Imos, meu ben, camiñar sereno pola cidade sen ramplas nas aceras. Imos comeza-lo xeito da túa vida, e mírame, mesmo as bolsas dos meus ollos serán monecos dos teus días xunta min. Tódolos bebés son tu e ningún coma ti. Tódolos nenos son tu e ningún coma ti. Tódolos adolescentes son tu e ningún coma ti. Tódolos mozos son tu e ningún coma ti. Tódolos anciáns son tu e ningún coma ti. Tódalas nais son eu e todas, coma min, saben que es único. Nin coa mísera desculpa de che mellora-la vida escoitarás de min xamais unha mentira. Se aborrezo tal estilo, a túa nobreza e penosa che ha ser por veces ampárate solidario do humano. Guerreiro forte da envexa afasta de ti os mesquiños de espírito, cariño. Na tabula rassa intelecto-sentimental que eras ti xa onte cantos moldes perfectos cantas persoas non han querer baleirar. Eu mesma que libre te deseño, canto de min por min, de min contra min non tentarei introducir. Que saibas derruí-las marcas e apropiarte, facer teu o aceno, e só aquel, que elixas. |