A ALDEA
A acción decorre nunha aldea galega do interior. Ambiente rural e campesiño no que a agricultura e a actividade madeireira son os principais recursos.
En canto referencia xeográfica, a aldea é un lugar innominado; a súa ubicación concreta, nunha latitude e lonxitude precisa, énos furtada. As referencias extraliterarias que aparecen (río Ulla, Santiago, Silleda, A Estrada, liña Santiago-Lalín, Ribadulla, Sarandón...) sérvennos para dar verosimilitude ao relato porque sitúan a aldea en Galicia, nunha Galicia real, coñecida, da que se nos citan lugares e vilas. Mais ao non nominalizala, o autor universalízaa ou xeneralízaa. A aldea adquire así as características dun Arquiespacio, lugar ideal que reúne todas as características físicas do que é unha paisaxe rural galega.
En consonancia coa súa indefinición xeográfica, a aldea está ausente dunha definición ou descrición concreta. A pretensión de reunir nun lugar habitado, inconcreto e innominado, a todas as aldeas da xeografía galega, leva a manter unha forte imprecisión descritiva. Os elementos que se nos transmiten sobre as características desa "aldea na beira do Ulla'' son comúns aos de calquera aldea galega e non serven para individualizar a unha entre varias. Non existe unha descrición da paisaxe, ou do urbanismo aldeán... Hai, mesmo, vontade de neutralizar as diferencias, de subsumir os particularismos nun concepto ou realidade máis xeral, máis universal e identificable por todos. Esta aldea da beira do Ulla resume as aldeas galegas.
En canto paisaxe urbanizada, como espacio edificado, a aldea móstrase corno un "lugar de tránsito" entre os recintos que motivan a acción: é o escenario sobre o que se deseñan os feitos. A grande maioría de acontecementos, de feitos determinantes da acción teñen lugar en espacios internos, reducidos, máis ou menos íntimos (casa, escola, Forxa...). Dentro do lugar "marco" que é a aldea, movémonos preferentemente en espacios pechados (casa, escola, Forxa, forno, sacristía, taller de carpintería...), e a partir deses espacios a acción desprázase cara ao exterior ou a outro lugar pechado.
Nestes recintos pechados, Moncho vai efectuando a descuberta do mundo e dos sentimentos: al asiste á primeira morte, ve o teatro, enfróntase coas dúbidas, coñece as letras, sabe dos fuxidos...
Ao decorrer a actividade narrativa en interiores, domesticamente, desaparece ou a penas se insinúa o mundo de fóra, das rúas (42). De tal xeito que percibimos a xente que habita a aldea como unha masa colectiva, anónima, que ten como misión completar o cadro, redondeando unha composición de conxunto. E un colectivo humano traballador e pobre, escravizado, que non conta para nada, sumido na ignorancia, manipulado polo poder, pola Igrexa, polos amos, sen capacidade de reacción, que considera como formando parte da orde natural das cousas a súa existencia e a súa miseria: "A miserenta vida de todos eles tería de seguir. Eran un mundo aparte; un mundo fóra da historia e do mapa, marxinado. Soio contaban para que os levasen a morrer ou para que desen de anada máis do que podían..."Nós adiviñámolos agrupados na zona de sombra, ao fondo, coas puchas nas mans e os ollos baixos, tremendo... Como di M. Portas compoñen un personaxe "icónico" ou "nebulósico" (43).
Desprovista de vigor e forza colectiva, a xente continúa a mesma roda de sempre, case eterna, que lles permite sobrevivir duramente: "...alancando sobor de vraos e invernos, ceifas, aúnos, temperanzas, queixas, gando esfameado. A vida era un ir e vir caíndo, erguéndose e voltando a caír, un canso rillar na mesma codia...".
O mundo non aldeán a penas está insinuado ou pincelado. A vila e as cidades son lugares distintos, alleos; un mundo diferente con outra lingua, outra distribución do espacio, outras cousas que comprar, outros traballos, residencia dos señores e do poder.
Fronte ao mundo externo, estraño e distante, a aldea e as casas configúranse como as dúas faces (unha máis íntima, outra máis externa) dunha mesma realidade espacial. É un mundo repregado sobre si mesmo, interiorizado, sen horizontes, agobiante e repetido. Estes dous espacios (interno e externo) van adoptando diferentes aspectos ao longo da novela. Nos primeiros 9 capítulos, as casas e a aldea son obxecto de busca e indagación, de descubrimento; o rapaz vaise apropiando da paisaxe (a íntima e a exterior), recoñecéndoa como súa: "Foille entrando o mundo polos ollos. Toda presencia nova, todo movimento -regueiro, estrela ou corvo- enchíao de curiosidade. E abrollaron as perguntas, as difíciles e teimosas perguntas... cada herba, cada penedo ou cachopa eran outros renques de fadigosas averiguaciós", "Tentábao a casa baldeira. Soia... Entre aquelas paredes había misterios de moito arrumbo", "Van camiño da Forxa...O rapaz leva moita curiosidade. Somente unha vez tiña ido alí coa súa nai..."
Este espacio reducido (casa e/ou aldea) amable, feliz e limpo, vese alterado a partir da irrupción nela dun axente alterador: a guerra. A nova disposición dos valores, dos modos de pensar e actuar, da vida, ten a súa repercusión na articulación do espacio (aldea e/ou casa) por parte dos labregos. A casa tórnase agora a fortaleza particular, o, castelo doméstico desde o que resistir e librarse desa "tolería sanguiñenta" que rolda por fóra. A acción que, na primeira parte, circulaba ao aire libre ou na solaina da casa, nunha casa en construcción coas paredes abertas aos ventos..., vese agora comprimida en recintos pechados: a Forxa, o forno, taller de carpintería...
A nova situación creada pola guerra destrúe a confianza, a colaboración entre as xentes, a solidariedade. A aldea vaise converter nun reducto enclaustrado, obsesivo onde só a propia casa proporciona refuxio contra a morte, a miseria e o medo.
Finalizada a guerra, en vez de regresar á situación anterior, a aldea vaise manter á defensiva, parapeitada no seu caparazón aprisionada nunha cadea atafegante e miserenta á que non se lle ve final.
OS ANOS DA GUERRA
A novela trasládanos ao agro, á aldea. A aldea configúrase como unha paisaxe tranquila, pechada sobre si mesma, á marxe do tempo. Unha sorte de espacio sagrado que permanece inmutable desde sempre; despreocupada na súa existencia monótona.
Este espacio vaise ver sacudido violentamente, perturbado, porto fóra de si por un feito anormal e terrible: a guerra. O conflicto bélico imponse de súbito coma unha verdade irrefutable; o lector encóntrase de golpe coa noticia; cabe supor que a aldea -"fora do tempo e da historia"- tampouco o soubo ata despois de se ter producido. Unha vez instalados na guerra non cabe unáis solución que esperar, cunha resignación case ferinte, coma eses: "Homes que labouran sen acougo e con escaso proveito, mentras agardan ser chamados a unha guerra tráxica e botan tontas sobor do incerto porvir, diosdirá...".
Este mundo feliz, paraíso terreal, vaise fragmentar, deteriorar, liquidar definitivamente a causa da guerra. Nada será igual a partir dese momento.
Non só vai cambiar a percepción da paisaxe e a relación do honre con ela (natureza ao aire libre, diurna, visitada, amable /vs./ unha natureza progresivamente nocturna, de outono/inverno, tristeira, fosca...), senón tamén a vida da xente que se enclaustra nas casas, non establece relacións con outros, deixa de ser solidaria, tórnase receosa, vive no segredo e no temor, presente a morte, etc.: "O medo rebulía debaixo das tellas, darredor do lume. Ninguén sae ó escuro, ninguén quixo arriscarse polas sorralleiras lamuguentas no meio do trebón. Non eran os primeiros berros, nin as primeiras balas; nin sería, de seguro, o derradeiro crime. A morte non acouga, non se detén, percorre vilas e aldeas, día e noite, con chuvia ou xiada ou lúa de crecente".
O conflicto e o conxunto de prácticas políticas que o acompañan co seu rosario de normas (recrutamento, requisa de armas, prohibición de caza, entrega forzosa de suministros...) provocan a ruptura da normalidade aldeá e conseguintemente crean estupefacción na mente, inxenua e sen manipulacións, dos rapaces. Estupefacción que pon de manifesto, amplificada, a irracionalidade dun conflicto que emprega a pólvora para matar xente en vez de matar lebres, que elimina foliadas e gaiteiros, mete medo nos homes e tristeza e loito nas mulleres. A opinión infantil sobre a guerra e similar á que profesan os adultos: "Unha tolería sanguiñenta e ao fin para nada. Ou si: para recuar. Cando axexaba un chisco de espranza, somente un chisco, as zumezugas de sempre déronlle cheda a uns xenerales pra que esbargallasen todo, e neso andan". Esta identidade de apreciacións fainos observar que a voz infantil non só reflecte a opinión dun rapaz; o seu eco é máis amplo, afecta a toda a sociedade que encontra desprovista de sentido esta guerra ("pra que e pra quen esa vida tronzada", di a mestra referíndose ao seu fillo morto en combate), mais que non pode ou non quere actuar en contra.
Na retagarda impera a morte, a delación, o roubo, as vinganzas persoais encubertas de contido político, a carraxe, o medo, a desconfianza ...Só se percibe anemia moral, sordidez, ruindade. Fronte a esta situación, elévanse como elementos representativos da bondade (o autor renuncia ao confronto ideoIóxico en favor dun maniqueísmo moralizante BEN< > MAL, simplista, pero moi clarificador) os homes do monte, os "fuxidos" ("homes bos") e os seus apoiantes (Moncho e familia) aparecen ornados de características positivas: firmeza de principios, solidariedade, entrega desinteresada a unha causa, xustos, traballadores... O autor elabora un retrato que dá unha imaxe acabada de bondade, de "santidade laica" con todas as características da relixiosa: verdade, vida pura, incomprensión, persecución ...0 contraste entre os dous mundos da retagarda é tan mareante que o lector vese obrigado a identificarse cos fuxidos en quen non ve ningún elemento que os catalogue como "bandidos rojos, enemigos de la patria"...
De todos os modos, tanto as accións dos "fuxidos" como as dos seus apoios son singulares; obedecen a planificacións individuais (un home, unha familia...), non hai resposta colectiva, de conxunto. A lei do vencedor imponse e disolve os máis fortes vínculos comunitarios ou interpersoais. Imponse o disimulo, o segredo: o silencio que ordena o Tío Lois á pregunta de Moncho na Forxa ("tío Lois, ¿onde é que os homes de pola noite...? - Xsssss...") é o silencio, a lousa de pedra que sobre as conciencias impón o novo réxime.
Mais a sociedade da retagarda non só sente a guerra e as súas repercusións físicas, hai outros elementos máis próximos a todos, non violentos, pero igualmente perturbadores e destructores do corpo social, en canto se erixen en portavoces de consignas alleas á súa función: a escola e a Igrexa.
Como transmisora dunha determinada visión do mundo, valorizadora de determinadas actitudes e rebaixadora doutras... a escola compórtase como un elemento aculturador, diglosizante, minusvalorizador do país e a súa cultura ("Decote a mesma rotineira dos cinco ríos máis longos e das serras máis ergueitas... e dálle con que no mundo non hai coma España, terra leda e bendita, tan ancha noutrora que o sol non se poñía nela; país ideal ate no clima... E igual acontecía con aquelas historias... de Wifredo o Velloso... a do Cid Campeador... a de Boabdil...E outras máis como a de Santiago..., a virxe de Covadonga dandolle azos a Pelayo; o coitelo de Guzmán o Bó...").
A escola tómase un eficaz vehículo de imposición lingüística do castelán ("Desde hoy hablaremos solamente en castellano. Así lo dispone el Gobierno. ¿Entendido? En castellano, dentro y fuera de la escuela"), mais tamén é un activo vehículo de propaganda das novas ideas políticas e das súas formas externas ("... apareceron algúns libros novos con lerios da guerra, milagres, vidas de santos... Tamén viñeron himnos e saúdos e uns versos para lle decir á bandeira con moito cerimonia").
Igual función cá representada pola escola é a asumida pola Igrexa. A identificación entre as concepcións conservadoras da Igrexa e as opcións políticas do novo réximo ten plasmaciónconcreta a dous niveis: a Igrexa acolle como propias as accións dos sublevados incorporándoas ao seu discurso e polo tanto converténdoas en liturxia, sacralizándoas ("...o crego baduando na igrexa que o inimigo estaba tamén alí, entre os feligreses, acochado...e fixo comparanza co Xudas Iscariote, roxo traidor..."), polo seu turno o novo Estado fai súas as concepcións relixiosas, morais e educativas da Igrexa aplicándoas ao conxunto da sociedade. A relixión identifícase co Estado, faise Estado de tal xeito que os preceptos e disposicións relixiosas toman o valor de leis, obrigan penalmente aos cidadáns (presencia de toda a aldea na procesión para a entronización do crucifixo na escola; peregrinación de todos os nenos das escolas a Santiago...)
A mestra e o crego son os representantes do poder, da autoridade que vén de fóra, que se impón ás xentes e actúa coma un instrumento controlador e opresor: "...falaban castelán o mesmos dos sermós da igrexa, do xusgado e dos libros da escola; xa fosen lerios deste mundo ou do outro, toda finura e poder e atafego viñan nesa fala...".
Tanto a escola coma a igrexa, actúan como elementos alienadores, negadores da cultura e personalidade do país (emprego dun idioma foráneo; negación da propia realidade, historia e cultura e exaltación da allea, activismo ideolóxico de carácter fascista -instrucción militar infantil himnos saúdos e libros novos, entronización do crucifixo; sermóns "nacionales"...-). D. Anselmo e Dna. Rosa, o crego e a mestra, son os representantes dese novo estado de cousas. Transmisores das ideas autoritarias e fascistas que reforzan or medio do dominio da educación e da escola e polo monopolio da vida espiritual. As súas propostas son completamente diferentes ás dos homes do monte: "...Moita escola, bo xorne, todos traballarán para todos, sin pobres nin señores e sin caseiros nin amos; haberá igualdade, xustia social, fartura...Nada deso viña nos libros da escola...de nada semellante falaba Dna. Rosa e, menos aínda, D. Anselmo, inimigo declarado de cantos tentasen endereitar algo".
A FIGURA DO RAPAZ
Moncho é o protagonista do relato. Asistimos aos seus primeiros anos desde o nacemento á entrada na mocidade. Moncho aparécesenos como unha persoa dotada dunha biografía exemplar: ser curioso e desexoso de saber ("Pero Moncho quería saber máis. Algo máis...dese negro andacio que ninguén lle explicaba polo dereito", "Moncho quería saber máis; ir un chisco máis lonxe neso da guerra e doutras cousas que comenzaba a enxergar" "Derretíase facendo perguntas que en veces ninguén respostaba"), sensible, soñador e intelixente ("E agora este gromo que todo o quere saber, este furabolos maxinativo, soñador, agudo no ver e no escoitar..."), aburado opr dúbidas e "cavilacións" que o sobrepasan por impropias dos seus anos ("...outra das dúbidas que o aburaban era a do lerio relixioso con rezos, alma, inferno, misa Cordero de Dios que quitas los pecados del mundo, auga bendita...", "ateo", "masón", "anarquista" palabras novas na aldea...de cuio significado nin os rapaces de Grao Medio sabían chisco...E Moncho...coma nun desafogo, arredouse unha tardiña...e coa navalla escribeu na tona dunha árbore: "non entende ren", "Tampouco esta vez entendía. Unha presencia santa na escola non vén ó caso. Non é lugar..."). Moncho é obxecto dunha caracterización sempre positiva; sensible, intelixente, solidario, traballador, con capacidade de rebeldía, inquietudes culturais...
De Moncho o autor pretende crear un modelo, unha figura que sexa representativa de todos os rapaces de aldea, por iso carecemos dun retrato físico ou, mesmo, de calqurea referencia que nos obrigue a "pensalo" dun xeito determinado.
Moncho é un rapaz prototípico, mais excesivamente emblemático nos seus pensamentos, actos, opinións..., de tal modo que se alonxa da súa propia realidade infantil e obríganos a preguntar se non estaremos perante un mozo ou un home (44).
Moncho é o elemento central do relato, sobre el recae o peso da acción e a marcha dos acontecementos. A el se refiren a grande maioría dos episodios do libro ben como elemento principal (caps. 1, II, IV, V, VI, VII, XI, XII, XIV, XV, XVI, XVIII) ou secundario (III, VIII, IX, X, XVII), só nun (XIII) está ausente. A partir do personaxe do Moncho articúlanse, a modo de círculos concéntricos, os outros personaxes que actúan como elementos formativos e orientadores: Ramón, tío Lois, Pilara e Daniel; o resto dos intervenientes (Nemesio, Dna. Rosa, D. Anselmo, nai...) teñen unha silueta máis opaca, máis diluída -mais ben parecen elementos necesarios para compor o cadro-. Na distancia, o pobo.
Todos estes personaxes van acompañar a Moncho no seu proceso de "hominización". Todos eles van contribuír á súa formación. Aínda que as ideas e actos dalgúns (D. Anselmo, Dna. Rosa, Pilara) se inscriban no rol que se adxudica tradicionalmente aos "opoñentes" (45), en Aqueles anos do Moncho son elementos que contribúen, por negación ou reacción, á formación de Moncho nun determinado sentido.
Na construcción da súa personalidade, Moncho vai recibir todas as suxestións posibles e necesarias, desde o exemplo paterno ata a educación autoritaria e uniformizadora da escola ou o integrismo relixioso. Tres son, con todo, as figuras que van desempeñar papel de relevo na súa formación: o tío Lois, Pilara e Daniel.
O tío Lois, vello músico, soñador e sensible, é o aleccionador de Moncho polos vieiros da sensibilidade artística; a súa figura tórnase case mitolóxica: é o compañeiro vello e experimentado que orienta e guía o pequeno home en dirección á recta vía (Mentor galaico). Non só as súas indicacións artísticas e musicais, senón tamén a súa vida son fonte de información para Moncho; a súa inxenuidade, resignación, ausencia de rebeldía ("...por falla de canos, e foise quedando no seu límite tío labrego-zoqueiro-músico... vivindo nese recanto da súa nacencia, sin amarguexo sin cobizas"), etc., son actitudes que se revelan inútiles para enfrontar a realidade. Moncho non vai seguir o seu camiño.
Pilara, muller vella e beata, en todo vendo pecado. Portavoz do fanatismo, da intransixencia relixiosa, Pilara representa unha visión tradicional, medieval, do mundo onde só ve condenación. A súa é unha relixiosidade primitiva, con abundancia de manifestacións xestuais e movementos, o que unido ao coñecemento da natureza e dos seus beneficios, a aproximan a un "chamán". Intermediaria privilexiada entre o mundo dos vivos e aqueloutro do Alén vai ocupar unha posición necesaria tanto na explicación da realidade como na solución dos problemas, sexan físicos ou espirituais (Coñecía remedios para todo, nunha mestura de herbas con rezos e, quen máis quen menos, petáballe na porta cando había por diante unha doenza"). Moncho, o mesmo có resto da aldea, recibe coma os outros a traducción que da realidade fai (sempre en clave máxica) Pilara, e só o paso dos anos e a recepción de outras informacións lle fan prescindir dela.
Daniel, xornaleiro ateo e rebelde, é a figura paralela de Pilara. Home descrido, a contracorrente do pensamento tradicional e conservador, racionalista. Na aldea, Daniel representa a imaxe insumisa, disconforme coas cousas dadas, co pasado. Nalgúns casos vaise constituír no único punto de referencia válido cando nin a relixión, nin a tradición, nin a propia experiencia ou reflexión persoal encontren resposta ("Xuntábase cos rapaces e veña de falarlles do mañán, 'cando os pobres gobernen, cando o traballo sexa mérito e non castigo, cando estuden os que teñen chola e non certos alpabardas con bulso', decía. Moncho... vía no Daniel a un home orixinal, fora do común dos veciños, en quen atopaba algunhas respostas necesarias"). El contribúe coas súas ideas e actitudes, mesmo co seu exemplo, na formación da conciencia política e social de Moncho.
Moncho, vai manifestar a asimilación dos diferentes aportes formativos que conflúen sobre el proclamando a súa lealdade e a súa entrega á súa terca e á súa xente: o idioma e a clase social.
Xa desde neno, Moncho toma conciencia da pouquedade oficial da súa lingua, da súa reducción a "un badúe de paifocos, un roña roña dos que chouquelean coa lama"; fronte a isto "todo o que estivese máis alá dos trafegos da terra e das romaxes e feiras, todo o que acadase algún valemento e prestixio viña en castelán". O idioma é un sitial de procedencia, vai unido a unha determinación de clase que divide a sociedade en partes antagónicas: ricos / pobres, aldea / cidade, prestixio / vulgaridade, poder / sumisión...: "Ricos da vila, señores de lonxe que no vrao percuran salmós río abaixo, homes ben vestidos (de mala espiña e mal agoiro na aldea porque xurden pra amolar a alguén a por de embargos ou contribuciós soborpostas), fragueiros que non tripan monte, amillaradores de guicholas ensumidas, guardias, donos de terras...Eses si falaban castelán, o mesmo dos sermós da igrexa e do xusgado e dos libros da escota; xa fose en lerios deste mundo ou do outro, toda finura e poder e atafego viñan nesa fala".
A división lingüística do país é aceptada como un feito normal, sen ser cuestionada; trátase dun fenómeno natural ao que non cabe oporse. Sen unha clara conciencia de clase, descoñecedores da propia historia e cultura, secularmente empobrecidos e dominados, o seu confronto coa realidade ofrécelles un mundo dual, unha repartición do país entre dous grupos con territorios propios e ámbitos de actuación idiomática peculiares: para a vila e as cousas propias dela ou que residen vela, o castelán; para a aldea e as súas cousas, o galego. Mundo externo -física e espiritualmente- e lonxano, no idioma de fóra; mundo interno -física e espiritualmente- e próximo, "na fala de cada día, na das cousas de por dentro, as do máis fondo que unhas veces traen bágoas e outras risadas, ledicia".
Esta división lingüística diglosizante é consentida por todos (nin mesmo os guerrilleiros a cuestionan) mentres cada unha das linguas ocupe o terreo que lle é propio; GALEGO = trafegos da terra + feiras + romaxes + cousas de por dentro...", CASTELÁN = "finura + poder + atafego + sermós da igrexa + papeles do xusgado + libros da escola + ricos da vila...". É a ruptura deste statu quo lingüístico, a irrupción do castelán no campo que non lle é propio, o que fai estalar o conflicto. A imposición do -castelán para todo xera unha resistencia, un rexeitamento que non se manifesta na negativa, ou no ataque, senón que asome a forma dun ensimesmamento do problema, unha interiorización do "eu linguístico" ou ben o cumprimento da arde cun distanciamento burlón; actitudes todas Blas que ao eludir a formulación directa do problema, transfórmanse en autoinmolatorias. Este proceder vai ser adoptado por todo o pobo.
Só Moncho contesta esta solución: ...todo -historia, númaros, rezo de pola noite- se fixese na fala de cada día" porque "na fala de cada día debera ser todo ...O castelán é para nós como un chaleque ou unha bufanda, unha roupa chusca, pero roupa non corpo; algo de por fóra"; o seu amigo Nemesio non vai participar, o mesmo có resto da aldea, desta opinión: "Non se pode; non acai".
Ao lado da súa actitude idiomática contracorrente, Moncho marca tamén unha discrepancia co medio no seu posicionamento ideolóxico.
A pesar dos poucos anos, Moncho observa unha división social clara entre "os que chouquelean na lama" pertencentes á "Galicia do agro, a dos zocos, a da broa sen compango, a dos papeles zumezugas que rillaban no sosego da xente" e os "señoritos nugalláns e fachendeiros da vila, ben vestidos, ricos... Esta división faise evidente para un meniño coma el que debe aportar o seu traballo á casa, que non pode comprar cousas supérfluas (xoguetes), que se ten de manter a caldo e broa e vestir con remendos. Moncho non só ten experiencia práctica desta situación, senón que a "sabe", coñecea intelectualmente e áchaa irracional, "dubidosa": "Van e veñen as dúbidas. As do 'outro mundo'... e as deste mundo de cada día, o do frío, da broa escasa, dos trafegos, da escola". Será o carácter ilóxico, non coherente, deste feito o que o leve a buscar unha resposta que o explique ou o supere (46). Moncho non vai recorrerás fontes tradicionais: relixión, tradición ou poder porque as súas respostas revélanse falsas, desaxustadas e inútiles dado que son cías as que permiten a existencia da "dúbida"; Moncho vaise dirixir a aqueles que representan a negación de todo ese mundo anterior, que encarna a ansia de o combater e cambiar: os guerrilleiros; neles vai encontrar (nunha liña política claramente transparentada) a resposta: "...o tempo que viría cando triunfasen os bos, os do monte. Moita escola, bo xorne, todos traballarán para todos, sin probes nin señores e sin caseiros nin amos; haberá igualdade, xusticia social, fartura".
Ora ben, estas dúas actitudes (idiomática e política) de Moncho van pór de manifesto unhas características que o diferencian dentro do conxunto da xente que poboa o mundo rural e que o alonxan dunha pretendida arquetipicidade: a súa individualidade (o seu carácter de ser singular) e a súa inquietude cultural (a sensibilidade innata).
Efectivamente, Moncho é un ser único dentro da demografía da aldea. Esta unicidade (en parte grandemente aumentada polo biografismo do libro) está presente, marcando as distancias, xa desde o primeiro capítulo en que fronte ao alporizamento e medo colectivo, el só manifesta a súa curiosidade dando mostras de tranquilidade e dominio da situación. Este tipo de caracterización diferenciadora vaise desenvolvendo capítulo a capítulo e sucesivamente imos ir asistindo ó deseño dun rapaz curioso e desexoso de saber, sensible, soñador, agudo, intelixente, con vocación de líder, interesado scmpre na verdade última das cousas, con dúbidas e pensamentos impropios da súa idade, solidario...
Imposibilitado de encontrar no mundo aldeán da segunda metade da década dos 30 -que o autor coñece e sabe difícil, escravizante e anulador- elementos que estimulen ou axuden a medrar unha personalidade coas capacidades imaxinativas, de sensibilidade e lideranza de que fai gala Moncho, Neira Vilas vese obrigado a botar man dun "compoñente xenético" que o xustifique: "O tío Lois tivo a certeza de que unhas frebas de sensibilidade artística había na familia; algo herdado bulindo no sangue". Esta singularidade é sentida por todos os habitantes da vila nas beiras do Ulla tanto henos como adultos ("¡Oño, este sábeas todas!", di o pícaro que asiste ao monólogo de Moncho no teatro, "os veciños deron en chamarlle 'o Poeta' ") e transmitida a nós, lectores, que ternos así conciencia de estarmos diante dun ser escollido, unha personalidade especial á marxe do resto.
Este proceso de "hominización", de formación física e intelectual de Moncho culmina na fin do libro; xa ten acumulada a suficiente experiencia, coñecementos, sensibilidade, etc., para poder seguir o seu camiño só; desaparecen os "formadores" (tío Lois, Daniel, Pilara...), acaban as dúbidas e o non entender, mais tamén finalizan os soños e as fantasías que ocultaban a realidade. Moncho é finalmente un home. El sábeo ("medo, ningún, quen dixo tal, son un home") e os demais confírmano ("xa es un home", dille Daniel). Mais non un home calquera, a súa aprendizaxe habilitouno para o exercicio da liberdade, da igualdade e da solidariedade. A ese tipo de persoas pertence.
Ingresado, pois, na confraría especial dos homes libres, observada e comprendida a realidade, Moncho non vai fuxir ao compromiso non vai escapará loita. Moncho regresa á aldea; non emigra, non disfraza a realidade... Vai empregar a acción, vai axudar a modificar as cousas comprometéndose cos seus, loitando con eles desde dentro. Coma unha estrela furando nun nubeiro que acabará por rachar.
ANÁLISE LINGÜÍSTICA
Todos os estudiosos que, dun xeito ou outro, se teñen aproximado á obra de Neira Vilas son unánimes á hora de sinalar o extraordinario coñecemento e dominio que este ten do galego rural, popular, tanto a nivel constructivo como léxicamente (47). A fidelidade e a pureza idiomática acadan con Neira Vilas altos graos de cumprimento.
En Aqueles anos do Moncho, Neira Vilas condúcenos a través da voz dunha persoa da aldea ao mundo pouco viaxado, endocéntrico e case analfabeto do campo galego de fins dos anos 30; estas características transparéntanse suficientemente na novela e obedecen a unha marcada intención estilística por parte do autor que determina tamén a escolla do material lingüístico: o galego popular, falado, da Galicia rural. A este desexo inicial que provoca a aparición de solucións particularistas (dialectalismo), solucións determinadas pola escasa culturización (vulgarismos) e mesmo pola analfabetización no propio idioma (castelanismos), véñense unir algunhas escollas idiomáticas habituais na altura (1974-1975) en que se escribiu o libro e que interfiren en certa medida o galego da "aldea da beira do Ulla” . Non se debe esquecer tampouco que estamos perante a obra dun autor de 47 anos que leva máis da metade da súa vida (concretamente 27 anos) fóra da terra, nun medio non galego e lendo e vivindo en castelán.
A vontade de reflectir a fala popular o máis fielmente posible é a que proporciona os elementos linguísticos que informan a súa obra; mais este populismo non se limita á reproducción da peculiariedade aldeá, na súa variante xeográfica e cultural, senón que é a base que serve para a elaboración dun idioma literario que se pretende aberto, amplo e, por iso mesmo, asistemático e en ocasións dubitativo. O galego de Aqueles anos do Moncho é unha mostra acabada dunha situación linguística prenormativa na que hai moito de proposta, de busca, de ensaio. Sempre desde a fidelidade á pureza e á historia do idioma.
Vexamos, un pouco polo miúdo, estas características:
A) DIALECTALISMOS
1) Fonéticos
No apartado fonético, ao lado da ausencia (a non ser uns perdidos sosqueille -"zosqueille"- e lousa -"louza"-) de seseo, é de resaltar a non aparición de rastros de gheada.
2) Morfolóxicos
Son de moi diferentes tipos:
a) As solucións que se ofrecen para o sufixo latino -ANU son diversas : -AO (a máis habitual): chao, mao, irmao, vrao...; -AN: irmán, castelán...; -Á: os alemás, viña en castelá...
O mesmo acontece no caso do sufixo feminino -ANA en que alternan -Á: mazás, arrás..., e -ÁN (máis frecuente): mazán, mañán, súa curmán, orixe americán...
b) O plural das palabras finalizadas en -N faise eliminando esa consoante: sensaciós, piñós, divisiós, bés, ruís, calcetís, algús...
No caso das palabras finalizadas en -L, o plural faise en -LES: sinales, oxales, fardeles, carteles, atriles...
c) O pronome persoal de 2° persoa adopta a forma TI e o de 3ª persoal EL; o demostrativo segue, pola súa parte, o esquema ESTE, ESTA, ESTO.
d) Na conxugación verbal destaca a acentuación grave (faciamos, faciades...) da 1ª e 2ª persoa do plural dos tempos do pretérito: ao lado disto, a outra peculiaridade máis relevante é a neutralización da terminación da 3ª persoa dos perfectos dos verbos da IIª e IIIª conxugación en favor da forma do perfecto da IP conxugación -EU: escribeu, sigueu, viveu, insisteu, saeu...
3) Léxico
Menos significativas son as peculiaridades a nivel léxico: ennadir, mazanceira, arrás, faguer, traguer:..
Todas estas solucións, sinaladas a título mostrativo e nunca exhaustivo, sitúennos nunha variante de transición entre os falares occidentais e os falares centrais, interferida por unha vontade de superar o estricto ruralismo (véxase a ausencia de gheada) mais sen traicionar a súti vontade popular.
B) VULGARISMOS
Son de moi diverso tipos mais todos pretenden ser reflexo fiel dunha lingua transmitida oralmente, pouco gramaticalizada e sen contrapesos normativizadores ou culturais. Así as deformaciós vulgarizantes, moi frecuentes nunha obra que pretende reflectir a lingua falada, popular, fan referencia a diversos aspectos:
a) simplificación (por eliminación dunha consoante) dos grupos cultos: malina, istante, acídente, escramou...
b) vocalización de grupos cultos: ouserva, ausolutamente, ouxeto, perfeuciás...
c) alteracións do vocalismo átono por asimilacións e disimilacións: dazasete, desemulo, repinica, locindo, romate, acambearse, beilando, númaro, logar, rovés... Alteracións que afectan aos ditongos: soave, lingoa, coarto...
d) fenómenos de adición de vocais (prótese e epéntese): adivertir, adispacio, arromedo, ademirado, adeministrador...
e) fenómenos de supresión de vocais (aférese, síncopa e apócope): nemiga, aspro, maor, esprito, custión, tras...
f) metátese ou cambio de lugar dos fonemas: perciso, probe, crebado, porcesiós, frol, padricando...
g) cambio dunha consoante por outra: palque, solpresa, malenconía...
A estas características (dialectalismo e vulgarismo), xustificables polo propósito, xa indicado, de reflectir fielmente o galego rural e popular, engádense outros fenómenos non provenientes da fala viva, senón resultado da situación idiomática pre-normativa, á vez valorización da tradición histórica e da identidade común e, tamén, afirmación decidida da propia autonomía linguística: lusismo e hiperenxebrismo.
C) LUSISMOS
Son moi escasas as mostras de lusismos do texto e na súa maioría referidas ao léxico: até, xanela, perguntar, rumos, movimentos, rosto....: destaca tamén o emprego do sufixo -BEL (aínda que dun xeito non sistemático): posíbel, entrañábel, infalíbel...A esta mesma influencia pódese achacar a non contracción do artigo indefinido UN coa preposición CON. Sen tratarse dun fenómeno que obedeza a presupostos exclusivamente lusizantes, poderiamos incluír neste apartado a non realización da 2ª forma do artigo determinado: gobernar o mundo, con todas as perfeuciós, tentar a nosa fe, todos os domingos...
D) HIPERENXEBRISMOS
A busca de solucións diferencialistas que eviten o emprego de formas similares ou tomadas do castelán, é a que xustifica as formas hiperenxebres. Aqueles anos do Moncho ten tamén solucións deste tipo, mais non en grande número e obedecendo ás motivacións antes indicadas. Os hiperenxebrismos poden resumirse en dous tipos:
a) vocalización de grupos cultos: director; eisistisen, colectivo...
b) supresión de fonemas (vocálicos ou consonánticos): semán, humán, esceario, orgaizado, persoaxes...
E) CASTELANISMOS
Son moi pouco abundantes e nalgúns casos están "xustificados" por se produciren na linguaxe oral, popular, que o autor pretende reproducir. Podémolos dividir en tres grupos:
a) Fonéticos.- de traducción ou imitación de fonemas casteláns: bararaba, baieta, aunos...
b) Morfolóxicos.- referidos ao xénero do sustantivo: nalgún arte, o derradeiro viaxe, costumes idas, do seu canle...; o plural do artigo indefinido (unhos); o emprego do relativo cuio ou o uso de certas formas verbais: eres, sea, sigue, andiveron...
c) Léxicos.- ladrillo, bodega, casulla, culata, enviudara.
Como resume, pódese dicir que o galego de Aqueles anos do Moncho é un galego correcto, propio dalguén que domina moi ben o idioma e coñece todos os seus matices, seleccionando dentro deles aqueles que mellor se acomodan ao fin pretendido: retratar o galego oral e vivo do pobo.
(42) O mesmo que nas Memorias: "a aldeia non é o elemento humano que a conforma, nen as casas e as pedras que as constituen. A aldeia son os costumes, son as estruturas sociais, as trenzas "primitivescas", o traballo duro, a inxustiza...”vid. a este respecto PORTAS, Manuel. "Escudo crítico sobre as Memoriasde Neira Vilas", en Grial nº 85, 1984, pp, 313-330.
(43) PORTAS, Manuel, Op. cit., páx. 328.
(44) 0 mesmo acontece con outros nenos de Neira Vilas, por exemplo o Balbino das Memorias: vid, a este respecto LORENZO, Pilar, Op. cil., páxs. 82-86.
(45) Vid, MARCO, Aurora, Op, cit., páx. 42.
(46) Na merma situación, O Balbino de Memorias... renuncia á posibilidade de explicación e cambio e concéntrase no desabafo íntimo -o diario e na fuxida da casa; Toño, nas Cartas..., refúxiase na correspondencia e no soño. Vid, LUCAS, María, Op. cit., pp, 56 e 35.
(47) O propio Neira Vilas é consciente disto: "Nací en el centro geográfico de Galicia, donde la lengua se conserva más pura... Tengo unha herencia directa de siglos de tradición oral en gallego... con la sintaxis pura y un caudad léxico riquísimo", citado por LUCAS, María, Op. cit., páx. 19.