que na universidade moito profesorado non catalán utilice
habitualmente esta lingua, tanto na oralidade como nos seus traballos
científicos, en tanto que algúns colegas galegos, e galegofalantes a
tempo parcial, con que profesionalmente se relacionan, teñen a menos
impartiren as súas aulas en galego ou publicaren nesta lingua os seus
traballos. Será que o feito de ser unha lingua maioritariamente falada
polas clases populares ou, en troca, pola burguesía se converte en
criterio científico?
Algunhas persoas galegas ficamos un tanto
admiradas, e tamén envexosas, cando vemos polas rúas diferentes
letreiros (de avogados, notarios, médicos etc.) cos seus nomes e
rótulos en catalán; por exemplo, o alcalde da Coruña acaba de lle ir
solicitar ao arquitecto Joan Busquets, director do estudio "B.
Arquitectura i Urbanisme" (BAU), que deseñe o futuro urbanístico
dos terreos portuarios da Coruña. Tamén ficamos admirados cando
entramos nas librarías e nos achamos coas máis actuais obras da
literatura universal traducidas para o catalán; un exemplo é a última
entrega de Harry Potter, da que aínda non se vían exemplares en
castelán. Ou cando vemos nos quiosques xornais en catalán, que a xente
le con normalidade sentada nas mesas das cafetarías ou no metro, e
cando achamos nos xornais escritos en español as esquelas e os anuncios
publicitarios maioritariamente en catalán. Ou cando observamos varias
canles de radio e televisión emitindo en catalán e contemplamos como a
un ministro do goberno central lle colocan auriculares para a tradución
das preguntas que lle formulan en catalán. E cando vemos tamén a unha
coñecida xornalista galega dirixindo un programa de televisión de
suceso nun catalán correctísimo. Non quere isto dicir que o catalán
non teña problemas nin que os cataláns non estean preocupados polo
futuro do seu idioma. Mais o que si quere dicir é que na Galiza temos
aínda moito camiño que andar para chegarmos a unha situación similar.
Fan ben os cataláns en non se conformaren coa situación en que se acha
a súa lingua e faremos moi mal nós se non tivermos en conta o seu
exemplo. Tamén no feito de sermos gobernados por forzas políticas
propias que convertan o idioma nun tema central da acción de goberno.
Vén de se celebrar, por outra parte, o Forum
2004 (Partnership for Diversity) en Flensburgo, centrado nesta ocasión
na cooperación lingüística transfronteiriza, onde o galego contou
cunha destacada presenza. Esta cidade está situada ao norte de
Alemaña, na fronteira con Dinamarca, onde conflúen dous estados, catro
comunidades autónomas e seis linguas diferentes, pondo máis unha vez
en relevo que o que caracteriza Europa e o mundo é a diversidade
cultural e lingüística, moi lonxe da simplista identificación entre
lingua e estado. Mais tamén neste tipo de foros se poñen en confronto
realidades lingüísticas ben diferenciadas. Na política oficial da
Unión Europea de defensa da diversidade lingüística e das minorías
mestúranse os casos de linguas con estado que tamén son faladas por
algunha minoría noutro estado diferente, con aqueloutros casos de
linguas sen estado que por iso mesmo ven seriamente ameazado o seu
futuro; inclusive nalgún caso non se realiza a necesaria distinción
entre linguas e variantes locais dunha mesma lingua.
Por darmos algún exemplo, na mesma Alemaña
hai unha minoría de fala danesa, como en Dinamarca hai outra minoría
de fala alemá. O alemán considérase, así mesmo, unha lingua
minoritaria no norte de Italia, como o é o sueco en Finlandia e o
finés en Suecia. Tamén o ruso é lingua minoritaria en Finlandia e
agora co 'enlargamento' ou ampliación europea vai pasar tamén a ser
obxecto de reivindicación en estados como Polonia, Estonia ou Letonia,
onde o fala un 80% da poboación que é de orixe rusa. Evidentemente,
deben ser defendidos os dereitos lingüísticos individuais e tamén os
dereitos lingüísticos colectivos dos pobos. Mais non semella o camiño
máis axeitado o tratamento uniforme de casos tan diferentes en Europa,
creando un totum revolutum que, ao final, só vai favorecer as linguas
estatais. Por moitas minorías ou maiorías de falantes que teñan
noutros estados, fica claro que o alemán, o danés, o sueco, o finés
ou o ruso non corren ningún risco de desaparición por disporen dun
aparato estatal que os protexe, en tanto que o galego, o eusquera, o
bretón, o galés ou mesmo o catalán si ven gravemente ameazada a súa
existencia por careceren desa protección estatal. Se a situación do
catalán, por exemplo, é mellor que a doutras linguas minorizadas como
o galego, será tamén porque Cataluña dispón dun aparato de poder
propio, dun estado en certo modo, moi superior ao que ten Galiza. E
será por iso así mesmo que en Euscadi se está a avanzar moito máis
rapidamente no camiño da recuperación da súa lingua propia.
Tamén entre nós se podería pensar que o
galego vai pervivir en Portugal ou no Brasil, aínda que desapareza na
Galiza, mais iso nunca nos debería servir de consolo, pois o
galego-portugués naceu no noso territorio e é aquí onde se acha
ameazado. Resultaría moi lamentábel que un dos idiomas máis estendido
polo mundo deixase de se falar xustamente no territorio onde se xerou.
Fica claro que o galego é lingua maioritaria na Galiza e debe continuar
a selo con todas as garantías, o que implica preservar tanto os
dereitos individuais dos galegofalantes como o dereito do pobo galego á
súa propia identidade lingüística. Garantido isto, de acordo con
parámetros europeos tamén habería que protexer especialmente as
minorías de galegofalantes en Asturias, León e Zamora; ou en Xenebra,
Londres, París ou Caracas, por exemplo. E, por suposto, segundo se
tratou neste Forum 2004, fomentar a cooperación lingüística aos dous
lados do río Miño, como fai o exemplar programa de radio escolar
"Ponte... nas ondas", que despertou grande interese en
Flensburgo e mereceu o recoñecemento unánime da asemblea xeral do
EBLUL (European Bureau for Lesser Used Languages).
Na Unión Europea da diversidade lingüística,
onde todo o poder político recae sobre os estados membros, córrese o
perigo de protexer por igual, ou máis aínda, aquelas linguas que son
oficiais dos estados, e aqueloutras que, por careceren de estado, corren
un real perigo de desaparición e precisan dunha máis efectiva
protección. Un excesivo empeño por multiplicar de modo un tanto
artificial as variantes lingüísticas europeas e as respectivas
minorías lingüísticas, dando cabida a casuísticas moi discutíbeis,
pode servir de desculpa para unha política real que paseniñamente vaia
conducindo cara a unha progresiva minorización daquelas linguas que,
como o galego, non posúen estado propio.
En conclusión, e como a realidade europea nos
demostra, a mellor maneira de defendermos a nosa identidade
lingüística é dotándonos nós mesmos dos mecanismos
político-institucionais necesarios que nos permiten defender o noso
idioma con eficacia.
[A Nosa Terra, nº 1120, do 11 ao
17 de marzo de 2004, p. 16] |