Centro de Documentación da AELG
Buenos Aires na obra de Neira Vilas
Nora Longhini
Autores/as relacionados/as:
Fonte: Ediciós do Castro

 

 

Nora Longhini, profesora arxentina de literatura, é licenciada en Letras pola Universidade Nacional de Lomas de Zamora. Na Facultade de Ciencias Sociais da mesma especializouse en Literatura Comparada. Tamén foi investigadora teatral do Centro Cultural "Ricardo Rojas", da Universidade de Buenos Aires. No eido pedagóxico traballou en cursos-taller para docentes no Centro de Investigacións Educativas da Dirección de Cultura bonaerense. Por outra parte, participou en paneis, cursos e encontros diversos relacionados co ensino básico: os nenos e a televisión; a educación de adultos, e outros temas afíns. Asistiu a congresos e seminarios nacionais e internacionais sobre literatura, teatro e pedagoxía nos que presentou comunicacións e relatorios altamente valorados. Publicou traballos en libros colectivos referidos a William Shakespeare e Samuel Beckett, e vén colaborando nas revistas Proa, Alas de América, La obra, Revista de Educación, Weltliteratur... É autora de ensaios sobre Jorge Luís Borges, Marco Denevi, Eduardo Belgrano Rawson, Roberto Arlt, Julio Cortazar e Leónidas Lamborghini. Entre os galardóns que recibiu salienta o da Unión Cultural Americana que premiou a súa análise comparativa entre aspectos da obra de Hans Christian Andersen e José Martí.
A través de cancións, lendas e noticias familiares foi tendo referencias de Galicia da man da súa nai. Virían logo as lecturas e o contacto directo coa súa «patria anterior» en sucesivas visitas que se lle fixeron cada vez máis imprescindibles. Asistiu a diversos cursos de galego e dende hai algúns anos fala e escribe na nosa lingua. Tras acuciosa investigación sobre a presencia de Buenos Aires en tres libros de Xosé Neira Vilas ofrécenos agora iste traballo rigoroso e esclarecedor.

INTRODUCCIÓN

 

Cando limos por vez primeira Remuíño de sombras de Xosé Neira Vilas, pensamos que moitos dos relatos que, a maneira de mosaicos, se ían desenrolando, semellaban embrións de novela, reflexións que o autor non quixo expandir.
As Historias de emigrantes abraiáronos dobremente, porque á calidade dos relatos sumábase a representación de parte da vida dos nosos maiores, é dicir da nosa propia historia.
Logo de ler Camiño bretemoso, a novela que Neira Vilas publicou en 1967, comprendemos que estabamos fronte a un escritor con estilo propio; un estilo baseado na economía lingüística, pero que a pesar da súa aparente condensación tiña unha ampla gama de matices: coloquiais, reflexivos, gráficos, poéticos e ata líricos, todos de grande forza.
Á lectura das tres obras citadas seguiron: Memorias dun neno labrego, Cartas a Lelo, A muller de ferro e outras. Cada unha delas la ratificando a nosa primeira impresión: encontrabámonos ante un autor cunha obra coherente e comprometida.
Ademais resultaríanos desafiante tratar de analizar a imaxe que Neira Vilas, un escritor galego, tiña da sociedade porteña e dos seus habitantes; a imaxe que se formara logo de vivir case doce años en Buenos Aires e evocar todo dende Cuba.
Seleccionamos para o noso traballo: Camiño bretemoso, Remuíño de sombras e Historias de emigrantes, os textos que forman a triloxía dedicada á emigración galega que se afincara en Buenos Aires.
A temática, o estilo aparentemente conciso e sobrio (mais con engaiolantes metáforas furtivas), a súa perseveranza no uso do idioma galego e o feito de que os relatos se teñan desenrolado en Buenos Aires, conformaron definitivamente o noso propósito de estudiar istas tres obras de Neira Vilas.