Centro de Documentación da AELG
Cando no mar hai sereas
22 de maio de 2004
Loureiro, Ramón
Autores/as relacionados/as:
Fonte: La Voz de Galicia

CANDO NO MAR HAI SEREAS, Ramón Loureiro

Xosé Luís Martínez Pereiro volve regalarnos a súa capacidade fabuladora nunha historia escrita cun sorriso

En verdade é inmensa a imaxinación, a capacidade fabuladora, de Xosé Luís Martínez Pereiro. Pero non é menor a súa habelencia para lograr, a través do relato, que os máis extraordinarios feitos narrados adquiran verosimilitude, para que canto conta estea dotado desa “realidade suficiente” á que Don Gonzalo Torrente Ballester se refería como imprescindible atributo dunha literatura do marabilloso –ou do “real marabilloso”, como se queira dicir- que pretenda resultar crible ante os ollos do lector.
A muller mariña, que se publica cunhas magníficas ilustracións de Ana Pillado, é unha novidosa achega á literatura de sereas –todo un xénero, ¿ou non?-, tan cultivada, entre outras moitas narrativas, pola da Armórica de Francia, pola dos irmáns bretóns, a través de historias coma as recollidas por Anatole le Braz. E faino referíndose á mítica orixe da liñaxe dos Mariño –da que tamén se ocupou no seu día, miren, o antedito Gonzalo Torrente- nun xogo literario no que non faltan nin o humor nin a erudición.
A muller mariña é un conto precioso, un libriño que medra abríndolle as súas portas a outros textos –Cornide, o Padre Feixoo...- e que está escrito, ben se nota, cun sorriso. Unha obra que demostra que a literatura culta, aquela que é susceptible de múltiples lecturas diferentes e doutras tantas interpretacións, non só pode, senón que case se podería dicir que debe ser, polo menos nalgún sentido, divertida, resultar un pracer para o lector. É reconfortante encontrarse con historias sanamente ambiciosas, con libros –que ben editado este libro, tamén hai que dicilo- que fan de Galicia un eixo para todas as culturas atlánticas. É certo que todo sistema literario necesita produtos de consumo que atopen unha masiva acollida de mercado, pero igualmente certo é que máis falta aínda fan escritores, como Martínez Pereiro, con talento... e cousas que contar.

Reseña sobre A muller mariña, Col. Relatos Históricos, Ed. A Nosa Terra, Vigo, 2003.
Suplemento CULTURAS de La Voz de Galicia, 22 de maio de 2004.