Hai moita xente que pensa que Carapuchiña Vermella era unha inxenua. E quizais nada máis errado.
Carapuchiña –intéirense eses que, como non len, andan máis nos biosbardos que os que len contos sobre biosbardos- era en realidade unha muller de rompe e racha, que non tiña nin chisco de medo a andar soa polo bosque ou de ir á discoteca sen compaña.
A ela que non lle viñesen con sombras, cazadores, lobos, moinantes, licántropos...
-“A min lobos” –dicía cando camiñaba pola Fraga, por moito que se oísen oubeos tras das árbores.
¿Que de ónde lle viña esa valentía na vida, esa condición de “liberada”, esa seguridade para saír ao bosque sen gardaespaldas nin cabaleiros andantes?
Aí está o miolo. Pois resulta que Carapuchiña aprendeu defensa persoal lendo libros de mosqueteiros e samurais, e Dumas e Mishima encántanlle. E se os lobos non a atacan e lle teñen un pánico ancestral, é porque o saben. E cando sae da casa coa Carapucha Vermella que ata Adolfo Domínguez, Caramelo ou Antonio Pernas lle envexarían para as súas coleccións invernais, ata os lobos van refuxiarse no tobo a ler a súa historia, para saber quén lla teceu, e quén lle ensinou a valerse por si soa, de paso.
Pois daquela os lobos –esas ovelliñas que, aínda que o desemulen cun rictus de “malo”, son bastante coitadas- póñense a tremer de amor por ela e soñan con que lles conte persoalmente, como fai o contacontos Quico Cadaval, a súa famosa historia, ou, alomenos –se está cansa de contala, pois sempre tivo moita demanda, ata o punto de tolearen tras dela os axentes literarios que no mundo hai-, que a substitúa por algunha outra (da Sereíña, Pinocho, Manoliño Catrollos, Harry Potter ou Mafalda). E moito llo agradecen os pobres, xa que, agora que a Literatura devala coa desfeita das Humanidades, se aburren e non teñen de quen botar man para as historias na lareira, no claro do bosque, ou noutros deliciosos tópicos tradicionais.
Para que logo digan que ler e contar historias, ademais do máis marabilloso, non é o máis “útil” que hai...
Se non, que llo digan a Carapuchiña, cando, pola noite, ao saír á Fraga, se encontrou cos Reis Magos e...