4.2. O ponto de vista (autor explícito, autor implícito, narrador e protagonista). Memórias ou diário?
Non hai dúvida de que a narrativa mdoerna camiñou á procura dunha maior obxectividade, utilizando como meio materializador un perspectivismo relativista polo que se refere á óptica de quen relata.
O tratamento dos elementos estruturantes máis importantes sofreron unha alteración significativa. O espazo e o tempo perden o seu valor tradicional, difuminan-se, "relativizanse", fan-se oblícuos ou simbólicos. O autor inclina-se polas ópticas máis obxectivas no momento de escoller o ponto de vista; así, o relato en primeira persoa -co narrador "eu protagonista" ou "eu testemuña"- e os relatos focados desde unha "omnisciéncia neutral" (44), substituen e desbancan as omnisciéncias decimonónicas, perdendo o narrador a importáncia que tivera, agachando-se, confundindo-se.
Como ben asinalou X. Laxe (45), Neira Vilas inscrebe-se neste novo mode de facer. As Memórias están vistas desde unha perspectiva do "eu protagonista" con unha "visión con" segundo a terminoloxía de Jean Pouillon, ou unha "Erzählsituation" segundo a de K. Satanzel. Ás veces, este narrador "eu protagonista" pasa a simples "eu testemuña", cando o episódio ten como co-protagonista a outra personaxe (o Xudeu, a Eládia...). Reproduzamos a opinión de Pilar Lourenzo:
O autor adoptóu para asúa obra o xeito máis simple e absoluto de introducir un narrador na súa narración (...). O punto de vista adoptado é un primeiro plano existencial, onde o narrador se identifica co protagonista (46).
O autor explícito, Neira Vilas, acarreta-nos o seu coñecimento da realidade rural galega, as suas lembranzas, as suas própias ideias e cosmovisión, pola súa parte, a figura do autor implícito introuz principalmente unha óptica infantil, menos fria da que poderia ter un adulto desprazado fisicamente da realidade que quer comunicar. De todos os xeitos, esta distintción terminolóxica perde pertinéncia ao acharmo-nos perante un autor implíticito que é, alén dixo, narrador e protagonista. Contodo distinguiremos un Balbino-narrador que conta as aventuras dun Balbino-protagonista.
Ora ben, en que medida están distanciados un do outro? ou, incrementando-lle à pergunta novos factores, as Memórias son un "diário" ou unhas "memórias?
Estas perguntas poden parecer un simples xogo de palabras, mais a trascendéncia das respostas atinxe tanto ao ponto de vista como á categoria tempo.
Ao lermos a obra de Neira Vilas tiramos como coclusión que esta foi ideada como diário íntimo de Balbino. O feito de ser pensada como diário implicaria a existéncia de vários enclavs temporais dentro do tempo do Balbino-narrador, isto é: o narrador escrebe no seu caderno hoxe, onte, mañá... Relacionado con isto estaria o feito de o Balbino-narrador non estar ubicado cronoloxicamente despois do Balbino-protagonista: serian duas actividades entrelazadas as que el desempeñaria simultaneamente.
Tireremos dúas consecuéncias:
1ª: A coetaneidade entre o tempo do narrador e o do protagonista.
2ª. Un menor grau de perspectivismo temporal, un menor distanciamento entre o Balbino-protagonista e o Balbino-narrador
E non nos faltan razóns para podermos pensar asi.
No primeiro capítulo, no "Eu son", emprega sistematicamente o presente para actualizar as formas verbais. ainda poderíams pensar que se trata de presentes absolutos, coas cualidades temporais deste tempo en suspenso. Mais no npodemos suster isto cando di:
Nascín e criéime na aldea pero agora sintoa pequena, estreita.Teño pensamentos que non lle podo contar a ninguén. (47).
Está ubicando-se materialmente na aldea "agora", tenpensamentos que non pode contar a outras persoas no momento en que está escrebendo. Por iso mesmo o fai, "por eso escribo" di na continuación.
en "O Xudío" afirma:
Son o único na parroquia que vou en todo ó paso da xente grande (48).
No "Loito":
O meu pantalón de cada día é negro (...). O que me amola é quedarme na casa os días de festa (49).
A sua casa está na aldeia, portanto este presente está situado alí.
No "Rebusque" repete:
Xa estou afeito a quedarme na casa (50).
Os exemplos poderían ser demasiados para os pór todos.
Outra das razóns que poderiamos alegar seria a da língua. Balbino reproduz unha língua de rapaz. Como dixemos antes, un dos grandes logros está en reproducir a fala correspondente á idade do protagonista, que no fin da obra xa será un adolescente (pensemos na mudanza de atitude perante as mulleres): da Eládia na aldea á Flora na casa do Landeiro) e, por iso, non poderá ser a mesma en, por exemplo, "Os grandes".
Para acabar, esa brevidade dos episódios estaria en consonáncia coa escasa amplitude que nun diário ten a unidade do escrito, dunha forma periódica.
Na liña de considerar as Memórias como un diário está Pilar Lourenzo e , dunha maneira mui imprecisa, C. Castroviejo (51). A primeira autora non precisa nun principio a sua postura, pois ao falar do autor e dos seus propósitos di que estes últimos son:
Contar as súas memórias ou publicar o seu diário íntimo
Porén, máis abaixo afirma que:
Por medio del sabemos o que pensa, o que ve e o que conta Balbino desde o hoxe que está a vivir (52).
O "hoxe" que está a viver implicaria coetaneidade. Un diário. Mais penso que a realidade é outra ben diferente: o narrador situa-se-nos desde o primeiro capítulo na casa do Landeiro. Así, cando fala do libro das memórias de Smith di que:
Así está nun libro que me trouxo o Landeiro (53).
A casa do Landeiro só chega despois de ter dado o cantazo ao Manolito, e isto só ocorre no fin da história que o Balbino-narrador nos conta, pouco antes de voltar a facer referéncia ao Landeiro, á sua casa, á vida que alí fai agora, desde o presente.
Despois, no mesmo "Eu son", continua:
Na miña casa non me comprendían. E outro tanto acontéceme na do Landeiro (54).
Na sua casa non o cornprendian (tempo pasado) e outro tanto acontece-Ile na do Landeiro (tempo presente).
A única referéncia que acho nos capitulos centrais da obra a ese presente, á actualidade do Balbino-narrador está en "Os grandes":
Algunha tarde, mentras coidaba o gando na Zanca, cavilara en irme pra moi lonxe; sair cos dentes pechados á procura de diñeiro. Maldizoar a probeza. Arroutadas que se me engastallaban nos miolos. Tal vez o que me acontecéu dempois, cuase sin pensar, fose madurecendo paseniñamente dentro de min, logo daquelas cavilaciós (55).
A alusión non necesita comentários.
Por outra parte, o uso dos imperfeitos para se referir ao relato do que lle acontece ao Balbino-protagonista é o predominante na obra. Abundante é tamén a utilización de verbos como "lembrar", "recordar"... en primeira persoa de singular, en presente. Asi, no principio de "Perdido" temos:
-¡Nenoooo!
-¡Balbiiino!
Son as primeiras chamadas que recordo (56)
Impericia? Falta de atención á versosimillanza do ponto de vista e do tempo? Fiquen as perguntas no ar. O feito é que a obra ten unha estrutura mui diferente á dun diário, canto menos no que se refere ao -ponto de vista. Cumpriría falarmos aqui do narrador e do tempo, pois o estudo dunha categoría está intimamente ligado ao estudo da outra. Asumindo os riscos, separaremos o estudo de ambas as duas para que o traballo gañe en claridade.
Antes de entrar-mos no estudo do espazo e do tempo digamos duas palabras a respeito dese caderno en que escrebe Balbino. O afán de verosimillanza da obra leva ao autor a apresentar o texto como un caderno no cal Balbino "deborca" todo o que sente:
Escrebir no caderno -¡quen o diría!- é como valdeirar o corazón. Paréceme un milagre. Pois ó fin de contas non pasa de ser unha conversa comigo mesmo (57)
O afán de ser verosímil chega mesmo a cobrir o carácter de intimidade do libro, e o feito de termos nós entre as mans a obra é tinxido de veracidade cando ao final da novela di:
O caderno dareillo a Alberte, o sobriño do Landeiro, que estuda en Santiago e escrebe libros, debe ser algo tolo. Apañóumo un día no coarto e non fai máis ca pedirmo. Di que son as miñas "Memorias" (...). Pero o caderno, anque pra min val moito non ten comparanza. Xuróume que non llo amostraría a ninguén.
Que o leve (58)
Resta para a imaxinación do leitor a ideia de que o Alberte teña dado á imprensa o caderno do Balbino. A fronteira entre a realidade e a irrealidade aparece esvaida, difuminada nos seus contornos, como sucede en tantas outras novelas nadas en pleno apoxeu do relativismo na arte.
A obra apresenta -como dixemos antes- unha estrutura aberta, mais isto non implica que a desculpa do caderno deba continuar. Deste xeito, Neira Vilas dá a razón de por qué acaba Balbino as suas nótulas persoais, xusto no fin da obra: o que antes escrebia no caderno pasará agora a configurar-se como "carta", como Cartas a Lelo, a ese amigo emigrado no Brasil. Cousa á parte é que nesta obra, indiscutibelmente continuadora das Memorias, o noso autor se decatase do feito de ter nui explorada a parsonaxe de Balbino, pasando a outra que, ainda con muitas semellanzas, tivese un "nome" diferente, un entorno diferente e un maior número de posibilidades de variación. As duas realidades e os dous mundos literários están ligados desde a primeira carta que Toño manda a Lelo. Falando de Balbino di:
Fai algús días veu á casa. Eu atopeino na beira do río e estivemos un anaco dando ao peteiro. Faloume de ti. Dixome que vos escribides e mostróume duas cartas tuas (...) (59)
4.3. As coordenadas espazo-tempo
Un dos aspectos máis interesantes das Memórias e que serve para as caracterizar como unha obra do seu tempo é precisamente o tratamento do tempo.
As Memórias apresentan neste ponto, como característica fundamental, unha redución retrospectiva: a extensión temporal reducida do presente de Balbino-narrador serve como trampolin para penetrar no pasado -por meio das lembranzas da nenez. O tempo do Balbino-narrador, o que transcorre na casa do Landeiro, non aparece explicitado. Quizá uns meses, quizá menos pois as referéncias limitan-se a:
Levo aquí tan pouco tempo, e ¡cántas cousas novas! (60). Fai tres domingos veu meu pai (61).
O tempo presente só serve para recuperar o tempo pasado, para o revivir. Estamos pois perante unha obra que Genette calificaria de "analéptica".
Dentro desta retrospección podemos encontrar trechos ou episódios inteiros dominados polo "showing" -por exemplo: "O xuramento"-, aparecendo o modo dramático coa técnica flash-back.
Contodo, más abundante é o "telling" -por exemplo: "Eu son" ou "Os grandes"- o que implica unha maior subxectividade, facendo que ese pasado absorva por completo ao protagonista no momento de lembrar. Mellor que falar de lembranza seria facé-lo de evocación.
Domina a elipse implícita e, por tratar-se mais dunha evocación que dunha lembranza, poderiamos considerar máis verosímeis as anacronias apontadas. Esta menor atención ao tempo cronolóxico achegaria-nos á durazón íntima, característica esencial do "monólogo interior" (62). noné difícil suscreber as palabras de Pilar Lourenzo:
O tempo ten máis ben un carácter psicolóxico que cronolóxico (63).
Esta retrospección analéptica é interna pois o fin do relato "lembrado" coincide co comezo do tempo onde se ubica o Balbino-narrador. Precisando máis: unha analepse interna homodiexética completiva, dado que o material e a información que se nos dá sobre o Balbino_protagonista serve para a comprensión da situazón en que se acha agora.
Alén disto, as alusión temporais -tomando agora a acepción máis física, menos literária- son escasísimas. Isto é proba da pouca importáncia que ten este factor par ao Balbino-narrador. "Tan pouco tempo", "fai tres domingos", o "San Pedro" ou "o Carme", "O Antroido", e pouco máis conforman a información desta coordenada estrutural.
Pasando xa ao espazo, notaremos a interrelación existente entre este e o tempo. O narrador e o protagonista teñen un espazo e un tempo diferentes. O Balbino-narrador está ubicado na casa do Landeiro, o protagonista na aldeia.
Na aldeia os diferentes enclaves son variados: o cemitério, a casa do protagonista, a beira do río, a escola, o monte, as leiras...Todos son lugares comúns, própios deste mundo rural, frecuentemente tinxido dun lirismo evocador.
O espazo, sen termos en conta ese valor significativo da oposizón aldeia/casa do Landeiro, non oferece maior importáncia.
Ese típico tema de oposizón aldeia/cidade, caracterísitco deste xénero de novelas, só aparece plasmado nas alusións aos fillos do médico. Ao referir-se à penosa vida dun neno labrego hai unha comparación, en certa maneira implícita, cos nenos da cidade:
¡Que saben desto os nenos da vila! (64).
Tamén son citados na obra algúns enclaves toponímicos reais: Loxo, Quintela, Ribán, Arca, ribeira, Alargos ou Codeseira (65).
4..4. As personaxes
Cumpre, antes de todo, non esquecermos que a información que recebemos do mundo, da sociedade, das personaxes da obra, ven condicionada pola única óptica através da cal se nos apresenta a narración.
Isto significa que a "memoria", a "valoración" e as "opinións" de Balbino poden modificar unha utópica realidade literária. Balbino tenta apresentar un mundo por meio da sua própria visión subxectiva: a nosa fonte de información é unha fonte parcial.
Aclarando este ponto, tentaremos estabelecer o cuadro das personaxes desde unha perspectiva estrutural, operando co conceito de antítese que, como veremos, xoga un grande papel nas oposicións bimembres entre as personaxes.
Prévia debe ser tamén a distinción entre un plan íntimo a primeira oposición estabelece-se entre Balbino-protagonista e Balbino-narrador. Certo perspectivismo impera na forma de apresentar-se a si próprio; este perspectivismo basea-se nunha distáncia temporal, en menor grau, por exemplo, con que un Marqués de brandomin se ve na sonata de Otoño.
Balbino por un lado e a aldeia por outro conforman unha parella antitética. Balbino sentese afogado por un ente case etéreo, oprimido por algo que está fóra de toda concreción. Neste plano a aldeia non é o elemento humano que a conforma, nen as casas e as epdras que as constituen. A aldeia son os costumes, son as estruturas sociais, as crenzas "primitivescas", o traballo duro, a inxustiza...todo aquilo que isola e afasta ao protagonista. Así aparece todo misturado na sua descrición mítima e lírica:
A aldea é unha mestura de lama e fume, onde os cás oubean e a xente morre "cando está de Deus", como di a madriña (66).
A aldeia conforma xenericamente unha personaxe que non me atrevo a chamar colectiva, pois nesta oposición non aparece con elementos diferenciados, senón máis ben "icónica", "nebulósica". balbino -polo positivo- perante o mundo que o envolve -polo negativo.
Balbino refuxia-se dentro do seu mundo interno, fai-se introvertido e dialoga só consigo mesmo. Na primeira carta a Lelo, toño do Loureiro di del:
Pois é. O Balbino xa sabes que anda a servir dende que lle arreou un croiazo ó Manolito. É un rapaz caviloso e de poucas falas (67).
Do mesmo xeito qe a aldeia perde a sua entidade na oposición, o Balbino aparece despersonalizado ao facer suas as características de todos os rapaces da aldeia:
Os rapaces somos tristes, enredamos, corremos tras dos foguetes e hastra rimos, pero somos tristes. Temos a probeza e os trafegos da terra aniñados nos ollos (68).
Trata-se dun Balbino "representante de".
Pasando xa a ese plano máis aterial, máis extra-Balbino, as personaxes van-se concretizando, conformando unidades diferenciábeis, que por sua vez manteñen oposicións antitéticas.
O próprio Balbino opón-se a Manolito. El -Balbino- é:
Un rapaz da aldea. Coma quen dis, un ninguén. e ademáis probe (69)
Entrementes, ao Manolito "non hai quen lle tusa" (70). Caracteriza-se Manolito por ser
un rapaz moi limpiño que come pantrigo, bebe leite con café e non se ten que erguer cedo pra levar o gando a pacer (71).
Cumpre rexeitar a opinión de Concha Castroviejo (72) para quen Manolito é unha figura maníqueia. Esta personaxe é un elemento funcional na oposición bimembre e ten a sua verosimillanza literária. Do mesmo xeito pensa Xosé Laxe (73) ainda que as suas razons para criticar a opinión de Concha Castroviejo estexan localizadas fora dun plano literário e non sirvan por isto de argumento válido de crítica.
A aldeia como personaxe -agora claramente colectiva- opón-se a unha série de elementos diferenciados. Un deles é o xudeu que no episódio "O xudío" é caracterizado como un marxinado por non crer nas farsas litúrxicas e co cal ninguén quer saber nada. Nas palabras de María Lucas:
(...) es el más lucido y consciente de todos.
(...) es el único que hace una crítica positiva de la situación de la aldea gallega (74)
Os pais de Balbino cumpren a función de representantes da aldeia nesta antítese. Son eles quen reprimen e baten no rapaz como castigo por se aproximar ao marxinado.
Outra oposición é a que se mantén entre o pai e o padriño cando discuten a respeito da emigrazón. As ideias do padriño semellan dun posicionamento belixerante, mentres o pai só ve nela unha maneira de fuxir da fame.
Tamén é doado de ver o par antitético entre Dona Eládia a mestra e o seu antecesor D. Alfonso. Serven para apresentar o tema do galego no ensino, os métodos pedagóxicos nas escolas...
Podemos deducir, co que levamos analisado, que as oposicións veñen sempre apoiadas nun tema-eixo que serve para a confrontación. As personaxes non son maníqueias mais si funcionais.
Manolito é o neno rico e privilexiado o xudeu é o antipaganista crítico e marxinado (por pensar simplesmente de forma diferente), o tio padriño o emigrante concienciado, a Eládia a ensinante modelo (que, alen diso trai o tema do amor). Todos serven para introducir evidentes inxustizas ou problemas importantes.
Non só aparecen problemas mais ou menos materiais, tamen hai personaxes que serven para introducir temas dun plano filosófico. Serafín o enterrador, acarreta reflexións sobre a morte, Lelo o tema da amizade.
Algunhas personaxes aparecen caracterizadas vagamente, dunha maneira imprecisa e nestes casos, non voltan a aparecer. Asi a mai, a tia, Carme Bráulio, a madriña, os irmáns ou o mesmo Landeiro. Ainda hai outras da que só sabemos o nome: Flora, Andrés...
Por regra xeral excepto Balbino, todas as personaxes son "flats"dun único plano e mui desdebuxadas. Un traballo interesante seria facer un estudo sobre os principais roles narrativos como fixo Wladimir dimir Propp na sua Morfoloxia do conto, mais isto ultrapasaría as pretensións da presente análise. Fique pois para outra ocasión.
MANUEL PORTAS FERNÁNDEZ Vilaxoán de Arousa
(44) En relación ao ponto de vista empregarei a terminoloxía de norman Friedman, "Point of view in fiction: the Development of a Critical concept", PMLA, 70, 1955, pp.1.160-1.184.
(45) Laxe, X.: Op. cit., p. 60.
(46) Lourenzo, P.: Op. cit., Op. cit., p. 60.
(47) Neira Vilas, X.: Op. cit., p. 26.
(48) Ibidem, p. 36.
(49) Ibidem, p. 41.
(50) Ibidem, p. 67.
(51) Castroviejo, C.: Op. cit.
(52) Lourenzo, P.: Op. cit., pp. 59 e 60.
(53) Neira Vilas, X.: Op. cit., p. 26.
(54) Ibidem, p.51.
(55) Ibidem, p.29.
(56) Ibidem, p.28.
(57) Ibidem, pp. 131-122.
(58) Lourenzo, P.: Op. cit., pp. 59 e 60
(59) Neira Vilas, X.: Memorias (...) Ed. do Castro, a Coruña, 1978, p. 9
(60) Ibidem, p. 131
(61) Ibidem, p. 132
(62) Podemos observar que, curiosamente, é o mesmo que sucede en duas obras de Miguel Delibes, El camino e Cinco horas con Mario,que, alén diso, teñen unha estrutur aepisódica (a 1ª) ou parecida (a 2ª). A semellanza é maior con El camino onde até tematicamente se pareen: un rapaz que conta a sua vida na aldeia, as penúrias que sofre,etc.
(63) Lourenzo, P.: Op, cit., p. 25.
(64) Neira Vilas, X.: Memorias (...), op. cit., p. 25.
(65) Ibidem, pp. 53, 54, 62, 68, 125, respectivamente.
(66) Ibidem, p. 26.
(67) Neira Vilas, X.: Cartas (...), p. 26.
(68) Neira Vilas, X.: Memorias (...), p. 26.
(69) Ibidem, p. 25.
(70) Ibidem, p. 25
(71) Ibidem, p. 29
(72) Castroviejo, C.: Op cit.
(73) Laxe, X. Op. cit., p. 330
(74) Maria Lucas, Op. cit., p. 91