Centro de Documentación da AELG
Ourense, craro río, verde val. A cidade na voz dos seus poetas - O recanto agarimado da pedra
Domínguez Alberte, Xoán Carlos

 

Chamábaste
Raxa..., Mamasunción, María a Portuguesa...
nomes perdidos nas esquinas,
                         de palabra,
por pechar o trato,
a trata nestes días,
da carne e algunha presa
de diñeiro pra esquecer.

Na túa despensa había sempre ración de azucre
con pouso amargo, olor de lavanda, xabón barato
e algunha historia que escoitar.

Levabas a diario calor de burga,
ollos de noite e un farol aceso
                                        de tarde en tarde.

Baixo aquel balcón da Porta de Aire
un calafrío de azougue
ripouche o vestido camelia
e ollámonos nus con todo o mundo
ao alcance das nosas mans.

Só foi un instante de présa
por un puñado de historias
e algún lamento que consumar.

Acaso non fose máis ca unha sombra con nome
escrito na memoria e inventado
                                             desapaixonadamente
en letras de garabato caendo ao chau.

Pero por dentro ou fóra do papel
e sempre no corazón enlousado da burga
gastabas nome de flor e un acordeón triste
embebedado na penumbra da túa porta.
Aínda que isto agora tanto ten.
Porque todos somos fillos de EBA.