Centro de Documentación da AELG
Verbas da terra - A nosa lingua
Máiz Togores, Xosé María

A NOSA LINGUA

Lingua viva e senlleira,
achégome a ti
cos ollos camiño dun ceo
ateigado de limpas roseiras,
e cun cantar arrolado
no risco da túa estrela.
Sei que aínda é cedo
para falarche
dun pucheiro ben feito,
dunha fermosa lumieira;
mais o meu corazón
anda cheo de doces meigas,
de espidos soños,
e de regatos sen quimeras.
Por iso degoxo que alguén
queira escoitar
nun recuncho da súa lareira
o branco rumor
desta meniña cantiga
que é o xerme da nosa terra.