Centro de Documentación da AELG
Miscelánea de brevidades fantásticas
4 de xullo de 2002
Eyré, Xosé Manuel
Autores/as relacionados/as:
Fonte: A Nosa Terra

MISCELÁNEA DE BREVIDADES FANTÁSTICAS.

Volve o mundo insólito de Martínez Pereiro, XOSÉ M. EYRÉ

Xosé Luís Martínez Pereiro, autor coñecido e recoñecido de fértil vea humorística, foi merecente do Premio Risco de Literatura Fantástica do ano que corre pola obra da que hoxe nos ocupamos. A embaixada do vinagre é unha miscelánea de textos de marcado carácter fantástico, tendentes á brevidade. A través da focalización de múltiples incidentes individuais, o que se coñece como rarezas, feitos curiosos ou anécdotas, a obra danos unha visión da historia diferente da que comunmente se coñece, poñéndoa en tea de xuizo. Este ir e vir entre real e ficción, entre o histórico e o para-histórico, entre o soño e a vixilia, adopta a forma de microliteratura, esa fórmula tan de actualidade nos nosos arredores e que na Galiza comeza a espabilar de maneira esperanzadora. Por microliteratura entendemos –vista a carencia de consenso entre os estudiosos ben será que o aclaremos- a escrita literaria que se materializa na brevidade dunha páxina (cun tope de 40 liñas, 36 é o número máis habitual) como extensión máxima; o carácter proteico propio destes microtextos propicia que poidan alimentarse de calquera xénero, literario ou non. Pois ben, dos 79 textos con que conta A embaixada do vinagre, 50 responden perfectamente a estas esixencias.
Dentro da microliteratura establécense tamén diferencias xenéricas. Os microcontos contan unha historia e, en consecuencia, teñen base narrativa e os micro-relatos non queren contar unha historia, non teñen base narrativa. Micro-relatos son os que compoñen A embaixada do vinagre, o mesmo que o eran os de Ciencia de facer as camas (Xosé Cermeño, 1994) ou Sombra fértil (Anxo Pastor, 1999). A figura do narrador ten aquí moito máis peso que a das personaxes, estas son monicreques nas súas mans de prestidixitador verbal á procura dun final sorprendente, cousa que Martínez Pereiro logra de maneira salientábel. De maneira aínda máis fácil de entender diremos que os microcontos resólvense porque ás personaxes ocórrelles algo, mentres que os micro-relatos dependen de que ao narrador se lle ocorre algo. Nesta última faceta, na de autor ocorrente, xa Martínez Pereiro se tiña mostrado como un autor verdadeiramente hábil e aquí volve demostralo.
Como miscelánea que é, trata temas moi diversos. Aínda que o libro está organizado en cinco capítulos, cinco monllos de textos (oscilando entre os 14 do segundo e os 17 do derradeiro), que tratan de ofrecer unha mínima uniformización temática, o que acontece é que o narrador se mostra incapaz de suxeitarse á atadura dunha única historia (salvo nos contos de 35 palabras, onde a dificultade é a inversa) e resulta moi frecuente que comece falando dunha cousa e remate con algo totalmente distinto. Isto, moi frecuente nos textos longos, é válido tamén para os breves e non ten siquera que existir nexo. Nesta arte da divagación, da digresión contínua, Martínez Pereiro xa nos tiña obsequiado na súa obra anterior (Amálgama de desquiciados, As irmás bastardas da ciencia, Breviario de calamidades, Medición definitiva do limbo) cunha habelencia singular que agora volve por de manifesto; mais para dicir todo, engádase que, en determinadas ocasións procede de aí certa “deformación profesional” un tanto tramposa, que se nota sobre todo nos humorísticos cando sacrifica a pureza lingüística, introducindo castelanismos para forzar efectos literarios que, por outra parte non resultan necesarios, dado que o número de figuras literarias baseadas nos xogos de palabras (paradoxos, quiasmos, paranomasias...) é xa dabondo.
A erudición curiosa (ficticia ou non, verosímil dentro das fronteiras da obra) e a continua procura do humor son dous trazos definitorios desta obra. Nesa querencia polos feitos insólitos abunda o medievalizante, pero pode dirixirse a calquera asunto por raro que poida parecer. Tamén é perceptíbel unha predilección polo sexo (en calquera das súas manifestacións, canto máis estrañas mellor, podéndose falar moitas veces de machismo ou misoxinia), os vicios sociais ou as deformidades (físicas fundamentalmente, pero tamén mentais), dunha maneira que lembra as cantigas medievais. Outros motivos temáticos que aparecen con frecuencia son o suicidio, a morte, a beleza, as bruxas, o pormenor biográfico, a relixión ou as enfermidades.
En resumo: obra eminentemente enxeñosa, sentenciosa inclusive, que ofrece unha leitura amena, diovertida (o autor é especialmente hábil nisto e procúrao con ardencia) que sempre sorprende, a cerca de aspectos insólitos, raros, curiosos, que destrúen o mundo derivado do coñecemento racional, valéndose de recursos e estratexias propias da microliteratura, fundamentalmente do micro-relato, entre os que tamén hai que mencionar o uso de notas ou de fórmulas próximas ao informe.

Reseña sobre A embaixada do vinagre, Sotelo Blanco, Santiago, 2002.
Semanario A Nosa Terra, Vigo, páx. 26 do nº 1041 de 4 de xullo de 2002.