Centro de Documentación da AELG
Entrega do Premio Risco de Literatura Fantástica
28 de maio de 2002
Martínez Pereiro, Xosé Luís
Autores/as relacionados/as:

     Parece ser que hai algo raro, algún nexo marabilloso entre os nomes ilustres da cultura galega, os concellos e os premios de narrativa ou debuxo concentrados na miña persoa. A cousa dá que pensar dada a miña condeición funcionarial, debe haber algún tipo de confabulación entre administracións locais, algunha conexión oculta entre os próceres da Galiza, senón non se explica. Todo empezou coa antoloxía de sedes clandestinas que titulei As irmás bastardas da ciencia, a figura de Carvalho Calero e o concello ferrolán, seguiu Alfonso Rodríguez Castelao e o concello de Pontevedra cando un xuri internacional decidiu premiar media ducia de chistes meus no ano en que se rendeu homenaxe ao rianxeiro universal, pero a leria non quedou ahí, pouco despois o meu relato artúrico Palamades e a besta ladradora fíxose co Premio Manuel Murguía que organiza anualmente o concello de Arteixo. Un podería pensar sen darlle máis voltas, nada, é unha casualidade de tantas e non quere dicir nada que este ano 2002, único capicúa do século, A embaixada do vinagre obtivese o Premio Risco que vai unido ao concello de Ourense, non ten por que haber ningunha maquinación extraña, ningunha loxia supramunicipal que, coa complicidade calada das editoras, extenda os tentáculos polos ferrados de todo o territorio oestrimnio, ou si?
    En fin, deixo a incógnita no ar, se alguén pode subministrarme datos que me axuden a desvelar esta trama na que me mergullaron con satisfacción, ditoi sexa de paso, estaríalle moi agradecido, mentres tanto urxe permanecer atento, debo continuar a investigación, esa é a razón da miña escrita. Non sei se preparar algún texto para o Premio Álvaro Cunqueiro de narrativa, danse todas as constantes, ademáis do escritor insigne estaría o concello mindoniense e eu como terceiro vértice do triángulo. Xa verei o que fago, tampouco quero precipitarme.

Texto lido na entrega do Premio Risco de Literatura Fantástica, Liceo Ourensán, 28 de maio de 2002.  Ademáis de Xosé Luís Martínez Pereiro, último en falar, o  acto contou coa asistencia do alcalde ourensán Manuel Cabezas, María Jesús Martínez  Risco Fernández e Arturo Lezcano, en representación da Fundación Vicente Risco.