Centro de Documentación da AELG
Poido dicir que vivín e vivo sempre en Galiza
xaneiro de 1977
Perfecto Conde
Autores/as relacionados/as:
Fonte: Teima

 

Xosé Neira Vilas pasóu perto dun mes na súa terra natal de Gres, no Val do Ulla. Veu, por segunda vez, despóis dunha longa ausencia (de case tres décadas, acompañado pola súa muller. TEIMA estivo con el na casa da súa nai. PERFECTO CONDE falóu co escritor galego da emigración.


Neira Vilas, un galego en Cuba


Vintesete anos fóra da terra. «Fuxín, como fuxían tantos, da escasa mantenza, da lama dos camiños, do horizonte bretemoso e pechado que me atafegaba (dito sexa todo en sentido moi real e figurado ó mesmo tempo). Fuxía tamén da imposibilidade de informarme, de acadar unha formación cultural da que intuía as posibilidades». Xosé Neira Vilas, corenta e pico anos, emigrante, escritor, figura clave da cultura galega de hoxe, afincado en Cuba e na súa revolución. Casado coa escritora cubana Anisia Miranda.

Neira Vilas ( o das Memorias dun Neno labrego, Xente no rodicio, Camiño bretemoso, A muller de ferro, Historias de emigrantes, Cartas a Lelo, Remuíño de sombras,Espantallo Amigo, 0 cabaliño de buxo, A marela taravela, Dende lonxe, Inquedo latexar e Cantares e contos prá xente miuda) nacéu o 3 de Novembro do 1928 na aldea de Gres, Cruces (Pontevedra). 0 16 de xaneiro de 1949 saíu de Galicia. Tres días despóis tomóu rumbo a América no vapor «Cabo de Buena Esperanza», dende o porto de Cádiz. 0 10 de febreiro do mesmo ano chegóu a Buenos Aires.


0S HORIZONTES DA EMIGRACION

«Pra min, o ter que emigrar de mozo significóu no orde vital a percura doutros rumbos pra mellorar de esistencia. Tentei instalarme nunha cidade galega, alá polo ano corenta e pico, e non poido ser; non atopéi traballo. E collín o vieiro mallado da emigración. Mal sería que na América... Nunca me propuxera ser rico, nin moito menos, anque formaba parte da chamada «emigración económica» que presupón esforzos e privaciós de cara a un xuntaxunta de diñeiro, en veces por simple vanidade entre os veciños e parentes. Eu percuraba un mínimo ámbito prás miñas inquedanzas, un vivir sin fames do corpo que, ó mesmo tempo, me permitise estudar, ter acceso as sabencias do mundo, dispoñer de mestres e libros e poder pagalos. Eu era un mozote labrego con algúns conocementos accesorios, con algunhas cativas esperiencias que xa na aldea natal desbordaban a rotineira de cada día, e teimaba levar adiante os meus soños e aspiracións. Somente o camiño da emigración me ofrecía algunhas posibilidades».


TOMAR CONCIENCIA


Na capital arxentina conoce, o 2 de xulio de 1954, a Anisia Miranda. Ámbolos dous estudiaban periodismo e traballaban no que podían. Casa con ela o 21 de febreiro de 1957. Denantes, Neira Vilas fora cofundador de Mocedades Galeguistas (grupo de mozos galegos emigrantes e mozos arxentinos fillos de galegos), que se creóu o 28 de agosto de 1953 e do que o escritor de Gres foi secretario xeral. Interveu activamente no 1 Congreso da Emigración Galega a América que se celebróu co gallo de se conmemora-lo centenario do histórico Banquete de Conxo. Coa colaboración da súa muller, fundóu a organización Follas Novas o 15 de xullo do 1957, con vistas a difundilo libro galego na América. 0 30 de xuño do 1961 deixa a Arxentina pra trasladarse á terra da súa compañeira. Chegan a A Habana o 2 de xullo.
«No meu quefacer literario -di o Neira lembrando as súas primeiras páxinas publicadas en galego no periódico Adiante, editado en Buenos Aires, do que el era redactor- o terme ido significóu, en primeiro lugar, tomar conciencia dos problemas do meu país; reflesionar sobor das motivaciós do meu desprazamento (e do de tantos outros paisanos); adquerir unhos conocementos que me foron instrumentando, que lle foron dando contido á miña vida; tomar en serio unha vocación ( a de escribir que me aburaba denle que era heno; e decidir, crara e rotundamente, que a lingua esencial (por non decir a única) deste meu labor sería o galego, e o ouxeto básico temático, Galicia e os seus».
En Cuba desempeña Neira Vilas diversos cargos oficiáis. Fa¡ periodismo literario, escribe e publica narracións pra nenos, recibe leccións de Literatura na Universidade de A Habana e mantén vivas as súas lembranzas galegas.


A VOLTA, AS COUSAS


«Da miña infancia e mocedade na comarca natal recordo todo. Todo se acha tan dentro de min que, ó voltar en 1972 despóis de vintetrés anos de ausencia, e agora por segunda vez, fago un inventario comparado e pergunto por arbres e xentes, casas e roleiros, camiños, ouxetos queridos, costumes, ditos populares. Recordo os días de caldo e broa sin compango, as molladuras no monte e nos agros, a probe escola (á que chegaba logo de horas de restreba ou carrexo de mollos ou rozadas de molime) con catecismo de rotineira, xénesis e alcumes de reis e nomes repetidos de lagos, ríos e montañas que non sabía polo dereito pra que banda quedaban. Todo buliga en min nidiamente. Todo latexa no meu ser, no meu esprito, con mágoa e con amor"


A ESTANCIA EN BUENOS AIRES


No meu esprito latexa tamén a estadía arxentina. 0 paso de varios anos pola Arxentina incidíu, en primeiro lugar, na miña persoalidade a secas. Buenos Aires é a miña primeira cidade de residencia permanente. E, ademáis, unha cidade importante no orde cultural. Alí cheguéi con vinte anos cumplidos. Nela estudéi, adquerín unha visión do mundo e da Historia e do ir e vir das ideas. Paralelamente, vivín en contacto cos demáis emigrantes galegos (daquela había na capital arxentina unhos catrocentos mil). Coincidín, nos primeiros meses, coa presencia de Castelao, anque non cheguéi a tratalo. 0 maxisterio del percebíase na maioría das sociedades galegas. A laboura cultural da colectividade galega enriquecíase coa chegada, anos antes, dos refuxiados da guerra civil sendo a figura máis dinámica Luis Seoane. Intelectuáis alí radicados, e en boa parte formados, coma Eduardo Blanco Amor, Emilio Pita e outros, uniron as súas inquedanzas ás dos refuxiados (Seoane, Arturo Cuadralo, Lorenzo Varela, Xosé Núñez Búa, Ramón de Valenzuela e algús máis) e o trafego cultural de cara a Galicia acadóu un nivel significativo espresado en ediciós de libros, concursos literarios e musicáis, esposiciós de artes plásticas, clases de lingua, historia e xeografía galegas, etc. Incorporéime de cheo a este quefacer na medida das miñas posibilidades e todo esto, tendo a Galicia como norde, foi sedimentando a miña vocación literaria que chegaría ó libro en 1960, dempóis de longo e entrañable exercicio nas revistas e xornáis da colectividade galega».


O TRABALLO NA HABANA


0 15 de Nadal do 1969, Neira creóu a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüistica da Academia de Ciencias de Cuba. Dende entón, dirixe as súas actividades e ten ó seu cargo a investigación da presencia dos emigrantes galegos na illa. Unha emigración abondosa e notoria que comenzóu masivamente arredor do ano 1870 e findóu polo 1930. As institucións galegas en Cuba, a prensa, a laboura cultural diversa destes emigrantes cos seus feitos relevantes cara á Galicia territorial (voces galegas insertas na fala de Cuba, influencias mutuas, actuación en Cuba de persoalidades da nosa cultura coma Curros, Cabanillas, Villar Ponte, etc.) están sendo estudiadas pola Sección que dirixe Neira Vilas, que ten hoxe unha importante biblioteca e está a facer agora mesmo o índice das revistas galegas do século XIX.
Todo esto non impide, e aínda favorece, o que o escritor siga de cerca o que pasa na súa terra. «Veño seguindo dende sempre, dende perto e con paixón, todo o acontecer de Galicia. Impórtame todo o que se refire ó meu país, en tódolos ordes. Ben sei que a ausencia, e máis aínda se é longa, non permite calebrar todo. A vida cotiá dun pobo, coas súas diversas impricaciós, somentes se pode comprender a fondo vivíndoa. Tal limitación é pra min unha realidade innegable. Salvado esto, podo decir que vivín e vivo «sempre en Galicia».

 

GALICIA, 27 ANOS DESPOIS

No 1972 voltóu por primeira vez, dempóis de vintetrés anos de ausencia. A remates do 1976 viaxóu novamentes á súa aldea, acompañado da súa muller Anisia. «Atopéi en esencia todo igual, como digo nun poema do meu libro Dende lonxe. A xente vive mellor, non se pode negar. Come e viste mellor, gasta máis; os labregos van á feira en autobús, pecharon os fornos e mercan pantrigo. Ha¡ algús tractores, teñen pistas nos agros, comenzan a facer a revolución da auga, como propoñía un persoaxe de Fole... Pero sigue a emigración, vense nas aldeas moitas viudas de vivos, abondan as deformaciós derivadas dunha agresiva sociedade de consumo. En fin, atopéi cousas vellas melloradas e algunhas novas que se terá de ver co tempo se son as máis axeitadas a este mundo rural noso. Evidénciase a necesidade dun cambio radical de estructura. Esto foi o que percebín a nivel da vida cotiá nas aldeas».


PUBLICAR MAIS EN GALEGO


Non é alleo Neira Vilas ó problema actual do idioma galego. «Nos derradeiros anos é obvio que a cultura galega atópase nunha promisoria etapa ascensional. Vense publicando moito con algunhas obras que nada teñen de envexar ás mellores doutras literaturas. Se nos concretamos a este intre preciso, estimo que pasamos certa crise que ten de preocuparnos. Aumenta o caudal de lectores en galego, cada día máis esistentes, e non contamos cunha resposta axeitada a tal degaro. Penso que será algo transitorio. En canto ó caso do idioma, eu vexo que na miña comarca do Ullán fálase o mesmo galego de trinta anos atrás. Únicas diferencias que atopo: certa capa de novos ricos dos que os nenos estudian na vila e gostan de espresarse en castelán (sobor todo as nenas) anque entenden o galego; rapaces en xeral que, por seren fillos de emigrantes ou porque variaron algo os tráfegos da terra, menexan un lésico probe en relación con nomes de ferramentas, ceifas, temperanzas, etc.
Fálase máis galego nas cidades. E falan galego polas rúas os estudiantes de Santiago o que non acontecía, salvo en  ontados casos, fai unhos anos. Vense máis libros, algunhas páxinas nos xornáis, canciós, algunha cátedra, un pouco de radio e até televisión no noso idioma. Todo esto é moi importante.
Con todo, a agresión, por así chamarlle, do castelán é moi forte a traveso dos meios masivos de comunicación, en primeiro lugar a televisión. Teremos de acrecer o esforzo en tódolos ordes pra que a nosa vella lingua non esmoreza».

 


«MOITO QUE FALAR DA EMIGRACION GALEGA»


En relación con duas xa vellas teimas súas relacionadas coa literatura, Neira Vilas declaróu a TEIMA o seguinte: «Queda moito por literaturizar arredor da emigración galega. Unha parte importante da nosa poboación anda fóra do país. Revelar, por vía testemonial ou de ficción, como vive e pensa, cáles son os seus desacougos e inquedanzas, é un tema moi amplo e ricaz. Pouco se leva feito ou case nada. Eu propóñome seguir traballando nesto no marco das miñas vivencias persoáis e do meu contacto con centos e milleiros de emigrantes galegos en América. Encol da literatura pra nenos, penso seguir alternándoa con libros pra adultos e traballando nesta difícil tarefa na medida das miñas forzas. Entendo esto como un deber. Ningún autor debería considerar cumprida a súa tarefa mentras non intente siquera destinar algo ós cativos. Un exemplo recente (en castelán) é o do poeta cubano Nicolás Guillén, quen ós 74 anos entregóu ó prelo un fermoso libro de poemas titulado «Por el mar de las Antillas anda un barco de papel». Na nosa literatura é máis importante aínda atender a esta necesidade. Temos de afacer ós nenos a ler dende o comenzo no idioma que falan ou que non falan, nalgús casos, pero que é o dos seus pais».


SE CADRA, VOLTA


Somentes dunha cousa non quixo talar Neira Vilas. «De Cuba e da súa revolución, non por favor. Tería que decir tantas cousas que non habería xornal nin revista que publicase as miñas declaraciós. Se cadra, algún día publicaréi un libro ou algo sobor de todo esto que non colle no ámbito dunhas declaraciós». Hoxe, Xosé Neira Vilas e a súa muller Anisia Miranda, escritora cubana, seguen a traballar na súa casa do barrio habanés de Vedado. «Quén o sabe. Se cadra algún día volto pra quedarme aquí», foi parte da súa despedida.