Centro de Documentación da AELG
"Conspiración" dermoestética
Máiz Togores, Xosé María
Autores/as relacionados/as:
Fonte: O Chioleiro (III)

“Conspiración” dermoestética

Este doado xogo de palabras faime pensar na escravitude estética na que comezan a vivir algúns homes de hoxe en día. ¿Son moitos eses algúns? Non cho sei, amiguiño. O que si teño moi claro é a grande evolución do coidado físico masculino dende hai uns vinte anos. Daquela, cando ías ó ximnasio, o vestiario era un reflexo desa sociedade machista que rexeitaba calquera manifestación de arranxo externo por parte do home. Non vou repetir os apelativos que caían sobre “o ousado” que pasaba máis de cinco minutos diante do espello. Todos os que temos máis de corenta anos lembrámolos moi ben, ende mal.
Por iso, cando hoxe falan de que o home é unha mina, un choio diría eu, para as empresas dermoestéticas, non podo deixar de pensar no devandito. A globalización da pel (quizabes, mal entendida) e maila igualdade fan que vexamos un home mercando unha crema antienrugas nun espazo que hai cinco anos era exclusivo das mulleres. Certo é, como di unha boa amiga, que inda falta que recoñezan (recoñezamos) que “o pote” é para eles (para nós) e non para a noiva, a nai, a muller ou a irmá. ¿Non se decatan como medra o espazo dedicado á beleza masculina nas tendas de perfumería e nas farmacias?
Ben, polo que vexo, hoxe estou un pouquiño nostálxico e levo outra vez a miña mente ó pasado. Imos alá. Sofía Loren, a belísima e gran Sofía, pousara máis dunha vez hai anos cos brazos ben altos amosándonos dúas negras guedellas (máis ben, cachóns de pelo) sen vergonza algunha. ¿Fea? Daquela, ren de ren. Creo que tamén Gina Lollobrigida fixo algunha cosa así sobre un automóbil. E xa non falemos das campionísimas Marita Koch e Jarmila Kratochvilova, entre outras plusmarquistas das extintas RDA e URSS, que, cada vez que gañaban unha proba, ¡e eran moitísimas!, nos agasallaban cos seus barbados sobrazos cunha naturalidade case masculina, como dixera daquela un sonado comentarista deportivo. Era un deporte sen teimas estéticas. Puro deporte. Para outros de hoxe en día, o plistoceno do atletismo.
E vostedes dirán: ¿A que vén todo isto? A culpa tena os xogos olímpicos que acaban de rematar. ¿Que por que? Pois porque en Atenas vimos atletas (homes) sobaquilampos, nadadores que non tiñan un pelo de repousóns en todo o seu corpo e campións que nos amosaron sen vergonza algunha unhas cellas pero que moi ben depiladiñas. Non falta o atleta, o deportista, ou o actor que non fale do seu corpo absolutamente depilado como algo moi normaliño hoxe en día. ¡Xa non existe o Alfredo Landa dos setenta! Aquilo é a Atapuerca da estética. ¡Menuda xeira a tal tarefa! Pero, amiguiño, son cousas do noso tempo e, como diría o meu avó, hai que adaptarse a elas sen complexos e sen prexuízos.
Por certo... O ano vindeiro, por estas datas, xa saberemos se Madrid organizará ou non os xogos do 2012... ¡E eu con estes pelos!