Chamarse Villalonga e sentir como caen do ceo stock options como confeitos no peto da americana. Ser repartidor de pizas e coidar que se leva a Claudia Schiffer montada á grupa trucada e a escape libre polas rúas do barrio. Ir vestido co uniforme de repartidor de butano e imaxinar que a bombona pesa menos que a alegría borbullante dun refresco de laranxa. Ser alumno da Eso e saber ler, falar e escribir con corrección e fluidez. Ir chatear e que a escrita da adolescente canadiana se nos faga palabra e a tinta carne.
Rematar a carreira e encontrar un traballo non temporal e sen itinerancia futura Huelva-Chantada-Cantimpalos-Vierjoiansh. Poñer a televisión e non ver corpos e corpos Danone a lembrárennos o complexo de culpa do lacón con grelos de onte ou a celulite canalla.
Ir comprar o utilitario a prazos e crer que se sae en Jaguar ao contado. Ir veranear entre as galiñas dos devanceiros e confundir a eira coas pistas de esquí de Baqueira Beret ou as praias de Ipanema ou de Miami. Ir dar catro patadas cos colegas ao balón e pensar que os nosos caneos orixinan a envexosa xenreira de Djalminha e máis Rivaldo. Chamarse Pepe Pérez ou Martiño Martínez e coidar que o nome do agraciado do último pleno ao quince coincide cos teus datos.
Imaxinar que hoxe é domingo, mais oír o despertador e saber que son as sete, luns, que fora chove e que ese insecto que se incorpora sobre as súas torpes patas non é o Gregorio Samsa da Metamorfose de Kafka, senón nós, Pepe Pérez, Martiño Martínez ou simplemente Xavier Seoane erguéndonos, fehacientes, dignos e resignados, para o traballo. Para o traballo.