I
PERFIL BIO-BIBLIOGRÁFICO
Nace Xosé Neira Vilas na parroquia pontevedresa de Gres, concello de Vila de Cruces, en 1928. Filio de familia campesiña humilde, foi campesiño el mesmo nos seus anos de infancia e adolescencia, labor que compaxina, como calquera neno do rural, coa asistencia esporádica a unha daquelas paupérrimas escolas. Nunha pasantía de Camanzo, complementa a súa escasa formación primaria; cursa por correspondencia estudios de Comercio; ocúpase, entre os quince e os vinte anos, da contabilidade, pagos e cubicación de madeiras nun aserradeiro, e procura ler todo canto lle chega ás súas mans. Finalmente, en 1949, emigrará á Arxentina, o destino dramático obrigado para tantos dos seus compatriotas. "Aos decenove anos -precisa Neira- decido irme a América. Sinto que a aldea me oprime, que me resulta estreita..."
En Buenos Aires, verdadeira capital naqueles anos da cultura galega, vive a realidade da emigración como un impacto que deixará fonda pegada na súa obra, desempeña os empregos máis dispares e establece relación cun escolleito grupo de galegos exiliados, responsables en medida non pequena da formación intelectual e literaria do rapaz recén chegado, feito que avivará profundamente en Neira o sentimento consciente de Galicia. Para aviso de opinións desinformadas, xa Basilio Losada advertía en 1972: "(...) Neira Vilas, autodidacta, é nembargantes un dos escritores galegos de hoxe cunha máis sólida formación de lector. Nuns anos en que os universitarios de toda España non dispuñamos de texto (s) básico (s) para a posa formación -e pensemos no que supuñan entón Camus, Sartre, Céline, Aragon, por citar só aos franceses, máis asequibles- Neira Vilas dispuña das versións arxentinas do máis válido da narrativa mundial"1.
Na capital arxentina promove e participa na creación de empresas culturais de significación galega: é membro fundador, en 1953, das Mocedades Galeguistas e do periódico Adiante, no que publica os seus primeiros traballos en galego; integra, en 1956, a Comisión Organizadora do Primeiro Congreso da Emigración Galega en América. Casado coa escritora cubana Anisia Miranda en 1957, xuntos crean "Follas Novas", editorial e distribuidora do libro galego en América, e organizan exposicións bibliográficas en varias capitais latinoamericanas. En 1958 obtén o premio periodístico convocado a raíz do cincuentenario da morte de Curros e edita, en versión galega propia, o Itinerario galego de Víctor Luis Molinari.
1961 é a data de publicación de Memorias e tamén o ano en que Neira Vilas se radica en Cuba. El e Anisia participan con fervor no proceso revolucionario da Illa, exercendo diversos cargos en organismos estatais. Un ano despois comeza a súa colaboración na prensa cubana e, en 1964, traduce ó castelán e publica na Habana os Seis poemas galegos de García Lorca. Primeiro premio, compartido con Anisia, na Jornada Internacional de la Infancia (1966) polas narracións de ambos para nenos, desde 1969 dirixe a por el creada Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística de Cuba, organismo que inclúe entre as súas tarefas, ademais dunha cátedra galega para o ensino da literatura e a lingua, a preservación de valiosos documentos de interés cultural e literario, salvados así do silencio e do extravío.
En 1972, despois de tantos anos, volta temporalmente o escritor a Galicia, que frecuentará cada vez máis a miúdo, sempre coa compañeira, para participaren en homenaxes, conferencias, presentacións de libros, etc. Daquel contacto emocionado coa paisaxe nutricia fructificará, en 1974, un tomiño de prosas sinxelamente titulado Lar.
Escritor en galego e en América, Xosé Neira Vilas, contrariamente ó sucedido con tantos exiliados de quen as obras nos chegaron dificultosamente e a destempo, tivo a fortuna -compartida cos lectores- de que a maior parte do seu corpus literario (narrativa, poesía, ensaio...) vise a luz na Galicia da metrópole.
Memorias dun neno labrego (1961) vén inxerirse no proceso renovador da novelística galega iniciado nesa década, ben que desde unha perspectiva complementaria e ás veces diverxente respecto dos enfoques dun Mourullo, un Ferrín ou un Casares. O éxito e difusión desta novela breve na Galicia de postguerra (é un dos textos máis veces editado de toda a nosa historia literaria) quizais se deba ó tratamento literario aberto dun contexto vital que frustrou neste país a tantísimos Balbinos.
Con sucesivas entregas, o noso autor irá configurando o sustencial dos seus ciclos narrativos que aquí examinaremos: Xente no rodicio (1965), Camiño bretemoso (1967), Historias de emigrantes (1968), A muller de ferro (1969), Cartas a Lelo, Espantallo amigo e O cabaliño de buxo (1971), Remuíño de sombras (1973), Lar (1974), Aqueles anos do Moncho (1977), Nai e Querido Tomás (1980), Cortos vellos pra rapaces novos (1983), Pan (1986), Tempo novo (1987) ou De cando o Suso foi carteiro (1988).
Non debe silenciarse a estimable aportación de Neira Vilas á literatura infantil, ámbito este de preocupación constante dentro do seu mundo narrativo. En 1984, o autor manifestábame: "En canto á literatura infantil podo dicirche que é para min algo moi entrañable, e que o que fixen fíxeno con moito amor, como se quixese escribir as narracións e os versos para nenos que eu non tiven de neno"2. (Non cabe mellor motivación, nin tampouco máis nobre e xenerosa entrega). A obras xa citadas como Espantallo amigo e O cabaliño de buxo, ha¡ que engadir A marela Taravela (1974) e. Cantarelas e contos prá xente miúda (1975), poemiñas breves e un par de relatos de Anisia Miranda. Neste sentido, non resulta casual que o noso escritor sexa o responsable, desde 1983, da revista cubana para nenos Zunzun.
Tamén cultivou Neira con certa intermitencia a poesía (Dende lonxe, 1960; Inquedo latexar, 1969), variación, matización ou claro apéndice temático da súa narrativa na liña do social. Na apreciación de Xosé Luis Méndez Ferrín, trátase dun "alegato contra a inxusticia, delongándose especialmente na análise sentimental dos espacios afectivos e frustracións do emigrante. Exprésase -continúa- sen tentativas de pescuda formal, con sinxeleza prosaísta, e participa da mediocridade coloquial propia da poesía social española"; concluíndo que a poesía de Neira Vilas é a todas luces "subsidiaria e lateral con respecto á súa obra narrativa" 3.
Galegos no golfo de México, de 1980, Premio da Crítica Galega, representa unha interesante aportación documental sobre o problema emigratorio, tema que o autor aborda con frecuencia. Dentro da mesma arela de investigación, ha¡ que citar aínda os seus traballos Castelao en Cuba (1983), A prensa galega en Cuba (1985) e índice da revista "El Eco de Galicia" (1988). A súa actividade intelectual intensa complétase, finalmente, coas traduccións ó galego do citado Molinari, Trintenove poemas de Nicolás Guillén (1977), Xornal de prisión (1978) de Ho Chi Minh, Mitos e lendas da vella Grecia, de Anisia Miranda, e coa versión ó castelán dos Seis poemas galegos (1964), de Locar, e Vinteún poemas (1966), de Novoneyra.
Premio da Crítica Española en 1978 por Aqueles anos do Moncho, Xosé Neira Vilas foi tamén galardoado co Pedrón de Honra en 1986 e coa Medalla Castelao en 1988.
Ademais das aproximacións totais ou parciais á súa obra que se citan no transcurso deste estudio, o noso autor mereceu a consideración, sobre todo a propósito do seu libro de máis éxito (Memorias), de investigadores extrapeninsulares como Patrizia Campogni, Oleg Ostrovski, Seguei Sizonenco ou Klaus Bochmann. Debe anotarse aínda, finalmente, a versión de Memorias dun neno labrego ó castelán, portugués, euskera, chinés, ruso, checo, italiano, búlgaro, inglés e alemán.