Centro de Documentación da AELG
Unha nova cultura. Unha nova mirada
Seoane, Xavier
Autores/as relacionados/as:

Non sabemos a ónde vai o ser humano. A ónde a cultura e as artes. Vivimos coa sensación dun replantexamento global. Unhas veces, cunha angustia de fin de traxecto. Outras, coa alegría dun vasto pano que se abre. Acode isto á memoria ao follear un libro fascinante. O seu título, Jorge Barbi. 

Libro delicioso, incluso para follear e ver os santos. É dos que deixan os ollos abertos ao milagre da cultura e da vida na súa máis aberta formulación actual. Cando o rematamos, o noso concepto da cultura visual é tan ancho como vivir ou respirar. Devólvenos unha nova mirada. Sitúanos na perspectiva dunha nova concepción da realidade desde a perspectiva da arte.

¿Quen non se sentiu fascinado, por urbanita que fose, coas pezas dun muíño e a súa sabia modulación artesanal? ¿Quen coa textura da palla ou do arume dos piñeiros? ¿Quen co suco dun camiño feito, no monte, polos cascos das cabalerías bravas? Ese tipo de observacións do primixenio e do inmediato, das verdades do tempo e da man, outórganas con frecuencia certos momentos últimos das artes, e neles móvese, como peixe na auga, Jorge Barbi.

Ou, se non, que tire a primeira pedra o que non recolleu marabillado, no mar, un seixo pulido polas augas. Quen non intentou mirar a través do ámbar verde dun vidro atopado nun areal, ou escribiu cun anaco de tixolo vermello, nunha rocha, petroglifos,  palabras imposibles...

       Todas esas maxias están en Barbi. Así como nas costas houbo sempre, tradicionalmente, persoas que realizaban as mallantes ou recollidas de despoxos que trousaba o mar, el, habitante da zona entre Cabo Silleiro e A Garda, realizou infinitos paseos e achados. Escollidos os restos, integraron obras que teñen tanto a misteriosa poesía do obxecto traballado pola natureza, como a revelación do azar, a materia, a tactilidade, a cosmicidade.

       Desde a ruptura das vangardas (hai un século), a cultura e as artes realizaron unha viaxe de radical ensanchamento de horizontes. Hoxe en día as artes non viven de costas á etnografía e á antropoloxía, á arqueoloxía e aos novos medios tecnolóxicos, á filosofía e á ciencia, á semiótica e á lingüística, á ecoloxía e á arquitectura, á bioloxía e á arqueoloxía industrial... Nada hai alleo ao seu campo.

Por iso moitas persoas expresan as súas dificultades e a súa perplexidade fronte ao repertorio das artes contemporáneas. ¿Que pensar delas cando xa non hai “cadro”, cando se desborda o volume da escultura, cando a música son sons ou ruídos naturais, cando as palabras se descompoñen no silencio branco da páxina? Os que non acepten estas e outras moitas transgresións, ficarán fóra desa viaxe fascinante que non ten máis marcha atrás que o diálogo fecundo e tenso coa tradición.

A cultura en xeral, e as artes en particular, están, como as novas tecnoloxías, cambiando a vida a un ritmo acelerado. Non sabemos se estaremos á altura dos grandes clásicos que foron constituíndo o canon dunha tradición cultural na que recoñecérmonos. Non sabemos se crearemos unha vida máis densa, máis humana e máis fermosa. Pero é indubidábel que se ten aberto un horizonte do que, se cadra, só somos os primitivos ou precursores, aínda moitas veces na fase do abraio, do tanteo, a revelación, a incerteza...

¿Somos partícipes dunha fermosa aventura ou náufragos futuros de inhóspitas praias? Quizais non deba estrañarnos que, prexuizados moitos adultos por causa dunha penosa pedagoxía cando se estaban a formar, sexan os nenos, e os xoves, algúns dos receptores máis inquietos e entusiastas do grande cambio, tanto no cultural como no tecnolóxico.

Mentres, é bon sabermos que moitos dos mellores artistas plásticos, músicos, poetas, narradores actuais... están a trazar unha lúcida clave de arco entre o esplendor das orixes -e a herdanza das diversas tradicións- e as potencialidades virtuais ou imposibles dun horizonte de innovadoras tecnoloxías e espectaculares avances tecnocientíficos. Nada do home nos pode ser alleo. Nada, tampouco, da realidade. Para crear unha vida máis fecunda, unha percepción máis ampla, unha encarnadura máis real.

Sabemos que, nunha casa ubicada nalgures pola zona costeira do sul de Galicia, alguén, neste instante, pode estar a facer, nun campo, un novo espantallo con materiais tradicionais ou postindustriais, recollendo nun camiño os restos dunha ferramenta agraria, manipulando un envase de lata, lendo no libro secreto dunha vértebra de cetáceo ou navegando por ámbitos virtuais nos que radiografía o suspiro dun bit. Estamos salvados. Gracias, Jorge Barbi.