Unha mestra do ano 1923
Eu teño un amigo e colega na provincia de Toledo. Hai uns días envioume unha fotocopia, un tanto esfollegada, dun contrato que asinara a bisavoa, alá polos anos vinte, cando exercera coma mestra nunha aldeíña desa imperial provincia. O certo é que o contrato ten/tiña moi pouco de imperial; máis ben todo o contrario, cheira a verdadeira escravitude.
Vostedes, como lectores, teñen dúas opcións: unha, a menos gravosa, pensar que todo é un sono e que eu teño unha fantasía estremeira coa irrealidade (isto non o fagan, porque pode amolar a moita xente); outra, a máis responsábel, despois de lelo, non esquecer a memoria dos devanceiros e ter sempre presente que os nosos dereitos son iso, nosos; que nos principios do século XX, tempos hoxe xa moi afastados, houbo moitas persoas que tiveron que loitar, traballar e sobrevivir nunhas condicións ás veces inhumanas, ás veces impensabeis para nós. Vaia en honor a elas este artigo.
Iso, lembremos un pouquiño.
A señorita XXX, a cambio dun soldo de 75 pesetas, acorda o seguinte: 1.- Non casar. Este contrato quedará automaticamente anulado e sen efecto se a mestra casa. 2.- Non andar na compaña de homes. 3.- Estar na súa casa entre as oito da tarde e as seis da mañá, a no ser que teña un labor escolar. 4.- Non pasear polas xeaderías do centro da cidade. 5.- Non deixar a cidade endexamais sen a autorización do presidente do consello de delegados. 6.- Non fumar. Este contrato quedará automaticamente anulado se alguén atopase a mestra fumando. 7.- Non beber cervexa, nin viño nin “whisky”. Este contrato quedará automaticamente anulado e sen efecto se alguén atopara a mestra bebendo. 8.- Non viaxar en automóbil con ningún home que non sexa o irmán ou o pai. 9.- Non vestir roupas de colores rechamantes. 10.- Non tinxir o pelo. 11.- Usar, polo menos, dúas enaguas ou bisos. 12.- Non usar traxes que queden a máis de cinco centímetros por riba dos xeonllos. 13.Manter limpa a aula: Varrer o chan, polo menos, unha vez ó día; fregar o chan da aula, polo menos, unha vez á semana con auga quente; limpar o encerado sempre que estea escrito na súa totalidade; acender o lume ás sete, e atal a habitación estará quente ás oito, cando cheguen os rapaces. 14.- Non maquillar a faciana nin embelecerse con enfeites, así como non pintar os beizos. 15.- Utilizar sempre, diante dos rapaces ou non, un vocabulario correcto e axustado á súa condición de mestra.
E despois de examinar polo miúdo o sonado contrato, non atopei ningún artigo que falara das condicións de traballo, da valía profesional, dos méritos para obter ou manter a praza, e outras cousiñas máis que hoxe chamamos dereitos dos traballadores. ¡Manda carallo!
-¿Cal destes artigos ten vida inda hoxe?, preguntoume o meu amigo.
-¿Que cal? ¡Ningún, home, ningún!
-¡Ah, bo! E parece que quedou moi tranquilo o meu amigo. -Ou iso espero ó menos, díxenlle despois eu polo baixo, xa con menos seguranza.
Porque o certo é que, non sei como, veume á memoria o nome desa amiga común, que puxeran no ollo da rúa hai uns meses, despois de lle comunicar ó xefe que quedara embarazada.