Centro de Documentación da AELG
Aqueles anos do Moncho, 1/3
Xosé Manuel Enríquez
Autores/as relacionados/as:
Fonte: Xerais

PERFIL BIOGRÁFICO

Xosé Neira Vilas naceu a fins de 1928 na aldea de Gres (A Vila de Cruces, Pontevedra). Fillo de campesiños, pasou os anos da infancia e adolescencia na súa aldea natal repartidos entre os traballos do campo, os xogos infantís e as primeiras letras.

Ata os catorce anos asiste á escota rural; rapaz sensible e con temperás inclinacións culturais, por esas mesmas datas faI os seus primeiros versos en galego e realiza teatro cun grupo amador da Ponte Ledesma, chegando a escribir representacións de Entroido (1).

Paralelamente, e por correspondencia, realiza uns cursos de Comercio. Aos 15 anos comeza a traballar nun aserradoiro da súa aldea levando a contabilidade, facendo a cubicaxe da madeira...; ao mesmo tempo, asiste a clases particulares para completar a súa formación e revélase como un lector ávido e constante que devora grande cantidade de libros remitidos contra reembolso por editoriais barcelonesas.

Impulsado pola pobreza e a precariedade de oportunidades de todo tipo que ofrece a sociedade galega da posguerra, emprende o camiño da emigración, embarcando para a Arxentina, a onde chega en 1949. En Buenos Aires realiza os máis diversos traballos (dependente nunha casa de tecidos, empregado nunha panadería, vendedor-representante dunha casa de madeiras...). Paralelamente a isto obtén o título de Perito Mercantil e continúa -sen asistir á Universidade ou a calquera outro centro de ensino- a súa formación autodidacta estudiando xornalismo, música... e alimentando a súa vocación de escritor por medio da lectura dos autores importantes da avangarda literaria mundial (Kafka,. Sartre, Camus. Joyce...) que por ese mesmo tempo era imposible ler en España, o quelle permitirá unha ampliación do seu horizonte artístico e estético e lle dará unha formación literaria moderna e sólida (2).

En Buenos Aires, Neira Vilas, é asiduo visitante do Centro Galego, foco eses anos dun extraordinario ambiente cultural e político; alí entra en contacto cun grupo de intelectuais e exiliados galegos (Luís Seoane, Rafael Dieste, E. Blanco-Arnor, Lorenzo Varela, Emilio Pita...) e, pouco a pouco, mercé a ese maxisterio, ás súas lecturas, á actividade política antifranquista, etc., vai tomando conciencia da realidade e dos problemas do seu país, o que o leva á adopción dunha clara determinación política que xa non abandonará. Corno dixo Alonso Montero: "ós 24 anos, alá por 1953, Neira Vilas dispón xa dalgunhas res postas esenciais. Vai ser o momento en que a súa vida se fai militancia" (3).
     

O "descubrimento" da terra imponlle un traballo afervorado a prol de Galicia e do galego que se traducirá nun intenso labor de defensa e promoción da nosa cultura. Así, en 1953 participa na fundación, xunto con outros galegos e fillos de galegos emigrados na Arxentina, das Mocedades Galeguistas, formación política nacionalista, das que sae elixido secretario xeral; intervén activamente na redacción de Adiante, órgano desa formación, totalmente en galego, e no que Neira Vilas verá publicados os seus primeiros traballos no noso idioma (4).

Tres anos despois (1956) toma parte activamente (sendo un dos intervenientes no banquete de clausura) no Primeiro Congreso da Emigracion Galega (5) -celebrado co motivo do primeiro centenario do lexendario banquete de Conxo (6)- da Comisión Organizadora do cal forma parte.

O ano seguinte (1957) casa coa escritora cubana Anisia Miranda, filia de emigrantes ourensáns, e funda Follas Novas entidade promotora do libro galego en América que é ó mesmo tempo librería, distribuidora, elaboradora de catálogos e exposicións, fomentadora de entidades galegas (Asociación Arxentina de Fillos de Galegos; Peña Cultural Rosalía de Castro...). En 1958, esta entidade transformarase en editorial e nela publicará o libro de poemas Dende Lonxe (1958) e Memorias dun neno labrego (1961).

En 1961 trasládase a Cuba, onde se adhire entusiasticamente á experiencia renovadora que supón a revolución cubana realizando diversas actividades ao servicio da mesma; fai estudios de Filosofía e Letras na Universidade de La Habana, colabora con artigos, crítica, contos infantís en diversos xornais da Illa... En Cuba, Neira Vilas continuará no que parece se-lo seu destino vital: a literatura e o combate polo enaltecemento, difusión e estudio da cultura galega. Así, en 1969 funda en La Habana, xunto co intelectual cubano José Antonio Portuondo, a Sección Galega do Instituto de Literatura y Lingüística de la Academia de Ciencias de Cuba, organismo que, ademais dunha cátedra de Lingua e Literatura Galegas, organiza exposicións, ocúpase da recopilación, conservación e estudio do extraordinario legado bibliográfico e artístico da emigración galega á illa, etc.

Despois de máis de vinte anos en América, en 1972 regresa a Galicia, á súa terra natal, para reencontrarse coa súa paisaxe primeira, da que recibe estímulo, alento espiritual e seiva vivificadora. Ese mesmo ano regresa a Cuba, a La Habana, onde reside (é funcionario do Ministerio de Industrias Básicas de Cuba) alternando con esporádicas viaxes a Galicia (7).

 

OBRA 

Neira Vilas é un escritor que escribe nun lugar (o continente americano) e nunha lingua (o galego) que non está presente no seu entorno cultural nin vivencial, por iso a súa obra é unha reconstrucción que a memoria fai, desde a distancia, da paisaxe física e espiritual lonxana e da lingua añorada. Desde esa lonxanía e, como obrigado por un imperativo moral, Neira Vilas constrúe a súa obra "libro a libro, ano a ano, con conmovedora fidelidade ao seu pasado galego: primeiro de neno aldeán e despois de emigrante na Arxentina" (8).

Neira Vilas inicia o seu labor de escritor facendo xornalismo e participando nos certames literarios convocados na emigración polas entidades galegas, nos que acadará diversos premios na modalidade de poesía.

A súa producción literaria é, inicialmente, poética: Doce Canciós Galegas, Buenos Aires (1958), musicadas por Xervasio Vázquez foron interpretadas no Teatro Municipal de Montevideo e non foron editadas; posteriormente publica dous poemarios máis na liña da poesía social, Dende lonxe (Buenos Aires, 1960) e Inquedo latexar (Monforte de Lemos, 1969); así mesmo é autor dos poemas que figuran en Cantarolas e contos pra xente miúda, (Madrid, 1975), libro feito en colaboración con Anisia Miranda, a súa muller.

A súa obra narrativa oriéntase basicamente en dúas direccións únicas: o mundo da Galicia rural e a emigración, realidades as dúas vividas directa e intensamente polo autor. Memorias dun neno labrego (Buenos Aires, 1961) é a súa primeira obra e vai constituír un auténtico best-seller na literatura galega, sendo unha das obras máis lidas de tódolos tempos (9); nela ofrécenos unha visión da infancia e do mundo rural galego que repetirá en Cartas a Lelo (A Coruña, 1971) e Aqueles anos do Moncho (Madrid, 1977) galardoada co Premio da Crítica Española 1978; a pobreza, atraso, a opresión que vive o mundo campesiño é obxecto, tamén de dous volumes de contos: Xente no Rodicio (Vigo, 1965) e   A muller de ferro (Vigo, 1969).

O mundo da emigración, visto con tons negativos e duros, énos presentado en Camiño bretemoso (Vigo, 1967), nos contos de Historias de emigrantes (Montevideo, 1968) e en Remuíño de sombras (Vigo, 1973). Os dous mundos literarios de Neira Vilas danse a man en Querido Tomás (A Coruña, 1980) evocación autobiográfica que unha mestra rural fai dos seus anos mozos e do seu amor por Tomás, antigo alumno seu, roto cando este emigra.

Lar (Madrid, 1973), Nai (Madrid, 1980) e Pan (Vigo, 1986) constitúen unha evocación de diversos aspectos do mundo aldeán nunha prosa preñada de ensoñación e lirismo. Na súa última producción Tempo Novo (A Coruña, 1987) agrupa nunha serie de contos as actitudes e reaccións duns emigrantes galegos ao advento da Revolución Cubana.

A preocupación de Neira Vilas pola infancia levouno a facer obras para nenos: Espantallo amigo (Lugo, 1971), 0 cabaliño de buxo (A Coruña, 1971), A marela taravela (Lugo, 1974) e De cando o Suso foi carteiro (A Coruña, 1988).

A súa obra complétase con traduccións ao galego: Itinerario Gallego (1954) de Victor Luís Molinari, Quince poemas de Nicolás Guillén (1977); ou versións ao castelán: Seis Poemas Galegos de Lorca (1964) ou Veintiún poemas de Uxío Novoneyra (1966).

Cultiva tamén o ensaio, o estudio histórico, a reportaxe... Neste terreo hai que destacar Galegos no golfo de México (A Coruña, 1980), Premio da Crítica Galega 1981, libro reportaxe sobre as experiencias de 16 pescadores galegos emigrados e simpatizantes da Revolución Cubana; os estudios históricos Castelao en Cuba (A Coruña, 1983) ou A prensa galega de Cuba (A Coruña, 1985)...

 

NEIRA VILAS: CIRCUNSTANCIAS POLÍTICAS, SOCIO-ECONÓMICAS E CULTURAIS DO SEU TEMPO E DA SÚA TERRA

A sublevación militar iniciada o 18 de xullo de 1936 triunfou rapidamente en Galicia a pesar da resistencia que defensores da legalidade institucional e núcleos operarios ofreceron en diversas partes (Lavadores-Vigo, Tui, Ferrol, A Coruña, Noia, Ribadeo,...). A inicios de agosto de 1936 xa non hai resistencia activa ao "Alzamiento". Galicia fica, así, integrada no bando franquista do que será reserva loxística e viveiro de soldados ("despensa y criadero" en palabras do xeneral faccioso Cabanellas): quince quintas de homes galegos mobilizados; 26.000.000 de pesetas en víveres, roupas e cartos recollidos en a penas seis meses; creación de innumerables hospitais militares e centros de detención (10)...

     Co triunfo dos rebeldes iniciousé unha represión brutal e sistemática (segundo o historiador catalán E. Pons Prades:"... en ningunha parte (...) a represión franquista foi tan brutal e despiadada como nas catro provincias galegas") (11) sobre unha poboación que acababa de votar o Estatuto de Autonomía (12). As valas das estradas, os campos e as proximidades dos cemiterios enchéronse de cadáveres de dirixentes políticos e sindicais ou, simplemente, persoas fieis á legalidade republicana fusilados ou "paseados" (13); (só na comarca ferrolá foron eliminadas fisicamente 2.324 persoas)(14).

Desde os primeiros momentos da guerra, sindicalistas e militantes comunistas, socialistas, anarquistas, galeguistas ou persoas simpatizantes da República bótanse ao monte para salvar a súa vida. Son os "fuxidos" ou "escapados". Co paso do tempo e perante a imposibilidade de victoria da República e a necesidade de facer fronte ao inimigo con garantías de éxito, os "fuxidos" organízanse en guerrillas.

Aínda que existentes desde 1936, as guerrillas antifranquistas galegas tiveron o máximo desenvolvemento no período 1944-1951 gracias á dirección política do Partido Comunista e á colaboración do campesiñado, especialmente en bisbarras de tradición agraria (mariñas betanceira e luguesa, zona de Ferrol, bisbarra do Deza, terra do Bolo...).

A actividade guerrilleira decae a partir de 1951, ano en que, á vista da consolidación internacional do Franquismo, o Partido Comunista chama ao fin da loita armada (15). A partir deste momento e orientado o galeguismo cara a unha loita cultural a longo prazo (16) a oposición política ao réxime franquista realízase, aínda que de xeito moi tímido, mediante accións e métodos políticos, que orixinan na segunda metade dos 50 os primeiros conflictos estudiantís e laborais co réxime.

Nos anos sesenta comeza a se expresar en Galicia unha resistencia política máis forte e organizada, de carácter marxista e nacionalista que ten como fitos a creación da Unión do Pobo Galego (1964) e o Partido Socialista Galego (1965). Esta aparición do nacionalismo na práctica política motivou que nos partidos de índole máis estatal se acentuase o compoñente galeguista (creación do PCG -1968-, do MCG -1973-...).

Tamén a conflictividade social se incrementa: loitas campesiñas contra a concentración parcelaria (Mazaricos -1962-), contra as represas de Castrelo de Miño (1965...); manifestacións na Universidade de Santiago (1968, 1972); folgas obreiras (Ferrol e Vigo -1967, 1972-...), etc., que marcan a conciencia política de toda unha xeración de mozos que protagonizará máis tarde a transición democrática.

No terreo socio-económico, a guerra provoca a imposibilidade de emigrar, esgota as riquezas do país e orixina a destrucción da industria: só se dispuña da terra como elemento de sostén económico. A re-ruralización do país vai ser evidente:

                                         1930                     1940                1950

sector primario                65,32%                 73,06%            71,89%

sector secundario            14,66%                 10,93%             13,60%

sector terciario                 20,02%                16,01%             14,51%
           

A guerra trouxo miseria xeralizada e un retroceso histórico para Galicia. Haberá que agardar aos anos 60 para conseguir a proporcionalidade dos sectores existentes nos anos 30 (17).

A situación comezou a cambiar a fins dos anos cincuenta e nos sesenta por mor da reactivación da emigración e do lanzamento industrial. A expansión da industria pesqueira e do transporte de petróleo que posibilitan o desenvolvemento da construcción naval (estaleiros de Barreras, Vulcano, Ascón en Vigo, ou de Bazán e Astano en Ferrol); instalación de fábricas de grupos económicos internacionais ou estatais (Citroen, Petrolíber, Celulosas...) ou de industrias derivadas da agricultura, tanto leiteira como cárnica (granxas, matadoiros, centrais leiteiras...) van dotar a Galicia dun mínimo tecido industrial que contribúe a cambiar a súa face. Os sectores productivos ofrecen ésta situación:

                                       1962                 1975                   1984

sector primario                    62,90%             50,65%              41,30%

sector secundario                17,20%              22,04%             23,08%

      sector terciario                    19,90%              27,29%             30,02% (18)

 

A industrialización, a proliferación de servicios, a instalación dos emigrantes regresados..., provocan un éxodo cara ás cidades, favorecendo a urbanización. Este proceso afecta principalmente á zona costeira e ás grandes capitais. Fronte a elas articúlanse unha morea de municipios rurais, de base predominantemente agropecuaria, que rexistran perda de habitantes e envellecemento da populación:
     
        
                                                          Pob. rural                          Pob. Intermedia                    Pob. urbana
                                                           (-2000 h)                                                                      (+10.001 h.)

1950                        2.080.207                              156.163                            367.830
                                      79'9%                                   6'0%                                 l4'1%

1960                        1.998.967                              155.048                             448.947
                                       76'8%                                   6´0%                               17´2%

1970                         1.782.166                               189.842                            611.666
                                       69´0%                                    7´3%                               23'7%

1981                          1.718.394                                280.281                            754.551
                                                 62'4%                                   10´2%                              27,4%  (19)

 

No campo da cultura cómpre indicar que a persecución das linguas e culturas que non fosen o castelán (coa súa eliminación da vida pública, dos xornais, da literatura...) levou o idioma e a cultura galega a unha vida vexetativa, de catacumbas, intrauterina. Nada se fai en público, nada trasloce... O silencio é total. Entre 1936 e 1951 a penas se publican libros en grlego; as mesmas reedicións son moi escasas (20).

Porén a voz de Galicia vaise manter e resoar con forza na diáspora. O exilio conduce a América, preferentemente á Arxentina, a un grande número de intelectuais e políticos que van converter Buenos Aires na capital espiritual e cultural de Galicia, organizando todo tipo de empresas e actividades políticas e culturais: conferencias, emisións radiofónicas, exposicións, edicións de libros e revistas, representacións teatrais...Nese mesmo período de tempo (1936-1951)2] edítanse en Buenos Aires 20 títulos absolutamente novos... Esta actividade vaise manter durante a década dos cincuenta e a ela débenselle títulos tan significativos como: Sempre en Galiza, Os vellos non deben de namorarse, Fardel de eisiliado, A Esmorga, Historia de Galicia, Memorias dun neno labrego...

Os primeiros signos da lenta e difícil recuperación cultural de Galicia teñen lugar en 1949 ano en que aparece en Pontevedra a colección de poesía "Benito Soto", en Santiago a "Editorial de los Bibliófilos Gallegos"; por ese tempo o xornal compostelán La Noche publica no seu suplemento sabatino textos en galego...Mais o primeiro paso para a recuperación literaria do galego, constitúeo o nacemento da editorial Galaxia, coa que os supervivintes do galeguismo iniciaban unha estratexia de resistencia cultural en vista a despertar a conciencia nacional das novas xeracións e a súa atención á realidade do país. Preocupada pola recuperación do prestixio literario e cultural do galego, Galaxia promocionou o ensaio e a narrativa, propúxose levar adiante a creación dunha escola de economistas e sociólogos en volta da Revista de Economía de Galicia... Na década dos 50 a aparición de libros galegos vai sendo cada vez máis frecuente.

Nos anos 60 e seguintes, o idioma e a cultura galega van progresivamente gañando espacios e cuotas de normalización: aparecen novas editoriais (Edicións Castrelos, Ed. Monterrey, Ediciós do Castro...), o galego introdúcese nos estudios universitarios (1965), surxen en diversas cidades e vilas galegas asociacións culturais (O Galo en Santiago, O Facho na Coruña, Auriense de Ourense, Asociación Cultural de Vigo...), van aparecendo publicacións en galego... Pouco a pouco o camiño que leva á total normalización cultural e lingüística de Galicia vaise percorrendo.

 

 

(1) Nas terras do Ulla, o Entroido ten como nota singular a simulación dunha guerra entre dous exércitos de máscaras, dirixidos por xenerais a cabalo, con armas e vestimentas que simulan uniformes de tempos pasados; o “combate", puramente dialéctico, ten lugar entre os respectivos xenerais que se dirixen longos e pomposos parlamentos cómico-satíricos

(2) LOSADA, Basilio, prólogo a Remuíño de Sombras, Vigo, ed. Castrelos, col. Pombal, 1973, páx, 11: "Neira Vilas autodidacta é, nembargantes, un dos escritores galegos de hoxe cunha máis sólida formación de lector. Nuns anos en que os universitarios de toda España non dispuñamos dun texto básico para a nosa formación -e pensemos no que supuñan entón Camus, Sartre, Celine, Aragon, por citar só os franceses máis accesibles-, Neira Vilas dispuña das versións arxentinas do máis válido da narrativa mundial".

(3) ALONSO MONTERO, X., Realismo y conciencia crítica en la literatura gallega, Ed. Ciencia Nueva, Madrid, 1968, páx 192.

(4)  Neira Vilas era o seu director; chegaron a se publicar 3/4 números.

(5) Este Congreso, convocado polo Consello de Galia (sic), contou coa presencia de representantes de todas as colectividades galegas emigradas en diferentes países americanos: os seus dictames oficiais están totalmente en galego.

(6) O  Banquete de Conxo foi unha confraternización democrática entre obreiros e estudiantes; ademais do banquete, servido polos estudiantes, houbo discursos de carácter igualitarista e progresista e finalizouse cun desfile conxunto por Compostela; participantes destacados foron Pondal e A. Aguirre.

(7) A súa última viaxe a Galicia tivo lugar en maio de 1989 para inaugurar, en Oleiros (A Coruña), un instituto de Bacharelato que leva o seu nome e recibir de mans do Presidente da Xunta de Galicia a Medalla Castelao 1988.

(8) VÁZQUEZ CUESTA, P. "Literatura Gallega" en Hª  de las Literaturas Hispánicas no Castellanas, Ed. Taurus, Madrid, 1980, páx. 886.

 (9) Del levan saído en galego 14 ou 15 edicións; o libro tamén apareceu en Portugal e ten traduccións ao español, chinés, ruso, checo, eusquera...

(10) MAIZ, Bernardo, Galicia na 11ª República e baixo o Franquismo, Ed. Xerais de Galicia, col. Universitaria, Vigo, 1988, páx. 63.

(11) Citado por MAIZ, Bernardo, voz "Guerra" en Gran Enciclopedia Gallega, torno 17, páx. 14.

(12) 0 plebiscito sobre o Estatuto de Autonomía de Galicia tivo lugar o 28 de xuño de 1936. Dun censo electoral de 1.343.135, votaron 1.000.936, o 7452%, co seguinte resultado:

a favor do Estatuto.................................993.351  99'05% dos votantes
en contra....................................................6.161     0'6 %dos votantes
en branco...................................................1.453     0´1 %dos votantes

O número de votos requeridos segundo a Constitución da República, 2/3 do total, ou sexa 896.423, ficaba amplamente superado.

(13) 0 "paseo" consistía en conducir os detidos, coa desculpa de dar un paseo, aos arredores das poboacións ou ao campo e alí de xeito totalmente ilegal e incontrolado, fusilalos.

(14) MAIZ, Bernardo, Op. cit., páx. 65.

(15) Algúns, desoíndo esta chamada, continuarán a loita pola súa conta. O último gerrilleiro galego Xose Castro Veiga, o Piloto, foi abatido, coas armas na man, en Belesar (Lugo) en 1965.

(16)  Coincidindo coa morte de Castelao (1950), o P. Galeguista disólvese como agrupación política e orientase cara a un labor culturalista. Galeguistas destacados fundan ese mesmo ano a editorial Galaxia.

(17) CARBALLO CARBALLO, F., "A Edade Contemporánea" en Historia de Galicia, Frente Cultural da ANPG, Pontedeume, 1979, páx. 202.

(18) SOUTO GONZÁLEZ, X. M.. Xeografía humana, Ed. Galaxia, col, Biblioteca Básica, Vigo, 1987, páx, 86.

(19)  TORRES LUNA, Mª P., "Galicia" en Atlas de España, Ed. Planeta Agostini, Barcelona, 1989, tomo 1, páx. 95

(20)  Alonso Montero (Informe dramático sobre la lengua gallega, Akal editor, Madrid, 1973, páx. 206-207) dá a cifra de 7 títulos orixinais e reedicións de Rosalía, Noriega e reposición da obra teatral O chufón de Rodríguez López; Vázquez Cuesta (Hª de las literaturas hispánicas no castellanas, Madrid, Taurus, 1980, páx. 842) fala de 8 títulos orixinais e elgunha reedición máis, por exemplo Curros.

(21) ALONSO MONTERO, X. Op. cit., páx. 206-207.