O coitelo entre os dentes para pór fin a tanta incerteza,
e se te ama sen amor daquela abrazarás,
escollerás como amante
unha doce árbore do país dos mortos.
Sentes consternación ao ollar este mar plano,
este mar calmo,
que terribelmente semella anunciar:
Verrà la morte e avrà i tuoi occhi,
mirada fusca da alta esperanza.
Agostiño Lomba
Agostiño Lomba, Palimpsesto, Edicións Xerais, Colección Ablativo Absoluto, Vigo, 2001, 47 pp.
A procura da palabra exacta, verdadeira é necesariamente un eterno palimpsesto, un constante escribir e reescribir, un exercicio incesante de pescuda no que todos estamos condenados ao fracaso, á morte como obrigado remate da busca, esa “morte que vira e tera os teus ollos” que anunciaba lúcida e desesperadamente Cesare Pavese no verso que reproduce o autor de Palimpsesto.
Palimpsesto é precisamente o título do poemario da Agostiño Lomba (Vigo, 1960-2000) que Edicións Xerais publica agora, en fermosa edición ilustrada por Xosé Freixanes, na colección Ablativo Absoluto, colección que o propio poeta axudou a luír co seu traballo como corrector de estilo.
O libro de Agostiño Lomba é un sintético compendio dunha persistente procura. Lendo estes seus versos testamentarios -Agostiño Lomba morreu dramaticamente en xuño de 2000- lembraba eu un verso de Guillerme de Aquitania, tantas veces comentado en conversas co propio poeta e amigo, “Farai un vers de driet nien”, “farei un poema da pura nada”, este sorprendente, por atrevido e moderno, fragmento poético que practicamente abre a poesía en linguas romances, escrito a finais do século XI polo duque occitano, e que di moito da concepción da poesía, da palabra e da vida do propio Agostiño Lomba, fondamente reflexiva, indagadora, sintética, dun pesimismo implacable, dun nihilismo que nunca foi inmobilismo, que fixo da súa traxectoria vital e profesional un compromiso político e sobre todo ético. Ese “pesimismo da razón” gramsciano e o seu contrapunto o “optimismo da vontade” que durante moitos anos norteou a súa vida ata o definitivo “suicidio da esperanza” como di nun verso seu, deixando inevitablemente o palimpsesto inacabado, devolto á súa intrínseca condición, o permanente mudar, o eterno circular.
Agostiño Lomba transita nos seus versos por unha expresión labiríntica, chea de referencias literarias e estéticas nas que grandes fitos da literatura universal son recreados e intelixentemente reelaborados desde a experiencia persoal. A final nestes poemas fica a sombra da vida agarrando ese minúsculo mapa que chegamos a coñecer, que é o noso percurso, que é a nosa experiencia, o noso lene esvoazar, o noso po que é definitivamente o que todos somos. Pero sobre todos eles paira e transmítese unha lucidez que queima, e os poemas-palimpsestos semellan unha paisaxe de xiz baixo a chuvia, palabras esluídas que permanecerán en canto fique viva a nosa memoria.
Carlos L. Bernárdez