Centro de Documentación da AELG
Alén do lume - Saiba cálida das albas
Gómez Alfaro, Xosé Carlos

AH, baila, saiba cálida das albas,
co teu ledo bailar de esvelto alento
e planta neste mar tenro fermento
que acabe co clamor das acres calvas.

Danza, fogo auroral de claras salvas,
pon proa axiña rumbo a barlovento
e sé sempre remedio e alimento
dos meus socalcos clásicos e malvas.

Salta por arrabaldes redimibles,
vaga cal vagalume toda acesa
por chairas, serras, radas, salvadora.

E vara nestes vasos invendibles
e no sámago sacro da devesa
coma báculo e bálsamo e aurora.