Centro de Documentación da AELG
Presentación do libro De soños e memorias
31 de maio de 2003
Martínez Pereiro, Xosé Luís
Autores/as relacionados/as:

     Antes de máis nada, un saúdo ás autoridades que arroupan o acto e parabéns aos gañadores do certame deste ano.
     Espero que me perdoedes por traer un escrito, pero é que son unha persoa desmemoriada, non afeita a falar en público e con tendencia a residir na inopia ou quedar coa mente en branco.
     Encarregáronme que falase do meu conto Palamades e a besta ladradora e a verdade, ao ser o protagonista un cabaleiro da Materia de Bretaña con pasado sarraceno, temo que nestes momentos de globalización da bastardía se censure a miña referencia, aínda que de esguello, ao mundo islámico e sexa considerado un fundamentalista por preferir a figura dun renegado ás politicamente correctas de Percival, Artur ou Galaad. Se cadra, neste tempo reseso de intolerancia, neste predominio da lei do embudo, do surrealismo das guerras preventivas, neste acoso á disidencia, á paz ou á realidade, sería mellor que a miña modesta  oratoria se limitase á asepsia do resumo argumental, porque... coidado! Igual posuo palabras de destrución masiva e, para máis INRI, utilizo un dialecto con fonemas que poderían servir para comunicarse co demo e terían que prohibirme.
     Estando así as cousas e para non sinalarme, pois “a literatura en canto criadora de mundos que fuxen da realidade é un sucedáneo da covardía”, o intelixente é evitar as referencias ao relato, centrar a intervención en algo banal, contar algunhas andrómenas e buscar un par de citas propias ou alleas que empresten autoridade ao texto.
     Daquela e xa que estou aquí e teño que dicir unhas palabras, vou falar do escritor máis que dos seus produtos. Pero que conto? Que hai unha década amanecín zurdo tras valerme sempre da dereita? Que a primeira vez que entrei en Francia un xendarme da fronteira puxo a súa metralleta nas miñas costelas para obrigarme a abrir un maletín onde levaba o clarinete en si bemol? Que no cruce de Benavente coñecín un profeta que anunciaba o fin do mundo para cando os “croissants” chegasen a Bergondo? Que na Bretaña das cruces de pedra un tal Philippe, logo dunha exitosa noite contando chistes no meu francés de instituto, quixo agasallarme cunha “chevrette”, cornamusa de fol verdinegro que pertencera ao seu avó? A quen lle interesa iso?
     Deixémonos de interrogacións, un escritor debe saber afirmar, reparar no minúsculo para entender a beleza do grande, así, direivos que ando a voltas coa idiosincrasia das grafías, que hai letras que confabulan para volverme inseguro da miña circunstancia, que posuo unha identidade mutante que se transforma en Piñeiro, Ferreiro, Peseiro ou Pereira a pouco que me distraia.
     En fin, para rematar, dicir que me considero afortunado por non ser como Gustavo Adolfo Bécquer quen, ironías do romanticismo, decidiu separarse da súa muller Casta porque o seu terceiro fillo era de paternidade virtual. No meu caso só teño unha fila e, a pesar do estigma cromático e cantareiro que acompaña á súa nai de ollos verdes, sei que é a miña criación máis importante.

Presentación do libro de autoría compartida De soños e memorias, (Espiral Maior, 2003), narracións premiadas no Certame “Manuel Murguía”  (2000-2002). Centro Cívico Cultural do Concello de Arteixo, 31 de maio de 2003.