Os nenos da froita do tempo
zugabamos seiva e zume,
comiamos polpa e pela
carozo e coia
-ata a denteira de ansias verdes-
a propia e a allea,
a silvestre e a prohibida
co único prezo da astucia,
a complicidade da noite estrelecida
e a protección da lúa chea.
Eramos nenos gorentando veráns de devezo
coma poldros desbocados, nos territorios da infancia,
carreiros transitados polos pés áxiles da ilusión
naquela miña tribo de albas brancas
e solpores de soños incumpridos.
Patria de palabras propias
que prenderon perennemente nos nosos corazóns.
Eramos nenos que mirabamos ao ceo
coñeciamos os segredos do vento
tiñamos o padal virxe
e adiviñabamos a sazón na súa pel
-esa cor adolescente das cereixas-
Enchiamos os petos de arrecendos
para fartar corpo e alma
e soportar as densas sombras do inverno
mentres durmía a montaña gris
nos ollos pechos da xanela.
Cando o silencio cubría
ausencias no cuarto baleiro
mentres nas entrañas da terra
entumecía o xermolo
e abrollaba a flor sen cor.
Cando medraba a soidade do vento
no teito do inverno.
Mentres aterecía a vida
no centro da aldea.
Cando os ollos eran lumieiras na noite
e o soño estéril, sen estrelas.
Agora somos só cansos transeúntes
desprazándonos con torpes movementos
pola memoria muda do río da nenez.
Non coñecemos a rotación das flores nas estacións.
Só plantamos árbores de enfeite
nos paraísos de cemento e de neón
mastigando o verme da cobiza
para saciar a vaidade desta era.
Agora, no reino da opulencia,
non saboreamos,
Comemos froita pelada
nos repletos manteis das nosas mesas
mentres os fillos vagabundos dos arrabaldos
perdidos nas cidades labirínticas,
cos petos cheos de miseria,
rebuscan, no lixo, as nosas sobras.
Hai outras infancias co corazón fendido
-a dos herdeiros da guerra-
que comen area seca
e respiran aire de metralla
sen petos, nin padal, nin sentidos.
Só unha lúa morta en cada ocaso.
Eses nenos do silencio que nos miran
I n m ó b i l e s
Crávannos o seu destino nos ollos
feréndonos a escasa conciencia que nos queda
para sobrevivirmos nun calofrío entre o horror.
É hora de que as mans baleiras
peten no peito do egoísmo
dos amos deste mundo
cun eco clamoroso que calará as súas bocas
queimando as palabras de papel de pólvora.
Onde tamén se esconde a nosa cómoda covardía
e ao fin sementaremos nas cinsas das súas entrañas
ÁRBORES DE VIDA
que florezan nos vizosos hortos destes paraísos terrenais
deitando abondosos zumes doces
de froita do tempo
-a ninguén negados-
para rematar con tanto pecado capital
e medrarmos A CARÓN DO CORAZÓN.
1.998