Introdución
Toutes les créatures que Dieu créa en terre, il les créa pour l’homme, et pour prendre exemple en elles de foi et de créance
Bestiaire picard (século XIII)
A Idade Media e a arte
Durante algún tempo os estudosos da arte medieval defenderon dúas formas de achegamento diferentes, a iconográfica e a simbólica, que desde o noso punto de vista non son incompatíbeis senón complementarias. Que a arte medieval porta unha mensaxe soubo velo Victor Hugo que escribía: “Na Idade Media, o xenio humano non pensou nada importante que non o escribira na pedra” .
A visión simbólica do universo fundaméntase na coñecida frase de san Paulo aos corintios: “Videmus nunc per speculum in aenigmate, tunc autem facie ad faciem” «Agora vemos nun espello, escuramente, pero daquela habemos ver cara a cara» (1Cor 13,12), na que se aprende que as cousas teñen un significado máis profundo, alén da súa aparencia inmediata. O home medieval vivía nun mundo poboado de significados, de sobresentidos, manifestacións de Deus nas cousas, na natureza, que falaba continuamente nunha linguaxe icónica, na que –como afirma Umberto Eco- un león non era só un león, unha noz non era só unha noz, e na que un grifón era tan real como un león, porque ambos os dous eran signos dunha verdade superior.
Eco explica este aspecto da mentalidade medieval como unha prolongación da actividade mitopoética do home clásico, adaptada ao ethos cristián, elaborando novas figuras e referencias. En realidade atopamos ese mesmo aspecto no mundo relixioso das máis diversas culturas.
Consonte con esta visión do mundo, a arte adquire unha concepción alegórica, paralela á concepción alegórica da natureza. Como ten expresado Mâle, a arte do medievo é aritmética escrita e simboloxía. Exprésao moi claramente o escritor Alain de Lille (1128-1202), en versos de evidente inspiración paulina:
Omnis mundi creatura
quasi liber et pictura
nobis est in speculum;
nostrae vitae, nostrae mortis,
nostri status, nostrae sortis
fidele signaculum.
Nostrum statum pingit rosa,
nostri status decens glosa,
nostrae vitae lectio;
quae dum primo mane floret,
defloratus flos effloret
vespertino senio.
Cada criatura do universo,
case como un libro ou un cadro
é para nós como un espello;
da nosa vida, da nosa morte,
da nosa condición, da nosa sorte
fiel signo.
A rosa representa o noso estado,
graciosa glosa da nosa condición,
interpretación da nosa vida;
en botón de mañá cedo,
florece, perde a flor
coa vellez da noite .
Mentres que na estética antiga domina a noción de mímese, a partir da Baixa Idade Media prevalece o símbolo . Na estética antiga e na medieval a imaxe é concibida como un termo de relación; na antiga insírese no campo semántico da mimese, é dicir, significa unha forma sensíbel que copia dun modelo sensíbel ou intelixible; en cambio, no mundo medieval a imaxe, inserida no campo semántico do símbolo, significa unha forma sensíbel que revela un contido intelixible. O termo imaxe fica, daquela, dignificado en tanto que revelador sensíbel do intelixible.
BESTIARIO EN PEDRA
ANIMAIS FABULOSOS NA ARTE MEDIEVAL GALEGA
CARLOS L. BERNÁRDEZ
XOSÉ RAMÓN MARIÑO FERRO