“Cantémo-las veigas, cantémo-los montes,
cantémo-los ríos i as voltas que fan,
cantémo-los agros, ruliña graciosa,
os agros inmensos que veñen e van.”
X.M. Chao Ledo
A Manuel María
“¡A miña terra puxéronlle outros traxes
e andan agora poñéndolle outra alma!
¡Foron desaparecendo camiños e paisaxes.
e hasta os ríos perderon a súa calma!”
Manuel María
De cando na Chaira
corrían ríos manantíos nos que se bebía
escondidos entre chousas, veigas e campías
transitados por mil paxaros cantores.
De cando en toda a Cha
araban lentos bois
nas terras de larganza dos vilares,
cantaban cargados carros
e suaba canso e ledo
todo o pobo pola sega.
De cando as colleitas abundantes
douraban airas cheas
e as aves compañeiras acudían ao festín
para comezar a soñar co outono, nos soutos.
De cando as carballeiras se espreguizaban
vestidas co traxe das romaxes
e nas tardes soaban cantigas e aturuxos
que o luar animaba ata o mencer.
De cando os fornos arrecendían a pan saboroso
e nas cortiñas maduraban encarnadas mazás
mentres nas horas de folganza, á sombra,
a sesta reparaba a canseira
ou os máis novos agatuñaban aos ameneiros
para enchouparse nos piagos
e axexar ás anguías nos caneiros.
De cando nas casas da aldea
ardía, lentamente, a cerna das carrochas
para quentar a friaxe da invernía
nas noites de contos e de rúas.
De cando todo era ilusión humilde e compartida.
Pouco queda…
……………………………………….
Queda…
o profundo silencio das agras
nos cómbaros da tarde penedía,
a mirada perdida do vello labrego
-rexo e austero curtido en mil xeiras-
agora debullando entre o abandono e a incerteza,
esborrallado no desalento.
Tantos días ásperos e poeirentos
-toutizos do vento orfo-
queimados polo corisco e a soidade
e a historia derrubada nas solainas.
……………………………………………….
Mais con outro milenio na soleira
virán luminosas treboadas
fértiles chuvias restauradoras
e a frescura de novas primaveras.
Baixarán escorregando docemente entre as montañas
-para non asolagala-
Levantaranse leves ventos coma brisas
mudando a terra triste e cansa
por outra de vida e esperanza.
Cubriranse os campos de flores e chorimas
e nos outeiros e castros habitados
repousará o sol do mediodía
mentres nos agros de centeo
ondee un mar de espigas.
Medrará, no colo do vento,
-peiteada e perfumada-
a boa herba do solpor.
Atravesaremos ás insuas do verao,
acariciadas polo pai Miño,
divisando o retorno das aves viaxeiras,
á Lagoa do Monte, aniñar entre as xunqueiras.
Será un tempo criador.
Daquela, asomará Merlín pola Terra de Miranda,
e, pola fresca, paseará por toda a Chaira.
Coa certeza de que…
ao abrir nas casas portas e ventás
saberán que volveu a súa ama
e con ela os mozos a habitalas.
Virán como Auga de Maio
para regalarnos outras colleitas.
Será tempo de herdanza
para os fillos da Chaira ancestral
que regresan á patria que os chama
-porque sempre regresamos-
Sementaremos soños novos
entre os graos de trigo limpo,
do mellor candeal,
pois aínda ten lentura esta terra sabia
cando se achega o tempo de outonar.
1995