Hai anos escribiu Fole un par de coleccións de
contos contos contados chamáballe eu co pano de fondo daquel mundo,
entón a pique de desaparecer, das paroladas arredor do lume nunha
lareira aldeana, ou nunha mesa de café de calquera vila adormecida,
onde un grupo de desocupados atopa na conversa e no intercambio de
historias o modo mellor de pasar as horas de folga.
E velaí que nunha ocasión, indo de viaxe, parei a tomar café e
estirar as pernas nun bar-restaurante á beira da estrada, un local
deses detrás ou ó lado dunha explanada barrenta para aparcar os
coches, solitarios no medio do campo, máis ou menos afastados das
poboacións e próximos ós accesos dunha autoestrada ou autovía.
Mentres tomaba o café con leite e lle botaba un vistazo ó xornal
chegáronme ós oídos unha serie de conversas entre xente que
incidentalmente coincidía alí e que posiblemente non se volvería ver
unha vez se metesen de novo nos seus coches e continuasen estrada
adiante cara a onde lle cadrase.
Entre uns e outros circulaban ditos, comentarios, historias, que me
fixeron lembrar os contos á lús do candil de Ánxel Fole. E matinei
que estes locais onde o automobilista se detén eventualmente, coma un
náufrago evadido por un instante do seu illamento, veñen ser unha
especie de último reducto onde o home se abre á conversa, á relación
de historias, mesmo á confidencia para continuar mundo adiante unha vez
satisfeita a súa necesidade de relación, máis que de café, viño,
licor ou esterricamento de pernas, de novo a soas consigo mesmo ou con
alguén con quen o trato continuo ergueu un insuperable valo de
incomunicación.
Alí, cruzadas dun lado a outro do local, pódense oír conversas entre
quen saíu dous días antes da casa co camión, chegou a Tarragona,
descargou, colleu unha nova carga para Valencia, de onde ídem de lenzo
a Huelva, subiu por Lisboa e agora regresa ansioso de meterse na cama
coa muller e ata mañá que será outro día. Co que se queixa do modo
en que os de Tráfico se acazapan na estrada só para pillarte nunha
infracción e cascarche unha multa de aquí te espero, nunca para
prevenir, escasas veces para axudar e que acabará por referir unha
historia na que ó final se salvou da multa gracias ó seu saber estar,
ou á súa sorte, ou vai ti saber o que.
Un de máis alá contará como cando estaba parado na estación de
servicio, que ía botar «ghasoi» ó camión, lle estoupou unha
cuberta do trailer e lle saltou un anaco de goma á barriga que lle fixo
unha ferida e todo, coma se lle pegasen un tiro, e menos mal que lle
batera enriba do cinto aquí, mira, ancho e de coiro gordo, que se non
a ver se a podería contar agora, e claro, o xefe moito pensar no
rendemento e nos gastos e todo iso, pero de renovar o material, como non
lle senten a man enriba, nada de nada, e quen as paga son os
asalariados, que por aí van, apegados ó volante, chupa que te
chuparás quilómetros e máis quilómetros.
Así, entre uns tópicos e outros, de vez en cando saltará a chispa
dalgunha curiosa historia que ó silencioso folleador de xornal dunha
esquina do mostrador lle encherá o espírito de ledicia e lle meterá
na cabeza a idea de compilar esas refendas apañadas aquí e acolá, en
calquera establecemento hostaleiro da beira da estrada, contos da Terra
Brava referidos case á lus do candil das zonas de servicio á beira de
autoestradas e autovías. Historias xuntadas baixo o título provisional
de «Zona de Servicios» e das que ofrezo agora este extracto.
Cando veu o letreiro indicador, o conductor puxo o intermitente á
dereita e colleu o ramal de saída. Xa empezaba a ir canso,
durmíanselle as pernas e non aturaba as ganas de mexar. Pensou que era
unha vergoña que nas autovías estatais case non houbese áreas de
servicio, nin de descanso. Pero deste xeito tamén aproveitaba para
escapar por uns intres á monotonía do asfalto e recuperarse no «Brisas do Cantábrico» onde de paso botaría unha
parrafadiña con Fela, a camareira simpática e faladora con quen máis
dunha vez soñara unha aventura que nunca chegara nin sequera a
insinuar.
Cando entrou, frente á barra había un fulano con aspecto estreñido,
tal vez un pequeno empresario, ou un executivo de pouca monta, xa se
fixara no BMW aparcado fóra, un tío en mangas de camisa branca, de
gravata e botón do colo desabotoado. Tomaba un café con leite no que
mollaba con parsimonia unhas madalenas de paquete, sen preocuparse de
cousa ningunha arredor seu.
¿Que tal, Manolo? saudouno Ignacio, o dono, desde o seu posto na
barra. Non viu a Fela, a ver se xa non estaba, porque nestes sitios
nunca se sabe o que pode durar un empregado. ¿Que vés: de ida ou de
volta?
Eu de ida sempre, Iñaqui, aínda son moi novo para estar de volta.
Anda, ponme aí un centotrés apalancouse nun tallo alto o recén
chegado. ¿E logo Fela por onde anda? ¿Ou xa non a tes aquí?
¿Como non a vou ter, se é a alma do negocio?
Oíase o bater de portas dun coche fóra, no aparcadoiro, e un momento
despois entraba unha parella, un matrimonio cincuentón que pediron
cadanseu café con leite. Ignacio cargou a tacilla da cafeteira e colleu
unha caixa ó lado do dosificador.
¿Que, vaiche unha faria? ofreceulle ó camioneiro, que remexeu co
dedo entre os cigarros e apañou un. O home recén chegado empezou a
falar en alto, víase que lle compría comunicación. Explicou que
viñan estreando coche e que desde logo marchaba coma unha seda.
Agora son a de Deus, nin lle compre rodaxe nin nada. Saen da fábrica e
xa lle podes pisar canto queiras. Van coma centellas.
O de camisa e gravata non fixo nin caso, coma se non falase ninguén.
Ignacio púxolle diante ós recén chegados os pocillos co café con
leite.
¿Van querer algunha pasta? preguntou.
Non, non dixo a muller. Os cafés nada máis.
Pois o coche vello que tiña insistía o cincuentón na súa teima
comunicativa co camioneiro, que era quen máis atención parecía
prestarlle saíume malo de remate. Levaba cinco anos con el e vendino
polo que me deron, pero é que xa estaba farto. Unha merda de futingo. E
alá se foi con vintecinco mil quilómetros. Non quixen saber máis del.
Home, pois se en cinco anos non lle meteu máis que vintecinco mil
quilómetros entroulle o do camión, non se pode dicir que lle dea
moito uso ó coche.
¿E que uso lle ía dar, se o tiña sempre no taller?
rendeu ó
instante o outro no envite. Escoite, señor, fíxese no que lle digo:
un «tempra», era. De modo que xa sabe: non merque nunca un «tempra», é unha verdadeira merda. Agora collín un
«hiundai», déronmo onte, xa lle digo, e vai coma unha seda.
Nin se sinte. Claro que tamén me levaron tres quilos e medio por el.
Coma quen raña.
Home, máis ou menos, cando saen do
concesionario todos van de marabilla.
O outro non, o outro xa me empezou a fallar desde o primeiro
quilómetro, ¿non si, Lola? ¿É certo o que digo ou non?
É certo afirmou a muller despois de limpar o bico cun pano de papel.
Pois si, desde o primeiro día. Que se a correa do alternador. Que se o
termostato da ventilación. Que sei eu...
Bo, un coche malo pode saír de calquera marca
contemporizaba o
camioneiro.
Mire, vostede pense o que queira. Eu sei que non volverei mercar un
«tempra» na vida Remataba o café con leite e afastábase do
mostrador o outro. A muller tamén se levantaba, pero detívoa coa man
no brazo. Espera un pouco, muller, que primeiro vou botar unha cagada.
Total temos tempo de sobra.
E alá marchou ós servicios, o tío fino, deixando detrás un leve oco
de silencio. A muller foi quen ó fin volveu falar para pedirlle a
Ignacio un décimo de lotería dos que tiña expostos na prateleira. O
da camisa branca acababa de pagar e collía a chaqueta para saír. «Bos días», despedíuse en voz baixa, case nun moumeo
inintelixible, ó tempo que se dirixía á porta.
¿E logo? ¿Seique se quere facer rica? ignorou Manolo o camioneiro ó
pequeno empresario e a súa despedida.
¡Ai, fillo, boa falta me facía! A femia aínda estaba de bo ver, e
tiña uns xeitos agarimosos.
Muller, se acaban de comprar un coche de máis de tres millóns, non
será precisamente porque estean na miseria. Ou polo menos non vexo eu.
Si, pero é que ó meu marido xubilárono. Quero dicir: unha especie de
xubilación, que lle dan un diñeiro e mándano dous anos ó paro e
despois a esperar ós sesenta para cobrar a pensión. E claro, el veo
todo liso y llano, pero vaia vostede saber se nos chegarán os cartos
para vivir.
Pois mire que se lle toca, señora, teña coidado, que ó mellor
déixaa e váiselle con outra por aí.
Do que é mal non é eso o que me preocupa a min.
Bo, ten que me desculpar, porque ó
mellor parécelle que xa estou falando de máis. E por outra parte a
quen lle tocaría neste caso sería a vostede, non a el. Pero dígollo
porque sei dun un da miña vila
precisamente que apañou setenta
millóns na primitiva e non dixo nada na casa. Deixou de traballar,
meteu a pasta no banco e de primeiras seguiu coma se tal cousa. Á
muller díxolle que estaba no paro e continuou dándolle noventa mil
pesetas todos os meses, coma antes. Así e todo pasaba o tempo e a
muller empezou a escamarse. «¿E logo, Fulano dicíalle, por que
non te moves un pouco e buscas un choio novo? Porque cando se che acabe
o paro, a ver como vai ser». Pero el que nones, «xa traballei
bastante na vida e mentres me dure o subsidio non penso mover un
dedo». Logo, ó ir pasando o tempo, os fillos protestaron, que
querían máis diñeiro para os gastos de sábado e domingo; pero el
nada, seguía nas noventa mil ó mes para todo e de aí non se movía. A
muller estaba cada vez máis mosca. Ademais notáballe que cando lle
pedía aquelo, xa sabe, dispensando, el cada vez inventaba unha escusa
nova, que os anos e todo eso, e que nada, do asunto nin falar. Ela
empezou a sospeitar a verdade, quero dicir: que o fulano andaba liado
con outra ou con outras por aí. E algo diso había, porque no banco
sacaba os seus bos intereses e en algo os tiña que gastar. E mire
vostede: levaban vintecatro anos casados, xa ían celebrar as vodas de
prata, e de repente, da noite para a mañá o tipo mandouno todo a tomar
vento e desapareceu, xa non houbo vodas de prata nin vodas de nada.
¡Tamén, que lambón!
Bo, señora, ¿que quere que lle diga? El atopouse cun diñeiro así de
repente e despois de darlle as súas voltas ó asunto, dixo: «a
vida hai que vivila».
Si, pero o diñeiro tamén era dela. ¿Non sabe que de casados o do
home é da muller e o da muller é do home?
Si, eso era o que el dicía: que o da muller é do home. Pero o do home
era só del, que para iso fixera a primitiva sen que lle axudase
ninguén, e a pagara cos seus propios cartiños. De modo que alá se deu
o piro para o Brasil, eso soubémolo despois, pero primeiro quitou todo
o diñeiro do banco, contoumo a min o director, que aínda é bastante
amigo meu. E por alá anda o tío, cunha mulata de aquí te espero,
trinta anos máis nova ca el, que a coñecera nunha barra americana e
estaba como ha de ir.
Si, o da mulata e todo iso faime a min moita gracia
protestou a muller. Porque os homes nin que fosen parvos, que xa me gustaría a min
ver como lle ten a casa de limpa, e como lle prancha as camisas, ou lle
repasa os calcetíns.
Bo, señora, iso é o de menos. Mire con que cousas me ven agora.
O marido regresaba despois de descargar. Achegouse despacioso ó
mostrador, «a ver, cóbreme aquí». Ignacio colleu o billete e
pousoulle a volta nun pratiño.
Ben, señores despediuse o fulano ó tempo que gardaba o solto no
moedeiro. Imos seguir viaxe que, xa que me acabo de xubilar, queremos
aproveitar para ir pasar uns días a Benidorm.
Que teñan boa viaxe inclinou a cabeza Ignacio. Manolo, cando xa
estaban fóra, afastouse cachazudo do mostrador e, como quen non quere a
cousa, achegouse á porta para velos marchar. Metéronse nun coche do
trinque, brillante, enceradiño. A través da xanela a muller dixo adeus
coa man. Tiña un sorriso así coma quen ofrece e non quere dar. E
aínda estaba de bo ver, avaliou o camioneiro de mans nos petos, as
pernas escarranchadas no medio e medio da porta. O marido debeuse poñer
nervioso ó sentirse observado polo outro e fixo cantar o cambio de
marchas ó tratar de meter a primeira sen pisar o embrague. Rectificou e
saíu por fin pisando a fondo. Detrás del ergueuse unha nube de poeira
no aparcadoiro.
(...)
Manolo, o camioneiro, volvía do retrete
axustando a cremalleira do pantalón.
Pero, a ver, Iñaqui interrogou. ¿Por onde anda logo metida Fela?
Fóra, a través da vidreira, víase parar un tres eixos enorme, do que
baixaba un individuo miúdo e baixiño.
Cala, home. Colleu a mañá libre para facer non sei que cousas na vila
e aquí me ves, só e sen axuda.
O tipo miúdo do tres eixos entraba cun xovial
«bos días a todos,
e se hai alguén máis, bos días tamén para el».
¿De modo que a mañá libre? enfurruñábase de así coma quen o
Manolo. Pois non hai dereito.
Dimo a min
arrandeaba Ignacio a
cachola. Que estou aquí máis só que a unha con todo o choio que hai.
Pois xa sabe, se necesita un camareiro para botar unha man, aquí ten
un punto ofreceuse campechano o recén chegado miudiño. E non me lle
viría nada mal un choíño destes, xa estou máis que farto de rodar
día e noite por esas estradas da merda.
Pois, se non está Fela, eu collo vía recollía Manolo a volta no
mostrador. Vou ver se aínda pillo ó prexubilado do «hiundai» e lle largo un par de buguinazos á muller.
Non, xa vexo que ti vas detrás de todas.
¿E logo ti non irías? A saber o que lle terás feito por aí a Fela.
Ollo, amigo, que eu, detrás da barra, pura relación profesional.
Única e exclusiva relación profesional.
Como debe ser, si señor aprobou o baixiño recén
chegado. Porque
doutra maneira os problemas poden ser de agárrate. Dígamo a min, que
teño visto, e pasado, de todo. E no da hostalería, especialmente,
compre fiar moi fino, porque se ve cada unha que ¡para que lle vou
contar!
¿Xa ten experiencia, logo?
¿Experiencia? Oia, se me lle ofrezo para poñerme detrás da
barra,
non vaia pensar que son un principiante. Aquí onde me ve, eu de novo
traballeille uns aniños na profesión. Axudante de barman fun, que non
lle é calquera cousa. Empezara no «Mezquita», non sei se lle
soa, moi famoso daquela, no centro d'A Coruña, no propio Cantón.
Si, teño unha idea.
Por certo, cando o deixei fixen a primeira gran burrada da miña vida,
si señor. Pero abrían o «Hotel Embaixador», tamén alí ó
lado, nos xardíns, non sei se coñece, na Mariña mesmo, ó lado do
monumento de Curros. E dixéranme que naquel negocio estaba o futuro.
Foi entón cando coñecín a Perico Chicote. Si señor, non me mire
así, o propio Perico Chicote en persoa. Viunos dar un curso de tres
meses, antes de abrir o hotel, para poñernos así coma quen di un pouco
ó tanto da cuestión. E aínda agora non se me esqueceron as mañas que
con el aprendín para preparar cócteles, un día que pare con máis
tempo aínda lle fago unha demostración, xa verá. Bo, o caso foi que
entrei no Embaixador, na «Parrilla», que daquela era o non vai
máis d'A Coruña. Formara a súa orquestra Pucho Portela, que tocaba
todos os días, ¡e como lle pegaba ós boleros aquel cabrón! Viña
xente seguido e os camareiros aínda lle faciamos unhas boas pesetas.
Era eu un rapaz e acórdome de noites de chegarlle á casa ós meus pais
con cen calandrias no peto, só das propinas. E cen pesetas de entón
éralle moita pasta de María Santísima, non as ganaba á semana un
obreiro da construcción. A nosa jauja era cando no vrao chegaba Franco
para pasar a temporada no pazo de Meirás. Daquela deixábase caer a
escolta pola parrilla e queimaban machacantes cousa fina. Aínda que
neso de queimar, así, ó besta, os mellores éranlle os do wolfram da
zona de Bergantiños. Aparecían cunha fulana desas bandeira, que o
porteiro tiña que facer a vista gorda porque naqueles tempos xa se
sabía, pero eles tiraban daqueles billetes de vinte pesos como nós
deixamos hoxe o descabalado no pratiño da conta. O diñeiro saíalle o
mesmo que lle entraba, sen darse conta. Entre eles, tres ou catro
armadores do Muro e, xa digo, os da Garda de Franco, virabámonos nuns
verdadeiros Cresos. De madrugada xuntabámonos os do oficio, despois de
saírmos de traballar, nunha tasca que seguía aberta só para nós e
alí alternabamos e, cando tal, colliamos para o barrio, para o «Puema», unha casa de verdadeira categoría,
«Putas e
maricóns» era de onde lle sacaran o nome, e non vexa as que alí
organizabamos.
Home, unha cousa así aínda pode ser
vida. Pero o que é esto, aquí no medio do deserto, nin punto de
comparanza, amigo.
Pero espere que lle conte. Porque ó cabo pasoume unha que me serviu
para aprender, e desde aquela xa dixen: eu non poño máis a cara por
ninguén e que cada can lamba o seu carallo. A cousa foi que, claro, de
vez en cando sempre había algún que metía man no diñeiro das contas.
Pouca cousa, catro ou cinco pesiños, ou algo polo estilo. Pero un día
o xerente descubriu un desfalco na caixa que xa era cousa de marca
maior: ¡vinte mil pesetas, nada menos! Avisaron á policía e todo. E
ó cabo cargáronlle o morto ó Leiras, un rapaz marabilloso, o mellor
fulano do mundo. Sempre que iamos a algunha casa do Papagaio el era o
rei da festa, non vexa como o querían as mulleres. E todo o mundo.
Aquela noite, cando o encontramos na taberna onde nos xuntabamos ó
saír de choiar, contounos o que lle pasara e como o botaran do curre,
que aquelo era unha inxustiza que non tiña nome e que ía facer da súa
vida no medio da rúa, con muller e dous fillos que tiña... Daquela xa
nos puxemos a pensar en argallar algo para obrigar á empresa a
readmitilo. E claro, ¿que forza teñen os traballadores neste puto
país? Non había outra que a de ir á folga. Non saír en
manifestación pola rúa como fan agora por menos de nada, berrando
catro versos mal paridos que mesmo parece de coña. Se tal chegamos
facer non teriamos ido da rúa dos Olmos á Galera antes de a pasma nos
levar a todos ó cagarrón cunha boa manta de hostias por riba e o
futuro máis negro que os pés dun xitano.
Dígamo a min, que aquí onde me ve, algunha experiencia teño de cando
traballei nas minas de Asturias.
¿Pois que lle vou contar? Pero o que discurrimos foi chegar ó
traballo, poñer á chaquetiña e manternos alí, tesos como paus, sen
atender a ninguén, sen despachar un pedido, sen dar puta pancada. Claro
que na taberna, co vaso na man, comprometémonos todos, vaia entusiasmo,
non te preocupes, Leiras, que ou te readmiten ou van perder máis cartos
que unha empresa do Estado, xa o verás. E ó día seguinte aquí o
parvo e dous máis así fixemos, tal como dixeramos. Pero o resto nada,
nanai del paraguai, todos a dar o callo coma cabróns. Acórdome que veu
a policía nacional, os grises, como lle dicían daquela, e
apañáronnos un por un ós tres monas e veña, neno, para o trullo.
Menos mal que como eramos uns rapaces e de comunistas nada, aínda
saímos axiña para a rúa, despois dunha cariñosa somanta e unha noite
de reflexión ó fresco. Pero cando quixemos volver ó choio, ¡laranxas
da China!, amiguiño, váiteme por onde viñeches e adiós, muy buenas,
si te he visto no me acuerdo, alá van todos os meus soños de
converterme no Perico Chicote d'A Coruña, que por aquel entón ben lle
chamaban o Madrid galego.
Eso pasa por meterse a axudar a quen ó mellor non o merece.
Pois mire, así como o conta, algo deso houbo, si señor, pero esa é
outra historia. E agora aquí me ve, amarrado ó volante quilómetros e
quilómetros, que para máis colmo traballo para un xefe especialista no
de trucar o tacógrafo e non hai velocidades máximas, nin horas de
descanso, nin farrapo de gaita que se lle resista. ¿E despois é
vostede capaz de vírseme queixando de estar aquí todo o día detrás
do mostrador? Veña, amigo, non me foda, se non hai vida máis regalada
que esta, dígollo eu, que coñezo o pano. Dun lado e máis do outro.
(...)
Unha das cousas que máis me foden agora cando chegan as vacacións de
vrao dixo o de pantalón vaqueiro e camisa a cadros que acababa de
entrar e pedir un cubalibre son esa reste de mohameds que veñen de
Francia nuns coches do ano da polca, cheos de familia numerosa, con
máis paquetes que un zoco moruno, a baca coma unha torre de babel, ata
con gaiolas de galiñas enriba se me descoido, e que pasan fostiados,
coma se alá en África estivese a agardar por eles o paraíso terreal.
Son máis perigosos que bombas ambulantes pola estrada.
Ten razón arrandeou a cabeza comprensivo un de barbicha e lentes de
intelectual que non facía máis que botar olladas de esguello a ver se
podía coller dunha vez o periódico. E eso que agora non é nada,
porque coas autovías xa non é o mesmo; polo menos nos adiantamentos
pode ir un moito máis tranquilo.
Si, pero non se fíe, porque como se descoide un pouco, a ver o que lle
pasa. E non digo nada se chegan ter coches de verdade e non eses
armatostes co motor atado con cordeis. Eu cando os vexo baixar todos do
cacharro nunha área de descanso, que aínda non sei como tanta xente
pode caber alí dentro, e empezan a cociñar as súas galdrumadas e o
deixan todo máis emporcado que unha folga de recolledores do lixo, xa
me digo: «¡Ostindiós! ¿Pero onde imos parar coa invasión de
toda esta xente? Porque o día menos pensado cómennos o terreo que
pisamos».
Home mediou o miudiño que fora camareiro na Coruña mentres remexía
meticulosamente o seu carajillo, se veñen aquí non o farán por
gusto, que ben sabemos nós que ninguén emigra por deporte.
Coño, ¿e que culpa lle teño eu se na súa terra morren ata os
piollos coa miseria?
¿E non se preguntou se non teremos nós a culpa desa miseria?
O
ex-camareiro da Coruña era un home con certos principios, botábase de
ver ¿Se Europa non vive na opulencia porque se dedicou a espoliar
África coma se fose unha leira sobre a que tiña todos os dereitos e
ningunha obriga?
¡Veña xa! ¡Déixeseme de conachadas! alporizouse o da camisa a
cadros. Pola miña parte asegúrolle que a min en África nunca se me
perdeu cousa ningunha, nin espero que me vexan o pelo por alí no que me
quede de vida, e endexamais lle fun quitar nada a ninguén na súa casa.
O que pasa é que eses tipos viven peor que animais. E como nos
descoidemos un pouco aínda nos han vir comer polos pés.
Un día evocou como para si o que non deixaba o xornal, logo de lle
dar un sorbo ó seu café con leite, acórdome ben, era unha mañá de
abril, que chovía a manta, entrei en Correos a mandar un paquete
certificado.
Entrara en Correos aquela mañá para
certificar un paquete e mentres cubría o impreso chamoulle a atención
ó seu lado un individuo magro, baixiño, de cabelo ondulado, con rasgos
inconfundiblemente norteafricanos. Cun rotulador verde o home debuxaba a
trazos rápidos a follaxe dunha árbore nun lado dun sobre branco.
Intrigado, parouse a axexar con disimulo o que aquel home facía e
observou que unha vez rematado o deseño dáballe a volta ó sobre e,
pola parte de atrás, debuxaba de novo a mesma árbore, como se fose a
parte posterior do deseño do anverso. Logo volveu á parte de diante e
ó pé da árbore, entre parénteses, escribiu, sempre axexado de
esguello polo que ó seu lado finxía encher o impreso do certificado: «Contén versos».
Xa case sen disimulo ningún o do
certificado arrimou un pouco máis a cabeza para poder ler o enderezo,
que rezaba así: «Fulano de Tal, nas inmediacións da Porta do Sol,
Madrid, onde soñabamos con algún día acadar fortuna».
Quedou tan prendido pola curiosidade que, esquecido do certificado que
entrara a depositar, alí ficou coma un pasmón a ollar para o home, que
se achegou á xanela, franqueou a carta e logo saíu ó exterior.
Automaticamente, como levado por un imán, foi detrás del e na porta
veuno dirixirse a un «Renault-12» de cuarta ou quinta man, coa
suspensión vencida, cargado de paquetes, seguramente alfombras e cousas
desas que os ambulantes andan a vender polas portas, no que tres tipos
coa mesma pinta de norteafricanos esperaban por el para ir vender a
mercancía a calquera feira desas polo mundo adiante.
Abriuse a porta e entrou unha muller alta, moi maquillada, o escote da
blusa desabotoado ata a metade da raia dos peitos, pantalón acampanado
moi cinguido arriba, e zapatos de tacón groso e alto.
Póñame un café con leite grande
dirixiuse a Ignacio. Tiña unha voz
levemente rouca, sensual, un chisco amaneirada. ¿Que ten de tapa?
Agora mesmo acabo de preparar este salpicón. Pero non sei se co
café...
¡Ui, si: salpicón! Póñame unha tapa dobre. E, por favor, tráiamos
a aquela mesa.
Tirou unha revista de coloríns do bolso e foise sentar ó lado da
vidreira. Ignacio fixo o café, preparou unha tapa xenerosa de salpicón
e levoulle ambas cousas a onde se sentara. Quen máis quen menos, todos
ollaban de esguello para aquela fulanaza que, ignorante ou indiferente,
folleaba con aire distraído as páxinas da revista.
De repente oíuse o zumbir dun teléfono móbil. A muller abriu o bolso
que deixara na cadeira ó lado da que ocupara e sacou o aparatiño: «¡Ui, maricona, menos mal que dás sinais de vida, mariconazo!...
¿Pero por onde andas?... Si, eu aquí, de camiño, nun bar ó lado da
estrada, nin sei como se chama isto, ¡teño unhas ganas de chegar!...
¡Non! Que non, parva, non digas chorradas. Como llo comente ó meu
noivo, verás... ¡Pero serás maricona! Aínda pensarás en botar un
pouco de profidén na punta da caralla e dicirme que así, de paso que
cha chupo, podo aproveitar para limpar os dentes... Mira, vou cortar. En
canto remate o café collo o coche e voume voada para aí. Non me volvas
chamar porque xa sabes que conducindo non se pode atender o
teléfono».
Falaba con voz alta, grosa, sen recato ningún. O xénero fixérase
evidente para todo o mundo e cada un empezou a torcer a ollada e abanear
a cabeza: «por iso, ¡o que hai que ver!». A muller despachou
tranquilamente o salpicón, deulle o último sorbo ó café, limpou
delicadamente o morro cun guardanapo de papel, ergueuse, pagou no
mostrador e largou contoneándose cara á porta.
¡É unha pena! rompeu por fin o silencio a muller do calvo gordo que
estaba ó lado da vidreira cando se oíu o rombar do motor fóra. E
fíxate que ten un tipazo... Non sei como poden chegar a ese extremo;
pero, en fin, cada tolo co seu tema...
Élle un andazo
opinou o de barbicha e
lentes de intelectual, que lle metía o dente a un bocadillo de xamón
mentres seguía a esperar polo periódico. Cada vez hai máis por aí.
Ou ó mellor parece que son máis, porque como agora andan con todo o
descaro do mundo, sen preocuparse do que a xente diga...
A min pasoume dunha vez empezou a contar o miudiño que fora camareiro
na Coruña que había un tipo destes que traballaba nunha casa de xa me
entendedes, preto do bar. Viña por alí con frecuencia polas mañás, a
tomar café e uns bolos, sempre moi formal e moi educado. Un día chamou
por teléfono: «Fulano: ¿pódesme traer á casa un prato combinado
e unha cervexa? É que agora mesmo non podo saír». Cando chamei ó
timbre e me abriu a porta, ¡se vos conto!... O nacho estaba en bragas e
sostén, cun picardías transparente por riba. Así mesmo como volo
digo. «¡Ui, que me pillas case espida! fíxoseme o camándula,
talmente coma unha tía. Perdoa un instantiño, ceu». E alá se
meteu nun cuarto para volver abotoando unha bata floreada. Eu, tan serio
coma se fose o máis natural do mundo. Despois colleu por costume pedir
pratos combinados por teléfono e alí me tendes a min a levarllos...
¿E nunca lle intentou... en fin, xa me entende?
¡Nada de nada! ¡Pois non faltaría máis! Moi educado, moi amable.
Sempre me deixaba as súas boas propinas, pero ¡ollo aí!, nunca me
fixo nin a máis mínima insinuación.
Sentiría un namoro platónico.
¡E máis unha hostia!
¿E ó cabo que foi del? interrogou a muller do calvo gordo.
Pois non lle sei, señora. Tal día coma hoxe pasoume polo bar, díxome
que ía de vacacións a Portugal e nunca máis o volvín ver.
Ó mellor matouse opinou o calvo
gordo. As estradas portuguesas son
moi perigosas. A min gústame moito aquelo, pero nunca vou alá de
vacacións por medo deso.
As vacacións sempre son perigosas sentenciou o intelectual de
barbicha e lentes. E ás veces aínda é máis perigoso o regreso que
as propias vacacións.
(...)
Na barra un fulano baixiño que deixara o
seu citroën saxo case pegado á porta de entrada, esbardallaba con cara
de cabreo semi-ficticio, coma se continuase unha disputa emprendida quen
sabe canto tempo antes con quen:
Queren suprimir o «eñe», queren suprimir o
«eñe».
Pois diso nada, monada, porque non o imos consentir.
¿Pero de que falas ti, ho? recolleu a luva o camioneiro baixiño que
fora axudante de barman na parrilla do Embaixador, sen ningunha présa
por volver ó camión e á ruta. ¿Do d'A Coruña, que lle quitaron o
«ele» que tanto gustiño lle daba ós señoritos e agora xa se
ven por aí algúns letreiros nos que lle pintan «corun-ha»?.
Si, esa tamén é outra que ten os seus bemoles
reviróuselle o
ortógrafo irascible. Pero eu refírome ó de quitar o «eñe»
en xeral, que nolo queren quitar en Europa, e a min, que son Núñez de
segundo, como alguén me mande unha carta que poña Núnez, ¡devólvoa!
E ademais de devolverlla ó remitente, póñolle unha demanda por
incompetente alfabético. Por in-com-pe-ten-te-al-fa-bé-ti-co, si
señor. Así de claro.
Coño, ¿de modo que Núñez? ¿Non serás parente daquel que foi
presidente do Barça, por un casual?
¡Ó carallo o Barça! ¿Que ten que ver
o Barça agora? Eu son de España, Es-pa-ña, non Ca-ta-lu-ny-a, como
queren escribir por alí. Son de España, nunca de Espana, nin
Espan-y-a, nin Espan-ha. ¿Ou é que son portugués? A ver, dime: ¿Son
agora portugués? ¿Teño cara eu de ser portugués?
O fulano indignábase máis a cada paso e diante da risa dos siareiros
acabou por deixar unha moeda de vinte pesos cun golpe sonoro no
mostrador.
¿Parécevos chistoso? Pois moi ben, se para vós é o mesmo un
«cono» que un «coño», alá volo dean para que
xoguedes con el, eu non me vou meter nos vosos gustos. Haberá algún ó
que lle chiste máis a xeometría. Fodédevos e amén.
E marchou todo cabreado farfallando entre dentes:
«Cono: figura
xeométrica. Se a alguén lle gusta máis...»
(...)
Parecía a hora de concentración dos
camioneiros. Na explanada había catro grandes camións cos seus
correspondentes remolques. Os catro homes que despachaban as súas
bebidas no mostrador, os dous que chapaban cadanseu bocadillo sentados a
unha mesa diante de senllas cervexas e outro que metía moedas á
máquina come-cartos de xunto á vidreira, respondían ás
características físicas máis tópicas dos representantes do gremio.
Só unha parella que aparentaba arredor dos corenta, el de careca
alboreante e ela de carnes que se empezaban a virar señoriais,
parecían pertencer a distinto estamento.
O careca incipiente sorbía un café só. A muller remexía a culleriña
nunha taza de café con leite.
Faga o favor ergueu a man para chamar a atención de
Ignacio,
¿pódeme poñer un par de madalenas para mollar?.
Agora mesmo, señora.
¿Logo vostede non ten medo a perder a línea?
meteu baza o que estaba
á súa dereita, un fulano de pauciño de dentes na boca e cinto ancho
con chapas metálicas.
A muller arrandeou a cabeza como para afastar o cabelo de diante da cara
e ollou para el cun certo airiño coqueto.
A min o peso non me produce trauma ningún, ¿non si, Paco? E se teño
que ir mercar roupa na sección de «tallas grandes», pois alá
vou tan pancha; mellor aínda que meterme nesas boutiques para
anoréxicas, que hoxe non se ve máis que diso: anoréxicas perdidas.
Pero eu, ca, poderame dar calquera enfermidade, pero a anorexia...
¡Meigas fóra!
O seu acompañante rosmou algo para si; pero non dixo nada. A muller
púxose a comer as madalenas e cando rematou baixou do tallo.
Vou un momento ó servicio dixo. E cruzouse cun tipo que acababa de
entrar, cachapelada triunfante, que pediu un quinto desde o medio do
local.
Desde logo, léveme o demo se non hai algúns ós que o carné de
conducir llo deron nunha charcutería acomodouse o pelado diante do
mostrador, a falar para todo o mundo. Agora mesmo, non hai nin cinco
minutos, saíume aí atrás un coche sen respectar o «ceda o
paso» nin nada, que se chega vir outro de frente alá me vou
estampanar contra el. Pero diso nada, porque antes o levo por diante,
como hai Deus. Por certo, ¿de quen ese volkswagen gris, matrícula de
Zamora? O Jetta.
É meu, ¿por que? ollouno de esguello
o compañeiro da que non tiña medo a perder a línea.
Non é por nada, pero pareceume o que saía do
«ceda o paso»
aí atrás.
Pois se ti es o do tres eixos que viña como unha centella, si que o
é. Conducía a miña muller, precisamente a que vai agora no servicio,
e tal susto pillou que tivemos que parar e todo para que se repuxese.
Pois, oe, dille á túa muller que aprenda a conducir. E se lle compre
ir a unha auto-escola que non se preocupe: págolla eu.
Oe ti, ¿que queres dicir? empolouse o chamado
Paco. Vés pola
estrada a máis de cento corenta, que non sei para que tendes o
tacógrafo nin nada, saímosche pola dereita ¿e aínda tés máis que
dicir?
¿Pero serás mamón? ¿Tes ti ollo de radar para saber a velocidade
que traio eu? E saías pola dereita, ¿pero para que están os «ceda o paso», cacho cabrón? ¿Ou pensas que aínda seguiades
pola autovía?
Veña, veña mediou Ignacio desde o outro lado da
barra, se queren
darse máis explicacións monten nos seus coches e lárguenseme a
discutir no medio da estrada. Aquí non queremos unhas palabras máis
altas que outras.
¿Mesa para cantos, señoras?
Para tres. E señoritas, por favor.
Desculpen...
A ver, pásame a carta. ¿Ti xa
escolliches?
Non, pero faino ti. Pois como vos dicía: el, saber, sabía ben o que
quería. Organizou as cousas para levar a auga ó seu muíño. Todo moi
posto, moi traballado, pero non contaba comigo e saíulle a rancha mal
capada.
Así aprenderá a saber con quen se xoga os cartos.
¿Entón que vos parece se pedimos todos pescada á galega?
Por min, o que digades... Si, así aprenderá, ho.
Certo. E para outra vez, cando teña que tratar contigo, irá con
coidadiño.
Naturalmente, si, si. Para a pescada que nos traian un Albariño,
¿non?
Espera, vinde para esta ó lado da
vidreira. Hai máis luz.
Se lles parece, para catro, quizais estarían mellor aquí.
Non, non, ó lado da vidreira. Gústame ver a paisaxe mentres como.
Si, e estar ó lado das mozas. Fíxate neste.
Toma, bótalle unha ollada á carta.
Non, mirade vós. Eu vou pedir o prato do día.
¡Pero muller!...
Pois xa che digo, eu, se teño ese
Toyota, como se tivese un avión; é porque me gusta a velocidade, pero
non por avasalar. Non quero ir por aí tirando de Visa Ouro, a ostentar
diante da xente. Que vai, home, esas cousas non van comigo. Non me van,
e ti sábelo, Rafa.
Non, pero ti tamén sabes por onde vou eu. E tampouco é que queira
falar mal do teu xefe, líbreme Deus. O do coche dicíao por outra
razón, ti xa sabes.
Tomade, pedide vós. A min dáme igual
calquera cousa.
Elixe ti, Loli, xa que es a única muller.
Vaia privilexio, pero está ben, vale. Aínda que logo non vos
queixedes.
Non, muller, faltaría máis.
Bo, o local non está mal, ten o seu
atractivo, o seu aquel. ¿Pero acórdaste daquela vez en Lisboa? ¡Que
clase! ¿Acórdaste? A mantelería xenial. E a vaixela... A vaixela
marabillosa. Absolutamente marabillosa.
¿E a comida?
¿A comida? Dille ti, dille ti. Xa non che conto, vaia. E un servicio
exquisito.
Fíxate no de xunto á columna: o cara
de escacho ese. Coa antena posta sen disimulo ningún.
Quererá ver se pica algo. Bo, non está mal.
¿O que está só? A min paréceme que está tratando de fascinar a
esta. Cómea cos ollos.
E a min que me parece que para quen mira é para ti...
Tampouco che digo nada. Pero, se che vou dicir a verdade, tenme un
certo aire de parguela.
i, certo ramalazo non che diría que non...
Non escoita o que lle dis. Mentres lle
falas está pensando máis en como desmontar os teus argumentos que en
oírte a ti.
É un autoritario, niso douche a razón. Un dictador. Sempre coa
democracia na boca.
Si, Rafa. Xa, xa...
Pois a min súdama. ¡Sería o que me faltaba...!
Ti ponte no caso deses solteiros que
viven coma Deus. Co seu apartamento, a xantar de restaurante todos os
días. A ligar con tías imponentes.
Pero é triste, moi triste. A soidade, e todo iso... Fíxate no daquela
mesa, así só. ¿Paréceche que pode disfrutar?
Quen che dera a ti no sitio del e con esas tres chorvas aí á beira.
Bo...
Pois como che dicía: fun ver esa exposición do museo de Arte
Contemporáneo, non me acorda o nome, e pareceume unha marabilla.
(¿Que, Loli, seique non lle pós boa cara á carta?) ¡que expresión
nos retratos! ¡Que vida! E logo aínda hai quen día que hoxe non se
fai pintura nin farrapo de gaita.
¿Pero non te refires á exposición esa da
«Xeneración
Doente»?
Si, a mesma.
Home, non che vou dicir que sexa pintura antiga, pero desde que eses
tíos morreron xa choveu.
O que quero dicir é que a pesar de non ser contemporáneos, a súa
pintura resulta absolutamente actual.
¡¿Pero ti que dis, Chouza?! Estás completamente na verza. Menos mal
que non es crítico de arte, porque se non... ¿Que vos parece se de
primeiro pedimos unhas alcachofas con xamón?
A ver, a ver, déixame botarlle a min unha ollada ó menú.
¿Pero en que quedamos logo? ¿Non era eu a que elixía?
Bótalle unha cara que non vexas. ¿Non
sabes a última? ¿Que me convidou a ir con el unha fin de semana a
Lisboa?
¿E ti que fixeches?
Díxenlle: ¿de que te vas, boneco?
E fixeches moi ben. Eses tipos páranse así. ¿Que vos parece se
pedimos atún con tomate de primeiro?
O Amandi é un invento. Literatura. Xa
che digo, nos viños tampouco son nacionalista. Menos aínda, diría eu.
Para min uns bos caldos da Rioja ou da ribeira do Douro, xa non digo un
Vega Sicilia ou por aí, nin un Protos, váleme o Viña Mayor. E o
Ribeiro para os do Bloque. Regálollo.
Este home é terrible. ¡Terrible! Sempre ten que acabar falando de
política. Lévao no sangue.
Buscar a mellor relación
calidade-prezo. Así de simple. Eu non che son deses que vai a un
restaurante de luxo para darse pote cos cinco garfos. Pero a verdade é
que tampouco podo aturar un deses sitios en que o mantel e os panos que
che poñen son de papel. Non o soporto.
Bo, pero xa ves ás veces como chas meten tamén nos restaurantes de
superluxo, coma eses do pescado conxelado que cho pasaban por fresco a
base de química.
Home, é que a min que non me digan: un restaurante galego comprarlle
pescado a un almacenista de León. ¿Pero onde se veu eso?
A min dáme pena, a verdade. É un
chaval marabilloso, pero dáme pena. É un inocente.
Si, si, fíate ti das apariencias... ¡Camareiro! Por favor...
A nosa característica principal é a de
necesitarmos sempre alguén a quen desprezar para afirmar a propia
valía. Si, évos así. Somos sempre superiores contra alguén e, claro,
para que esa superioridade teña importancia compre que aquel a quen
menosprezamos sexa alguén reputado cunha certa notoriedade, sexa no
campo que sexa.
A ver onde vai parar agora este.
Non tería mérito que nos mostrásemos
superiores a un idiota. Por iso cando alguén destaca nunha faceta
calquera, alá irá o galego que o mirará desde un chanzo máis arriba,
con condescendencia, iso si. Coa condescendencia dirixida a minimizar os
presuntos méritos do obxecto do seu anatema superior.
¿Non vos digo que hoxe este vén especial?
Demasiado entrambilicado, eso.
Pois éche así. Olla o meu caso: se ás veces chego pensar que o que
eu fixen ten algunha importancia é porque sempre aparece por aí algún
mentecato a erguer o ombro displicente diante da miña obra. Dígome: se
ese se pon así é que non son tan malo como eu mesmo podía pensar.
Pero se ti xa recoñeces que te consideras malo...
Que o diga eu vale. Pero que calquera merdeiro incapaz se atreva a
censurarme xa non o vou pasar. ¿Ou quen pensan que son os intelectuais
deste país?
Mira, Luís: a democracia consiste, nin
máis nin menos, na defensa dos máis débiles contra a prepotencia dos
poderosos.
Coño, eso escoitáchelo na radio do Toyota cando viñas para aquí.
Seguro.
Bo, se vos poñedes así, ¿sabedes o que vos digo? Que vos dean
moito...
O que eu digo é que os restaurantes,
eu, en vez de garfos, clasificábaos por manteis. O que che dicía
antes: mantel de papel: categoría infame. A categoría axeitada, para
min: tres manteis. O superior de fío, naturalmente...
Bo, pois este tampouco está mal.
Muller, non digo que non. Para parar na estrada e iso. Pero comparado
con aquel de Lisboa...
Eu, para facer o papelón do último fin
de semana, non saio. Non, ho. Quedo na casa vendo a tele. Alí as tres
Marías dando o cante.
Muller, esaxeras...
E, se non, ¿que imos facer?
Xa se irá vendo sobre a marcha...
Outra que tal. É que os sindicatos non
se enteran, Rafa, que cho digo eu. Para eles non pasou nada no mundo,
non evolucionaron as cousas, seguen igual que nos anos trinta. Non se
dan conta de que agora non se poden facer folgas. Non se pode ir contra
a empresa, porque a empresa son todos, e se se empeñan en facer saltar
o proceso productivo, os traballadores serán os primeiros en saltar.
Obrigan a cerrar a empresa, ¿e que? ¿Quen son os prexudicados? Os
obreiros, que van dereitiños ó paro. E, digan o que queiran as
estatísticas, cada vez hai máis parados, ti xa o ves.
Terían que aprender do Xapón. alí entendérono ben e cando teñen
que protestar por algo, a folga consiste en aumentar a productividade.
¡Quen pillara esas!
Ai, si, ho. Xa sei cal dis... Bo, esa película é dun xenio. Polanski,
era. ¿Non te acordas daquela outra que chovía moito e ían uns tíos e
metíanse nun templo...
Si, dun xaponés, paréceme.
Efectivamente: dun xaponés. Non lembro agora o nome. Unha xenialidade.
¿Queres máis patacas?...
Non, pero gustáronme as alcachofas, si señor. Non parecen de lata.
Chéirame que fixeches unha conquista,
Sofía. O da cara de escacho non che quita ollo.
Si, xa me fixei. Agora ponse a escribir para facerse o interesante.
Dáme a impresión de que quería facer intención de saudarte.
Como un que me aparece o outro día e sen máis nin máis plantifícame
un abrazo e un par de bicos.
¿E ti?
Muller, eu de primeiras quedei un pouco parada. A verdade é que a cara
non me soaba, pero ¿e se chega ser un coñecido?
Sonche outra mentalidade, neno. Están a
anos luz de nós. Por eso se impoñen en todo o mundo. O «perigo
amarelo».
Bo, ultimamente parece que por alí tampouco vai a cousa tan boiante.
Nada, nada. O que queiras, pero aí os tes metidos en todas as partes e
a ver quen os quita.
É que os xaponeses sonche a hostia de organizados. Son listos. Son
perfectos. Axiña calan á xente. Din: parvo. Ou: listo. Collen o listo,
e ó parvo que lle dean. No Xapón só van para arriba os que serven.
E o máis tonto arranxa reloxos.
Si, señora: Leva un picado co fígado e
a molexa do polo, con ovo, miolo de pan amolecido en leite e uns
beliscos de cebola, non moita. Todo salferido cunha chisquiña de
augardente.
¿A augardente será da Ulla?...
Pois non podo dicirlle... E logo prebe de manteiga con viño branco. O
que pasa é que lle tarda un pouquiño.
Vale, pero para min agora vaime traer unha fabada.
Eu, que son de dereitas de toda a vida
(non teño empacho ningún en proclamalo) ¿como vou votar eu unha lei
coma esa? Ó patrón dígovos que nolo teñen enganado. Eu non mo
explico, pero é así... E xa llo dixen, bo son eu para esas cousas, non
teño pelos na lingua. Planteillo así, tal cual. Os nacionalistas xa me
coñecen. Xa me teñen de segundo ou terceiro na lista negra.
¡Carai, non digas!
Si, ho, seino de boa tinta. Pero non me van quitar eses o sono a min.
Pero ¿e o da urbanización...?
Tranquilo, home, que ese é outro tema. Non te preocupes: cada cousa no
seu tempo.
Eu, coas mulleres, Loli, xa che digo: ou
amigo ou amante. Casado non. O matrimonio é a tumba do amor.
¿Non te me estarás insinuando?
¡Muller...!
Estou contigo, Rafa. En serio. O tío
ese, ¡nada!. Para redactar un parágrafo navega. E se o metes en
cifras, non che digo nada. ¡Maréase! E aí o tes, co seu despacho, a
súa Visa Ouro, e eu... ¡Eu! ¡Muá! ¡O menda!, que lle preparo os
informes de pe a pa, con todos os datos alí postiños: Datos, citas,
cifras... Todo de virguería. E xa ves... El a sopa, a pasta, a gloria.
E un, aí podrezas.
O que lle pasa é que é un comunicador.
Nada, home. O que eu che diga... Anda, pásame a mahonesa.
Eu ódiome. Ódiome cando aparece un que
me saúda todo efusivo e eu nin torta. Que non me lembro para nada da
súa cara e, claro, non me atrevo a dicirllo.
Si, é unha situación... Unha situación un pouco... violenta,
vamos... ¿Vós que pedides de segundo?
Díxenlle que non porque, verás, aquí,
inter nos, boteime un ligue, vaia.
¿Coñézoa?
Si, home. Aquela chavaliña, ¿non sabes? Explícalle ti, Chouza, que
xa a coñeces.
Ese home, ese labrego, ese agricultor,
que coida os seus allos e as súas cebolas, que non lle quita o sono o
consumismo. Non lle fales para nada dunha operación inmobiliaria nas
súas terras. Tempo perdido. Así debiamos ser todos. El aínda é puro,
aínda non está contaminado pola cobiza do carto.
Non sexas inxenuo, home.
Pois dime ti logo cal é o atranco nesa operación da urbanización.
Pola foto que me ensinaras, saqueino.
¿Pero non digas que vas deixar así o bonito? Se case nin o probaches.
Eu serei de pouco comer, pero ti gánasme de largo.
Pois si, saqueino pola foto (non, non te empeñes, muller, non como
máis). Eu ía así, plá, plá, plá, e aparéceme de frente e dixen:
é el.
¿E que che pareceu? Dime a verdade.
¡Imponente! ¡Tes unha sorte!...
Solidariedade, esa é a palabra. O
marroquino que vende alfombras polas aldeas e o senegalés que estende
as súas chilindradas aí na esquina son colegas meus. Téñoo que ver
así. Eu tamén fago a vida a vender, só que o levo doutra maneira.
Pero, no fondo: colegas. Eso téñovolo ben claro. É así.
Xa, pero eles non poden andar pagando por aí un xantar para catro
persoas.
¡Anda este! Nin eu tampouco. Esto fágoo coa tarxeta de empresa,
¿para que te vou enganar?, que senón...
Pois eu ligábame xa ó de xunto á columna. Ti dirás cara de escacho,
pero está fenómeno. E con ese ollar, así, interesante...
Tenme cara de vicioso.
O que ti queiras, pero está boísimo.
Muller, que te vai oír...
¿E a min que? ¡Que me oia! Con el non o dubidaba para todo o fin de
semana.
Esta cando se aproxima o sábado ponse coma unha moto.
A miña nai sempre dixo que ela non
faría nada por reter ó seu home. Se quería irse, que se fose.
É que a túa nai é unha señora. Catalogueina namais vela, aquel día
que te acompañei pola noite á casa.
¡Andá! ¡Mira o que se descubre! ¿Así que este acompañándote á
casa?
Foi un día que chovía, á saída do concerto.
Este éche un dos mellores sitios para
xantar. Andan por aí eses estúpidos que van pagar seis mil pesetas por
un entrecó. Pagar polo escaparate e por presumir, non por comer. Pero
un sitio coma este é o mellor. Fenomenal
Home, non digo como aquel que che contaba antes de Lisboa. Pero, bo,
vale.
E sobre todo sírvente rápido. Moi rápido.
Non, se está ben. E ademais, no fondo, a min tampouco che me van eses
sitios que tes todo o tempo un camareiro detrás de ti a encherche a
copa cada vez que botas un grolo. Coma se te estivesen espiando.
¡Que agobio!
Home, e ademais este tampouco... Nada. De perralleiro nada de nada.
Pero é que ninguén dixo iso.
Si, non ten queixa. Un xusto termo medio. Como a virtude, he, he...
Estoume acordando eu agora daquel outro restaurante en San Vicente de
la Barquera, ¿non sabes? Aquel no que pedimos «rabas», a ver
o que eran, e nos trouxeron uns calamares á romana. Ricos, eso si.
¡Muller!...
Pois había outra película. Si, ho, do
Fassbinder ese. Teño unha cabeza fatal para os títulos.
Terás que tomar rabos de pasa.
Pois era caralluda, xa che digo. Profunda, interesante...
Coño, mira ese da libretiña. Aínda
segue aí a chupar no puro, coma se non houbese xente esperando a que
queden mesas libres.
Daríalle un pasmo.
Ou esperará a ver a que cae. ¿Non te fixaches que non lle quita ollo
a esas tres de aí?
¡Hostiá! ¡Que a gusto quedei!
¡Moi boas as sardiñas, si señor! Así
dá gusto comer.
Xa o dixo Aristóteles: «Por dúas cousas traballa o home:
primeiro pola mantenza, e segundo pola xuntanza con "fembra
placentera"».
A min as sardiñas non me fan dar un paso nin o que se di de aquí a
aí.
¡Pero que ignorancia! ¡Que desacato!
¿Que lle queres? A cada un gústalle o que lle gusta.
¿Pero ti probaches algunha vez esa empanada de xoubiñas que fan en
Vigo nun restaurante que hai segundo se vai...?
¡Oi, ti! ¿Para que deixas propina?
Muller, non sexas corraña. Por una vez... E se te pos así, vai pola
miña conta, non entra no total.
Xa saltou a opulenta.
¡Veña, ho! Deixádeo xa.
E porque el o faga, ¿vou ter que facelo
eu? ¿Ou sexa que se el quere subir ó carro, subo, e se el quere
baixar, baixo? ¿Pero de que? ¿Pensa que vou ir sempre a rebufo seu?
Hai que contemporizar. Moitas veces hai que contemporizar. Tragar
quina...
Non, non, non, Rafa. Este menda xa non traga máis.
¿Van tomar algo de postre os señores?
Si. Para min tráiame tarta ó whisky.
E para min un xelado.
Eu ben sei cal é o meu deber.
Bo, non digas chorradas e acaba dunha vez o café.
¿Chorradas? Esto é unha cousa seria. Importante. E eu sei o que teño
que facer.
Home, iso de, cando vas a un sitio facer
o que fan todos paréceme ben; pero só ata certo punto. Nós, cando
imos a Portugal sempre procuramos comer á hora que comen eles. Pero se
tivese que vivir, poño por caso, nun país árabe, eu non ía facer o
xexún do ramadán, é un dicir, só porque eles tamén o fan. ¡Ata aí
poderiamos chegar!
Pois como dieta para conservar a línea aínda non che viría mal de
todo.
Pode ser; pero non. Todo o que ti digas, ¡pero non! En todo caso xa me
encargaría eu de facer a dieta por libre.
Pois o que dicía: ¡Que ben xantamos
hoxe, joer!
Si. Con moitas comidas coma esta vou perder a línea.
¿E eu para que quero manter a línea? Xa estou casado...
Así e todo non digades que a cousa era tan pesada. Polo menos as
alcachofas...
Se non tes porque desculparte, muller.
Boas tardes, señores.
Adeus, Felipe. Boas tardes.
Boas tardes... Boas tardes... Boas
tardes...
O TIPO SOLITARIO DA MESA APEGADA A
COLUMNA SEGUÍA A TOMAR NOTAS NUNHA LIBRETIÑA: «...zugar o celme
das horas que escoan, nun afán desesperado por apresar o efémero,
aínda que só sexa para evidenciar a estupidez humana...»
Entraron no local catro homes que acababan de baixar dun
«seat-toledo» vermello. Sentáron a unha mesa e pediron
cadansúa cervexa, acompañadas de senllos bocadillos de xamón. Falaban
en voz alta, a interromperse uns ós outros, sen chegar ó berro, pero
faltándolle pouquiño para acadalo. Estaba un deles a facer un
comentario sobre as sorprendentes coincidencias que ás veces se dan na
vida e os encontros inesperados que un ten cando viaxa por aí dun lado
para outro, cando o que estaba ó seu lado lle puxo unha man no brazo
para interrompelo e empezar a contar a historia dun día que entraba nun
restaurante e veu sentada a unha mesa a unha muller coa que tivera certa
relación tempo atrás.
Nada máis entrar no comedor batín con aquela rapaza, unha
representante de cosméticos, de Zaragoza. Ligara con ela dunha vez en
Barcelona, nunha convención da empresa. Estaba alí cos compañeiros no
bar e vina aparecer. ¡Que corpazo, tío! ¡Escultural! E por aquelo do
chuleteo, xa sabedes, diante dos demais, metinme con ela e a cousa
resultou. A cara era o menos bo que tiña, cun narís así... aquilino,
que lle din. Pero tampouco é que fose fea. Iso non. E dábase unha capa
de mexunxe que non vexas, todo para disimular un vulto que tiña de lado
no queixo, que non lle gustaba que se lle notase. Total a ela os
cosméticos saíanlle de balde. Pois o que vos digo: aínda botamos
algún tempo os dous, unha cousa informal. Viámonos aquí e alá e
aproveitabamos para pasalo xuntos. Logo deixeina para ser eu quen pegase
primeiro, porque me decatei de que me ía deixar ela a min, ¿non sabes?
Son esas cousas que se cheiran, que non se din, pero nótalas no aire.
Antes de que se desate a tormenta sempre empeza a soprar o vento
opinou sentencioso un dos oíntes. Pero o outro recuperou axiña a
palabra con firmeza, tal vez fose o xefe do grupo.
Como podedes comprender, os que andamos sempre na estrada temos as
nosas dificultades para montar o que se di unha relación estable. E a
min e á de Zaragoza cada vez facíasenos máis difícil coincidir. Eu
chamábaa: «mañán vou estar en tal sitio, ¿vémonos alí?»
Antes, nos primeiros tempos, ela aparecía voando nada máis eu insinuar
a invitación e colliamos ipso facto un cuarto no hotel, pero despois a
cada paso saltabame con máis escusas, xa non era aquelo do principio,
de aquí te pillo, aquí te mato, sen máis requilorios. E logo cando
iamos dar unha volta saíache con cousas así como non me pases a man
polo ombro porque me dá a impresión de que me levas pola rúa coma
exhibindo un trofeo de caza. ¡Como se antes non a levase máis apertada
aínda! En fin, que antes de plantarme ela, fíxeno eu. Unha tarde de
primavera quedaramos de vernos nun café de Madrid, na Gran Vía, e
cando estabamos tranquilamente falando, tan pronto como o camareiro
acabou de servirnos largueillo así, con moito estilo: «Mira,
Luísa, esto noso non funciona, de modo que me parece que chegou o
momento de poñerlle punto final». Quedou que se a cortan non bota
sangue, palabra. Ou polo menos pareceumo a min. Ata lle caíron unhas
bágoas e todo. E iso que, xa vos digo, a mesma idea lle debía andar a
ela a voltas pola cabeza. Pero, claro, que sexa o outro quen cho diga, e
así cando menos o esperas, amólate.
Home, ¿que che parece? botouse a rir
un coa boca chea de pan e xamón. A min polo menos sentaríame coma un
tiro. E se chego ser muller, xa non che digo, collía unha depresión
para oito meses.
Despedímonos ignorou con displicencia o comentario o
narrador. Moi
civilizadamente, iso si, cun par de bicos e ela colleu pola praza do
Callao para a Porta do Sol, mentres eu seguía tranquilamente pola Gran
Vía abaixo para a praza de España, que quedara en Rosales cuns amigos.
E ó que ía agora bato con ela no restaurante e dime que non me
coñece, ¡se era a mesma! ¡A mesmísima fulana, tío! Igual de
cachonda, o mesmo corpo, que ¡vaia corpazo o da condenada!, a mesma
capa de pintura na cara, só unhas enruguiñas nos cantos da boca. Non
me lle fixei no do vulto do queixo, porque daquela sería a definitiva e
non podería seguir negando ser ela; pero tamén o puido extirpar. ¡E
dime que non me coñece de nada! Así, tan tranquila. Eu: «pero si,
muller, Luísa», e ela que nin flores, que non se chamaba Luísa,
que tiña por forza que estar confundido e que o sentía moito e tal.
Chegou a facelo tan ben que pensei que, efectivamente, estaba trabucado,
porque ela nin se enfadaba nin nada, só dicía: «mire, síntoo
moito, pero eu non son a que di vostede» e sorría e tal. Deixeina,
pero cando me sentei á mesa estívena axexando de lonxe e acabeime de
convencer de que era ela e non quería recoñecelo. Mesmo houbo un par
de veces que a pillei ollándome de esguello, como quen non quere a
cousa, e ó verse sorprendida avermellou un pouco. Non o podería xurar,
pero pareceume que avermellaba.
Escoite unha cousa interveu un desde a barra, créndose autorizado a
mediar na historia dado o alto tono de voz con que era referida: voulle
dicir eu que niso dos parecidos nunca se pode fiar un, porque mire,
voulle contar: hai xa uns anos visitaba eu a Giralda de Sevilla nas
vacacións e de repente para min que dou con Clinton de frente, así
como agora estamos nolos dous. Xa sabe: Clinton, o que era daquela
presidente dos Estados Unidos, ese do saxofón. Érao clavadiño. Falaba
talmente coma el, e a tía que o acompañaba...
¿Tamén se parecía a Hilary? interrogou un dos da mesa das cervexas
e os bocadillos de xamón.
¡Que vai!, era unha fulana de película, e ademais cunha boca, ¿como
lle direi?, como a de todos eses ligues que lle aparecían por aí ó
Clinton, de chupona total. ¿Quere máis proba?
Pero non o era sentenciou o da aventura coa de Zaragoza.
Pásame como a vostede co da muller do restaurante: non podería
dicilo. A prensa do día seguinte informaba que Clinton estaba en
Wichita, ou nun sitio deses, dando unha conferencia ou visitando non sei
o que, pero iso aínda me mosquea máis, porque me fai pensar se sería
un invento para tapar outra das súas escapadas extra-matrimoniais.
Mire, non sei. Pero volvendo ó desa tal Luísa, do que xa me lle vou
convencendo é de que nunca se debe buscar o reencontro cos vellos
amores. Aínda lembro o que me pasou dunha vez que batín nun puticlub
deses de estrada coa muller dun amigo, que había uns meses que o
abandonara así sen máis nin máis, e de volta na vila non se me ocorre
mellor cousa que contarllo a el.
Ás súas costas ficaron as derradeiras casas da vila. No cabo da
avenida bordeada de plátanos a fachada da estación, mal iluminada na
noite, indicáballe o camiño a seguir, pero antes de botar a andar cara
a ela detívose un momento no borde da acera para coller aire no peito.
Xa non debería ter vido, ¿que esperaba conseguir con aparecerlle alí?
Así e todo cando o Xenaro lle contou que a atopara naquel local aínda
lle parecera que as cousas poderían ter arranxo e non se parou a
pensalo dúas veces. Pero non había nada que facer, todo era inútil e
coa súa viaxe rompera a última ponte.
Afastado da protección das casas o aire que arrastraba as follas dos
plátanos cortaba coma un coitelo. Apurou o paso para chegar canto antes
ó edificio da estación, pero aquel paraván nu de altos teitos e piso
lousado, en lugar dun abrigo contra o frío, pareceulle a entrada a un
depósito de cadáveres.
A taquilla de venda de billetes estaba pechada, o vestíbulo deserto e
en silencio. Batendo forte nas lousas para quentar os pés, deu unha
volta arredor da estancia. ¿Como non o meditara un pouco antes de dar
aquel paso?
Pensou de novo no Xenaro, que a encontrara naquel establecemento
penumbroso e noxento, naquela vila afastada. Agora xa todos saberían
onde fora parar. Aínda que ¿que importancia tería iso se ela aceptaba
volver?
Pero no houbera nada que facer. «Antes puta que contigo»,
cuspíralle ó marchar da casa. E cumprírao. Non lle cabía na cabeza
que a vida ó seu lado lle puidese producir un noxo semellante, pero
alí estaba a realidade para confirmalo.
Desposuído do derradeiro vestixio de dignidade que lle quedaba entrara
no local nocturno Non tiña perda, nas aforas da vila, polo extremo
contrario á estación, unha casoupa pequena con luces vermellas a se
prender e apagar enriba da porta ó lado de onde aparcaban os camións.
Alí estaba ela, a demacración do rostro visible a pesar da escasa
iluminación, os ollos grandes coma dous pozos de tinta, o rictus da
boca ó recoñecelo: «Non volverei».
¿De que maneira tería atendido ó Xenaro cando entrou e a viu alí?
Cando a tivo diante tratou de non pensar neso e quíxolle coller a man,
pero ela afastáraa nun movemento rápido. «Farei o que queiras,
todo o que me pidas», suplicou.
Sen querer escoitalo ganou a volta e meteuse por unha porta ó cabo do
mostrador. Quíxoa seguir, pero o camareiro interpúxoselle no camiño. «Privado», dixo por toda explicación, e fíxolle unha seña
cara ás outras mulleres del local, alí tería máis onde escoller.
Mirou o reloxo. Non comera nada desde pola mañá, antes de saír da
casa, pero tampouco non tiña fame. Sede si, en cambio. Unha sede que
lle abrasaba a boca, e a gorxa, e a alma. Atravesou a arcada que daba
ós andéns e dirixiuse á cantina, de onde saía unha luz fría de
iluminación fluorescente.
Cando empuxaba a porta veu un único siareiro sentado a unha mesa no
local deserto. Xa ía entrar, pero detívose paralizado, coa man no beo:
aquel cliente da cantina parecíase dun xeito extraordinario con el
mesmo. Tornou a porta ata case cerrala de novo e observouno de lonxe.
Oíu como lle pedía unha copa de coñac ó camareiro que se achegara
desganado a atendelo. E tamén o camareiro lle pareceu coñecido, a lle
lembrar vagamente o do club nocturno da beira da estrada onde ela
prefería prostituírse a regresar con el.
O camareiro pasou un pano polo mármore
da mesa, recolleu un vaso e un cinseiro, ganou a volta e ó pouco
regresou para poñerlle a copa diante. Daquela o home ergueu un rostro
cansado cara a el. «¿A que hora pasa o expreso?», preguntou.
«Pasa ás doce e vinte, pero non para na estación».
O home, en silencio, extraeu o moedeiro do peto e puxo unha moeda enriba
da mesa. «Quédese coa volta», dixo cando o da cantina
iniciaba o aceno de buscar o cambio. Logo bebeu o coñac dun grolo,
ergueuse e dirixiuse á porta.
Ó ver achegárselle aquel home que parecía o seu dobre, retrocedeu
para ocultarse na sombra detrás dunha columna do andén. O descoñecido
meteu as mans nos petos do abrigo e achegouse ás vías, nas que
escintilaba o reflexo das luces da estación. Á beira delas detívose e
botou un anaquiño coa cabeza baixa, a biqueira dun zapato a remexer
curiosa non sabía que cousa no chao. Logo botou a andar ó longo do
andén.
E squecido por un momento da súa coita, como se aquel descoñecido que
saíra da cantina da estación exercese unha atracción magnética sobre
el, seguiulle os pasos cos ollos dolorosamente espetados nas súas
costas.
Rematado o andén a escuridade facíase case completa, pero o home
continuou a andar na noite. Palpebrexaba un semáforo. Escoitouse ó
lonxe o buguinazo prolongado dun tren que se achegaba e apareceu de
súbito alá adiante o ollo de Polifemo dunha locomotora entre as
tebras.
A silueta do home que saíra da cantina recortouse nítida contra o cono
de luz que se viña enriba del entre o traquinar furioso das rodas nos
raís. Cando a máquina chegaba á súa altura o home guíndouse nun
brinco inesperado diante dela que, inmutable coma un deus, proseguiu a
marcha, esparexendo ós lados os restos eschapazados daquel corpo.
Desde uns metros máis atrás, única testemuña da acción, permaneceu
hipnotizado polo rápido pasar das xanelas iluminadas que foron perderse
no pozo de negrura máis alá da estación onde o tren non parou,
deixando ás costas o rastro dun laio prolongado de buguina e o ondear a
cada paso máis amortecido do bater das rodas nas unións dos raís.
Cando recobrou o dominio de si mesmo, ganou a volta, regresou sobre os
seus pasos e dirixiuse á cantina da estación, agora totalmente
deserta.
Alertado polo ruído que fixo ó arrastrar unha cadeira para se sentar,
apareceu o camareiro na porta de detrás do mostrador e ó velo de preto
pareceulle adiviñar de novo no seu rostro un aire familiar que lle
lembrou o local nocturno onde ficaba ela, xa definitivamente perdida.
«Póñame unha copa de coñac», pediulle cando se achegou a
el.
O camareiro pasou un pano polo mármore da mesa, recolleu un vaso e un
cinseiro, ganou a volta para o mostrador e ó pouco regresou para
poñerlle a copa diante. Daquela o home ergueu un rostro cansado cara a
el. «¿A que hora pasa o expreso?», preguntou. «Pasa ás
doce e vinte, pero non para na estación».
O home, en silencio, extraeu o moedeiro do peto e puxo unha moeda enriba
da mesa. «Quédese coa volta», dixo cando o da cantina
iniciaba o aceno de buscar o cambio. Logo bebeu el coñac dun grolo,
ergueuse e dirixiuse cara á porta do andén.
O home que acababa de entrar, un cincuentón de chaqueta a cadriños e
camisa co botón do colo desabotoado, pediu un «sol e sombra».
Cando Ignacio llo servía, preguntou:
Oe, ¿non tendes chaveiros deses co carné de identidade de Franco?
Ignacio ergueu un ollar interrogador cara a el.
¿Chaveiros de Franco? Nós aquí non temos dese material.
Si, home, coño. Se comprei un a última
vez que parei aquí.
Débese confundir. Nesta casa non temos dese material volveu repetir o
do bar con sequidade.
O outro calou, botou un grolo e interrogou, ó tempo que metía a man no
peto do pantalón:
¿Que se debe?
Ignacio, sen desapegar o bico, púxolle diante o tique da máquina
rexistradora. O home mirouno, contou os cartos xustos, pagou, bebeu o
resto da copa dun grolo e marchou sen despedirse.
¡Veña, home, que che dean moito por onde se enfían as agullas!
quedou a rosmar entre dentes o camareiro, mentres os demais siareiros,
sen abrir a boca, seguían cos ollos a marcha do nostálxico franquista.
O relativo que son as viaxes, digo eu rompeu o silencio subseguinte, a
falar para ninguén, o home alto e groso, recén chegado tamén, que
pedira un café con gotas. Estás aquí e dis: ¡vaia porrada de
quilómetros acabo de pegarme! E mira ti os meus cuñados, alá veño de
deixalos en Madrid. En Barajas. Para coller un avión que os leve á
China van. Fíxate ti, ¡á China, coma se dixeses aí ó lado! E todo
por adoptar un fillo, que non sei eu por que tan lonxe han ir, co cheos
que estarán os hospicios por aquí. Pero nada, que non hai modo, e iso
que tamén alá non vexas a de trámites que lle esixiron. Pedíronlle a
escritura do piso, e ata as contas do banco tiveron que levar, que
tamén iso non hai quen o entenda porque ou é ou non é. Con dicir: si,
eu teño os meus medios económicos para manter un fillo e quero telo. E
alá ó outro cabo do mundo tiveron que ir, que xa máis lle valía
facer por aquí un trato baixo corda, que sempre se pode. Porque logo a
ver como lle vai saír o rapaz, amarelo e cos ollos oblicuos, e
cambiando os «erres» polos «eles».
Home, pero alá atoparán algún contacto, terán un intérprete, digo
eu recolleu o envite un que daba chicadas parsimoniosas a unha faria
diante dunha copa de coñac.
Vaia vostede saber virouse para el o gordo. Para iso tamén puideron
ir ó Polo Norte, que din que os esquimós o primeiro fillo que teñen,
se é muller, mátano, e mire, eses daríanllo por nada, ou, se me
apuran moito, por un par de quilos de carne de foca.
Bo, iso de que os matan sonlle novelas. Como o do «erre» e do «ele» dos chinos, que non o vin máis que nos contos.
Será que aínda non entraches nun chino...
¿E non podían coller unha nai de aluguer? comentou Fela, a
camareira. Porque, vedes, eu iso non o vexo mal: métenlle os
espermatozoos e ela, tranquilamente, a esperar nove meses. Logo
páganlle o seu, quedan co neno e santas pascuas.
Muller, non me foda mediou agora un tipo que baixara dun despampanante
rolls royce e esperaba vez para pasar ó comedor. Porque digo eu que a
que o deixa meter, así, en seco, vai ti saber que moral pode ter.
¡Pero mira con que me ven este agora! ¡A estas alturas!
reviróuselle Fela cun finximento de indignación festiva. Ideas desas
xa non as teñen nin os cavernícolas...
Xa, xa, vostede pode dicir o que queira; pero á miña muller non lle
deixaba eu que se metese alí unha merda desas de vai ti saber quen, por
moi necesitado de cartos que estivese.
Home, se me permiten meteu baza un mozo
que levaba un bo anaco lendo unha revista na esquina do mostrador, como
se non tivese ningunha présa por reanudar a viaxe, acabo de ver aquí
no consultorio sentimental o dun tipo que pregunta se debe dicirlle á
súa muller que cada vez que fai o amor con ela pensa que ten nos brazos
a outra que quixo antes, e non sei por que paréceme que vén un pouco
ó caso co que están falando.
Vaia, a min iso dixo o do rolls despampanante faime acordar a
historia de Pepe, un amigo meu que polo entroido disfrazábase que non
había deus capaz de descubrilo e dunha vez, vestido de máscara
empezouse a meter coa súa muller e como lle coñecía ben as voltas
alá a envolveu e a fodeu, sen que ela se decatase de que era o seu
marido. E desde aquela, xa se poden imaxinar, converteuse nun home á
deriva, porque non sabía se a debía matar por poñerlle os cornos, ou
que facer. Un día confesoume que xa lle tería dado o pasaporte para o
outro barrio, pero volveuse atrás porque se acordou que aquela vez que
a levara ó catre estando disfrazado, cando ela sentía o orgasmo,
pareceulle oír que dicía entre suspiros e xadeos: «¡Pepe,
Pepe...!» E iso, claro, debía querer significar algo.
Se un non se consola é porque non quere opinou o gordo que viña de
enviar o cuñado á China. Pero para min iso é moito peor que o da que
se deixa facer a inseminación artificial para outros.
Pois pensándoo ben paréceme que nin unha cousa nin outra teñen máis
importancia que a que se lle queira dar púxose agora filosófico o do
rolls. Sonlle asuntos da fodenda, e en tocando a ese tema sempre hai
para todos os gustos. Se eu lle contase as que vin cando traballei de
chófer para un artista de cine...
¿Traballou vostede para un artista de cine? admirouse Fela.
Aquí como me ve. E para outra moita xente importante, alá en Londres.
Agora mesmo traballo cun financeiro portugués que vive en Inglaterra, o
señor Albuquerque, que ten máis pasta el só que as catro maiores
fortunas de Galicia xuntas, Zara á parte, claro. Precisamente veño de
alá co seu coche, ese rolls que ven aí fóra, porque vai pasar unha
tempada de vacacións nunha finca que ten no Algarve. El e a muller
virán en avión desde Londres e a min mandoume por diante co coche e
díxome que, se quería, podía aproveitar e pasar pola casa para ver a
familia. E iso é precisamente o que fago.
Xa me estaba chamando moito a min a atención o cochazo ese dixo o do
cuñado que ía á China.
(...)
O do camión con toros de piñeiro, torso
curvado, peito ancho, unha cintura alta sobre as pernas delgadas e máis
largas do que en proporción co resto do corpo lle correspondería, fixo
unhas semi-flexións na porta, antes de achegarse ó mostrador, onde
sentou ó lado dunha parella que acababa de entrar aínda non había
case nin un par de minutos.
Ponme aí un carajillo, Fela díxolle á camareira antes de reparar
nos seus veciños de barra. Logo pousou a ollada neles: o home delgado,
alto, de cabelo branco e escaso, cun traxe ó que tal vez o único
reparo que se lle podía poñer era o de quedarlle un pouco ancho, coma
se usase unha talla superior á súa ou, máis ben, lle encollese de
repente o corpo. A muller un pouco máis baixa, corpuda, aínda que non
se puidese dicir que fose grosa. Madura, pero así e todo máis nova que
o home, moi ben conservada e arranxada, co seu traxe xastre beige, ben
peiteada, maquillado discretamente o rostro fermoso.
¿Vostedes non son os dese «Audi» gris, matrícula de Pontevedra? interrogounos o do
camión.
Ergueron os dous a ollada ó mesmo tempo cara a el.
Si dixo a muller, simplemente. O home non despegou o bico.
Pois como non vaian con máis coidado aínda se van pegar unha boa
hostia antes do que pensan. Porque o adiantamento que me fixeron aí
atrás no cambio de rasante, nin que pensasen que seguían pola
autovía...
¿Vostede cre que é un conductor perfecto? cortoulle a muller con
sequidade.
Oi, mire, señora, non teño ganas de discutir. Por min alá cada un,
pero anda máis xente pola estrada, non van vostedes sós.
A camareira púxolle o carajillo diante ó camioneiro. Fíxose un
silencio. O home de cabelo branco e traxe ancho deu o último sorbo ó
seu café e logo bisbou: «Vou un momento ó servicio» e
levantouse.
Perdóeme vostede, señor falou entón a acompañante do que acababa
de saír, dirixíndose ó do camión con toros de piñeiro que os
reprendera. Xa sei que non debín facer esa manobra; pero traiamos
moita velocidade e cando me vin detrás do seu camión xa case non
podía frear.
Señora, non ten desculpa ningunha que me dar. Eu só digo que como
siga así, xa non é pola que se poida dar vostede, é que, sen comelo
nin bebelo, fai que se mate calquera que lle veña de frente.
É verdade, é verdade E de repente a muller botouse a chorar. Trataba
de coutar os impos cun paniño diante da boca, as bágoas a lle esvarar
fazulas abaixo.
Veña, muller, tampouco se vaia poñer agora así exclamou supetamente
benévolo o camioneiro.
Non sabe como veño eu murmurou entre salaio e salaio aduro coutado a
muller. Non sabe como veño.
Pero, señora, tranquilícese achegóuselle tamén a camareira. Se
non lle pasou nada tampouco é a cousa para tanto.
Vimos de Pamplona abriuse de pronto a do traxe beige, collendo a man
que a outra muller pousara no mostrador á súa beira, da Clínica de
Navarra. O meu home ten un cancro que mo vai levar en poucos días. E eu
viña pensando: se el morre, non quero quedar soa. E por iso pisaba o
acelerador e non vía a estrada diante de min. Pensaba: se temos un
accidente ímonos os dous xuntos.
Pero, muller, ¿como di tal barbaridade? a camareira pousou a outra
man enriba da que lle prendera a súa. Tranquilícese, ande,
tranquilícese.
Non quero quedar soa. Non quero quedar soa insistía a outra, máis
para si que para ninguén. Sei o que é, e non quero pasar por iso. Non
quero quedarme nun cuarto sentada diante da televisión, a falar coa
presentadora por non ter ninguén máis a quen dirixirlle a palabra. Non
quero facer como facía a miña nai cando enviuvou, que se pechaba no
cuarto de baño e falaba horas e horas coa súa imaxe no espello.
(...)
¿Así que no «Mesón do Mar» teñen un camareiro novo? O da
chaqueta de alpaca, viaxante de bebidas, endiñoulle un lingotazo ó
gin-tonic que Ignacio lle acababa de poñer diante sen preguntar. As
relacións comerciais viñan xa de vello entre eles.
¿Dis o mozo ese estranxeiro?
Un tipo loiro, que parece que lle prende un pouco a lingua, manicho,
que non sei que che dá velo escribir coa esquerda cando toma nota dos
pratos.
Si, ho, xa sei: o estranxeiro, non sei se holandés, ou danés, ou de
por aí. Un fulano que viña polo vrao e andaba cun patín e unha vela
facendo eso que lle chaman wind-surf, ou como carallo se diga, todo por
alí polas praias do arredor. A Marga, ¿non sabes?: a filla do do «Mesón», que está a tía como ha de ir, alá se cegou por
el. Que as mulleres non sei que teñen que en canto aparece por aí un
forasteiro alá van que se cagan detrás del.
Home, pero ese ten boa planta, planchón. mediou Fela desde a traseira
onde preparaba unhas racións. Eu polo menos vinlle unha boa percha.
Si, tía, macanudo. Se a percha é o único que lle hai que pedir a un
home, está moi ben, pero que moi ben retomou a palabra Ignacio. Así
non me estraña que todas digan que lle teñen envexa á Marga, e mesmo
haxa algunha máis atrevida que ande dando as voltas para levantarlle o
manequín. Pero ¿que queres que che diga? volveuse para o do
gin-tonic: O fulano casou coa moza e ó final, como por máis percha
que teña non servía para nada, non tiña máis oficio nin beneficio
que andar por aí patinando por riba das ondas, o sogro púxolle un
mandil branco e plantificouno detrás do mostrador. E a iso é ó que se
dedica agora. Iso e máis tratar de facerlle fillos á Marga.
Pois xa ten o seu mérito volveu intervir Fela desde alá dentro.
Si, muller, o que ti digas. Porque o que é fillos debe saber facelos.
Xa lle endiñou o primeiro nada máis casar e agora, polas vistas, dáme
que a volve ter embarrilada.
Pois se se aplica con interese, ten o seu valor defendíao a
camareira.
¿Sabes o que che digo? opinou sentencioso o viaxante: Pois que cunha
lobona como a Marga tamén me ía aplicar eu a fondo, a cousa non ten
mérito ningún. Ademais coa de marisco que comerá o fulano, que disque
é cousa que levanta de medo a moral, e o curto que o atará o sogro, xa
me contarás onde vai ir pacer se non.
Naquel momento entraba un tipo vestido cun mono de faena azul, «escusi, ¿qualcuno de voi parla italiano?». Os siareiros
volvéronse para el, algún fixo signos de asentimento dubidoso coa
cabeza. «Io sono camionista, camionista italiano,
¿comprendi?», e o fulano facía xestos de xirar a roda dun volante
imaxinario. Logo, como xa vise atraída a atención da concorrencia,
empezou a champurrar que viñera cunha partida de mercancía para uns
grandes almacéns, indicou o nome e a rúa onde se atopaban na cidade,
sacou o pasaporte e o carné de conducir. Seique lle refugaran unha
partida da mercancía, non porque viñese defectuosa, senón porque ó
parecer excedía do pedido inicial, el regresaba para Italia e antes
quería deixar toda a mercancía, material de primeira calidade, moi
barato, ¿non lle interesaría a alguén dos presentes? Xa vendera
algunhas pezas, quedábanlle poucas.
Ninguén mostrou entusiasmo pola ganga, e o tío, moi prudente, non
insistiu, pediu na barra un Campari, bebeuno, pagou e marchou.
Vaiche boa a plepa que nos querería meter este comentou un cando o
home estivo fóra, co agudos que son os italianos para darche calote.
Home, ó mellor non se trataba de ningunha estafa, e ata podería ser
unha ganga. Esas cousas pasan opinou Fela.
Pois vai detrás del e cómpralle o
lote.
Non sei que lote lle vai comprar comentou outro que saíra á porta
detrás do italiano, porque o tío ese esfumouse.
¿Esfumouse?
Home, eu vino saír diante de min e de repente botei unha ollada e xa
non estaba. Nin el, nin camión, nin nada de nada.
¡Que cousa máis rara!
A ver se era un espírito. Ou unha aparición.
(...)
Dous homes maduros, vestidos con
elegancia, conversaban a un lado do mostrador. Mellor dito: un falaba, o
do bigote branco e rostro colorado, e o outro, máis magro e máis alto,
escoitaba en silencio, cos ollos postos no café con leite que remexía
de vagar coa culler.
Na universidade desinteresáronse das miñas investigacións
queixábase o colorado. Ata houbo algún profesoriño que se atreveu a
chamarme burro erguendo con suficiencia o canto da boca. Pero vanse
foder, porque dos meus achádegos non deixarei nada escrito. E o que
escribín ata agora rompereino, queimareino, fareino cinascos. E o que
queira saber algo, que o sache.
Bo, non hai que tomar as cousas así. Hai que
pasar un pouco
contemporizaba o outro. Ser comprensivo...
Nada, nada. Así aprenderán eses sabios da universidade. ¡Válame
Deus, como está a cultura neste país!
Abríase a porta e entraba no bar un home de aspecto dinámico,
niqui
verde, pantalóns vaqueiros e zapatillas deportivas. Ó ver ós dous que
conversaban achegouse a saudar.
¡Home, vaia que sorpresa, vostedes por aquí! ¿De viaxe, non?
Viráronse os dous para el cun leve aceno de estrañeza.
Pois si, de viaxe dixo o de bigote branco.
Alégrome bateulle no ombro o recén chegado, que a seguido se dirixiu
ó camareiro: Ponme un tinto rioja e unha racionciña de polbo, amigo.
Ah, e déixame cinco moedas de cen soltas para aí para a maquiniña.
Ignacio mirouno cun leve signo de interrogación nos ollos, pero non
dixo nada, abriu a caixa rexistradora, sacou as moedas e púxollas
diante no mostrador. O home apañounas e alá foi para a máquina
come-cartos. Os dous que falaban da universidade ficaran calados, a
sorber os seus cafés con leite, mentres o tipo lle daba alimento á
máquina, que tragou as cinco moedas entre musiquiñas e palpebrexos de
luces, pero sen cuspir nada para fóra. Daquela o xogador volveu ó
mostrador, botou un grolo de viño e empezou a picar o polbo que o
camareiro lle acababa de poñer diante.
¡Vaia tarde levo! comentou. Non me sae unha a dereitas. A ver, home,
déixame outras cinco moedas. E ponlle aquí outro par de cafés a estes
señores.
Non, non refugou o máis alto dos dous que tomaban café con leite.
Xa imos marchar, moitas gracias.
En silencio, Ignacio volveu á caixa e
púxolle diante outras cincocentas pesetas. O home repetiu a xogada da
máquina co mesmo resultado da vez anterior. Regresou ó mostrador e
enviou o resto do viño que lle quedaba no vaso.
A ver, ponme outro tinto.
Son dúas mil duascentas, co cambio dixo Ignacio mentres lle poñía o
novo viño, un chisco mosqueado.
Síntoo moito, amigo encolleu os ombros o fulano, pero non teño nin
unha cadela. Estou completamente rascado. E a culpa é da maquiniña esa
do carallo, que non che dá un puto premio por máis que lle metas.
¿Que lle vou facer?
Ignacio mirou para el, logo mirou para os dous que remataban os seus
cafés con leite.
¿Coñecen vostedes a este señor? preguntou. ¿Responden vostedes
por el?
Eles ollaron para o tipo e olláronse entre si.
Non dixeron ó unísono.
Que eu me dea conta remachou o do bigote branco nunca diante de min o
vin na vida.
Daquela xa o camareiro saíra por fóra do mostrador e agarraba polo
niqui ó caradura.
Vasme pagar agora mesmo, ou saes de aquí inflado.
¡Coidadiño, eh! avisou impertérrito, sen se descompor, o
interfecto. Pensa ben o que vas facer. Porque se me zoupas, gusto ó
corpo darasllo, pero cobrar tampouco cobras unha peseta, iso teno por
seguro. Pódesme dar a volta co de riba para abaixo que non che vai
caír nin unha cadela.
¡As chaves do coche! conminouno Ignacio mentres o sacudía rabioso.
¡Esa é boa! o fulano non perdía o aprumo de ningunha maneira.
Deixoume aí fóra un tío ó que lle fixen auto-stop. Non teño coche
nin farrapo de gaita.
O puño do camareiro disparouse a baterlle na fazula.
¡Ségueme dando, ho! tantaranteou para atrás o das zapatillas
deportivas. Ti dáme máis e verás como acabas pagándome unha
indemnización por agresión e lesións. Porque non teñas ningunha
dúbida de que así que remates de te desafogar comigo, ireiche poñer
unha denuncia na comisaría máis próxima.
¡Lárgateme de aquí! empuxouno entón o camareiro cara á porta
¡Lárgateme e non se che ocorra volver poñérteme diante porque
daquela mátote.
Abur, señores, boas noites aínda saudou o tipo ó tempo que
marchaba. Alégrome moito de saudalos.
Os da conversa universitaria arrandearon a cabeza. «Por iso hai que
ver cada cousa», moumeou o máis alto. «Xa non hai vergoña,
nin nada», afirmou o do bigote branco. Pagaron e marcharon.
¿Pero ti viches o que me acaba de pasar, Fela? achegouse Ignacio á
cociña ó quedar vacío o local. ¡Fela! ¿Pero que che pasa?
A camareira choraba en silencio sentada ó lado do fogón, sen atender
ás palabras do seu compañeiro.
(...)
Xa cerrara a noite había tempo e os
clientes deixaran de entrar, atraídos por outros reclamos luminosos.
Ignacio repasaba, sen prestarlle moita atención, as follas do xornal
cando entrou un home gordo, de estatura mediana, o cabelo empezando a
clarear.
¿Que, seique non hai moito negocio?
saudou.
Vaise tirando dobrou o periódico Ignacio.
Póñame unha tónica con xenebra. Veño coa boca reseca e canso xa de
conducir sentouse o gordo enfrente del. E eso que me gusta viaxar,
pero claro... Hai pouco aínda fixen unha viaxe a Cuba, a verdade é que
me apetecía moito visitar a illa, e sobre todo tiña ganas de ir alá
antes de que caíse Fidel. Por outra parte esperaba que a excursión me
saíse barata, eu escribo contos, ganei unha boa porrada de concursos
literarios por España adiante. Se lle digo a verdade, teño ido
recoller premios a sitios dos que non tiña a menor sospeita de que
puidesen existir. Para Cuba levaba o meu ordenador portátil e xa ía
pensando na narración que escribiría, coa que ganaría algún premio
nun próximo concurso a que me presentase e así amortizar os cartos
gastados na viaxe. Porque esto dos premios élle como todo, hai que lle
coller o tranquillo e nada máis. E a miña experiencia fíxome ver que
cando algunha entidade, oficial ou privada, de calquera lugar remoto,
convoca un concurso, unha das debilidades dos premiadores son os
escritores centro e sudamericanos. Non sei, será unha especie de
esnobismo, pero é así, téñoo máis que comprobado.
O home calou para botar un grolo longo do vaso que lle acababa de poñer
diante o camareiro.
De modo que un tema cubano proseguiu logo, ante o silencio do outro,
meténdolle un pouco de léxico que dese o pego de que era de por alá e
¡ó premio! Non pensaba facer algo sobre ese manido tema do turista que
chega e describe as paisaxes, o Castelo do Morro, o Malecón, as mulatas
que se che venden por un par de pezas de roupa interior, a Habana Vella
e todo iso. Antes falara cun escritor galego amigo meu, Neira Vilas
chámase, non sei se coñece, e el preocupárase de darme o enderezo
dalgúns contactos. Neira botou case toda a súa vida en Cuba, desde a
chegada de Fidel ó poder, e está ben relacionado alá. A súa muller,
Anisia, é tamén escritora, cubana, moi conceptuada na illa, e coa súa
recomendación malo sería que non puidese ver cousas que ó turista
ocasional se lle escapan. De modo que alá marchei, co ordenador
portátil preparado, como digo. Pero xa non fun ver os amigos de Neira,
porque ó outro día de chegar contactei cun fulano moi curioso,
escritor tamén, un tal Pedro Juan, que alá me fixo de guía e me
presentou xente marxinal de verdade e tanto no cerne da cidade me meteu
que ós quince días decidín deixar de lado o meu conto e quedarme alí
a vivir para sempre, nun apartamento que atopei na rúa Hospital, moi
preto de «El Colmao», non sei se lle soa.
Pero ¿e logo como está agora aquí?
Esa é outra historia, amigo. E non lla conto porque vou cun pouco de
présa, teño que recoller un premio literario en Burguillos del Camino
mañán pola mañá e xa ve a hora que é e os quilómetros que me
faltan, terei que pasar a noite ó volante. Sonlle as pexas dos que nos
dedicamos a escribir contos e ganar concursos.
|