O CARRUSEL
Xira e xira sen parar
cabaliño de madeira,
cabaliño de colores
¡ non te perdas !
Volta e volta sen cesar
cabaliño de colores
sobe e baixa
¡ vaia xeira !
Trota e trota, cabaliño
polas nubes
ata as estrelas
¡ corre, voa !
Xira e xira
volta e volta
trota e trota.
Que hoxe hai festa
que hoxe é feira.
O PAPAVENTOS
Colgado dun fío invisible
pairando nas ás do vento
confía o seu alto destino
nas mans inocentes dun neno.
Turrando por voar libre
coa sedela que o ata á terra
o seu corpo de cores, lixeiro,
debuxa no aire piruetas.
Se non sente o vento na pel
maréase e perde o sentido
cae en picado, rompendo
un soño colgado dun fío.