Centro de Documentación da AELG
O clamor da eclipse - Volvo a ti
Gómez Alfaro, Xosé Carlos

VOLVO a ti, si, albo volcán de abrentes,
a ti, nirvana nidio, saiba edénica,
de quen endexamais partín de todo.

Volvo ás longas lucenzas dos pomelos,
ós sorrisos dos merlos saborosos
e ós lagos e ás gamelas que atesouras.

Volvo ó delta e á praia dos mil gozos
pola fartura aquela e a semente,
polos néctares netos e as mazurcas.

Volvo da matria moura dos solpores
a ese encoro de paz do teu regazo
porque preciso o sol dos teus altares.