Centro de Documentación da AELG
Pasos cara á alba - Rosa
Gómez Alfaro, Xosé Carlos

Ti es, amada miña inmaculada,
a máis brillante estrela das roseiras
branda que reverbera nas ribeiras
entre recendos quedos coroada.

Es, claro caravel da camiñada,
a acea que tritura estas neboeiras,
o manancial que amansa estas fogueiras,
o útero farturento da alborada.

Es rosetón do alén e compañeira
desta saudade sólida abafante
que te ten sempre a ti por temoneira.

A ti, facho de auroras e de orballo,
rosario de camelias cativante,
amor, amor, dos ceos agasallo.