ARTE DESARRUMADA: UNHA VISIÓN DO MOMENTO ARTÍSTICO DESDE O BRASIL.
O Museu de Arte Moderna de São Paulo, unha das institucións máis prestixiosas do Brasil no ámbito da arte contemporánea, realiza cada dous anos unha grande mostra so o nome de Panorama. A edición de 2003 19 Desarranjos. Panorama da arte brasileira 2003 é a orixe da exposición que agora se pode contemplar no MARCO de Vigo até o 8 de maio, logo do seu paso polo Río de Xaneiro e Recife. Na súa versión viguesa leva por título 20 Desarranxos e incorpora un novo artista, trátase neste caso do galego Jorge Barbi.
O comisario da mostra, o cubano Gerardo Mosquera, elaborou unha proposta que escapa do que habitualmente entenderiamos por un panorama. Restrinxe o número de artistas seleccionados e define a mostra a partir dunha liña argumental -que é a idea do desarranxo- de xeito que consegue ofrecer un conxunto de obras e artistas que perverten aspectos da herdanza da vangarda brasileira de posguerra, o influínte movemento concretista.
A semellanza do que xa fixera noutra mostra panorámica, concretamente en No es sólo lo que ves. Pervirtiendo el minimalismo, presentada en Madrid, no Reina Sofía no ano 2000, Mosquera opta por inserir artistas doutras zonas, para salientar as afinidades conceptuais e formais cos artistas brasileiros e mesmo para cuestionar o propio concepto expositivo no que se enmarca a mostra, non por unha vontade antinacional, senón para situar os artistas de ámbitos non dominantes, no plano do mercado e da influencia da arte internacional, arredados dunha etiqueta étnica, que acaba por situar nun permanente plano minorizado unha actividade artística que ten de seu un valor singular, sexa cal for a orixe do artista.
Cómpre lembrar que a arte brasileira é unha das máis dinámicas, senón a máis, de toda América Latina e que desde os anos noventa avanzou na experimentación sensorial e no uso de novos materiais e medios. A arte no Brasil ten un selo propio, non etnicista, pero si singular, que incide na investigación de xinea intelectual, con notábel sensibilidade co uso e fruición do material, movéndose dentro de coordenadas conceptuais, mais con manifesta liberdade, desarranxando os presupostos construtivos, mais sen renunciaren a eles, coa forma e a súa análise como resortes fundamentais do seu proceso creativo.
En 20 Desarranxos podemos percibir como os artistas actuais do Brasil conectan con moitos aspectos do concretismo brasileiro –un dos movementos máis relevantes do panorama internacional despois do Segunda Guerra Mundial- e co desenvolvemento da arte internacional das últimas décadas, o que xustifica a diversidade de técnicas e soportes e das súas temáticas. Artistas como Ernesto Neto, Cildo Meireles ou Vik Muniz representan ben esta situación coas súas obras cheas de profundidade conceptual e de grande liberdade formal.
O argumento expositivo, enormemente suxestivo, defende que o que singulariza a arte brasileira é precisamente a dialéctica fidelidade- alteración dos presupostos da arte concreta, que popularizara no Brasil Max Bill na década dos cincuenta. Cómpre lembrar que este movemento nace como unha tendencia plástica e tamén poética en relación co construtivismo, adoptando o espazo como elemento estrutural, procurando o mínimo común múltiplo da linguaxe artística, tentando identificar liña e baleiro, fondo e forma, espazo e tempo.
O resultado evolutivo, xa no noso presente, é definido como unha multiplicidade de desarranxos, nun proceso que non se constitúe nunha simple negación da herdanza, senón que permite establecer unha tensión, da que xorden determinadas peculiaridades, como pode ser a delectación no material ou o pendor cara a unha captación sensual dos aspectos físicos do obxecto artístico.
Estamos, xa que logo, perante unha mostra temática que parte da idea da deconstrución da realidade e que consegue propiciar a reflexión sobre aspectos chave da evolución da arte actual.
OS ARTISTAS REPRESENTADOS
A mostra consta de aproximadamente 57 obras, en todo tipo de soportes: instalacións, intervencións, obxectos, pinturas, gravados, esculturas, vídeos, etc. e nela están presentes 16 artistas brasileiros, algúns moi relevantes no panorama internacional, a carón doutros aínda non tan coñecidos, seleccionados todos en función do encaixe no argumento expositivo. Son os seguintes: Vik Muniz, Ernesto Neto, Paulo Climachauska, Umberto Costa Barros, José Damasceno, Fernanda Gomes, José Guedes, Adriano e Fernando Guimarães, Leonilson, Lucas Levitan e Jailton Moreira, Cildo Meireles, Marcone Moreira, José Patrício, Sara Ramo, Adriana Varejão e Alex Villar. Entre eles, e nun discurso que quere ser ao mesmo tempo elemento de diálogo e cuestionamento do parámetros expositivos, aparecen o arxentino Jorge Macchi, a chinesa Kan Xuan, o galego Jorge Barbi e o belga Wim Delvoye.
Como actividade complementaria desta exposición, o MARCO organizou un taller de performances (O xogo, o discurso e o corpo) que terá lugar no mes de febreiro, dirixido polos artistas-performers brasileiros Adriano e Fernando Guimarães.
Finalmente sinalar que dúas das obras están fóra do MARCO. Trátase de Pintura (Cóctel Molotov) de Paulo Climachauska, que se expón na Fundación Laxeiro e de Inclinacións musicais, de Lucas Levitan e Jailton Moreira, exposta na tenda de discos ELEPÉ (Daily Price), en Dr. Cadaval e na Tenda-Librería do MARCO.
Carlos L. Bernárdez