Centro de Documentación da AELG
Homero soña coa rede virtual
Seoane, Xavier
Autores/as relacionados/as:

    

     Teñen sorte estes cativos. Pouco máis son que unha baluga de manteiga, e xa enredan neses aparellos máxicos. Quén me tería dito a min, cando escoitaba as lendas e os mitos dos devanceiros, que a través deses estraños enredos os homes poderían escribir, falar, escoitar. Cántos soños e historias tería eu botado a navegar. Parece a mesma maxia que a dos adiviños da miña cidade.

     De ter sabido que ese aparello existía, estou certo de que o meu benamado Ulises tería atravesado novamente as portas atlánticas, loitado con Polifemo e viaxado ata o Hades, con tal de traelo como galano no retorno á súa casa. ¡Pensar que nada, por lonxincuo que estea, pode ficar alleo a esa pantalla branca! ¡Que non tería dado eu, na miña cegueira, por dictarlle a alguén para que transcribise nela as miñas palabras: as andainas do valeroso Aquiles, do nobre Héctor, da bela Helena, do inquedo Ulises, de Penélope e a súa intelixencia de tecelá...

     ¿Que podería ter contado eu, de dispoñer dese instrumento máxico? Din que, se se lle fala, transcribe como un amanuense máxico. E que, como unha botella ao mar, envía ás illas e civilizacións máis recuadas, mesmo á Ultima Thule, as palabras. Calquera mensaxe. Que se cadra ata os deuses, no Olimpo, poderían recibir o alento e a música das nosas palabras, as historias que acollen os froitos da nosa imaxinación máis desbordante.

     Vou vello. Gostaríame saber cómo serán as historias do mañá. Estou certo de que algún meniño cos ollos moi abertos, ou ata cunha branca cegueira na mirada, estará neste mesmo instante a dictar historias, soños, mitos, fabulacións, viaxes... para enredar o tempo que pasa. E que outros, tamén de ollos abertos, ou con eles entornados para mellor concentrarse no fluír das palabras, receben ese tecer do real e do soñado como se dun só nobelo se tratase. Canta, oh Musa. Canta. O home será sempre un meniño absorto e abraiado, a quen arrolarán, veñan de onde veñan, as historias e as palabras. As Divinas Historias e as Divinas Palabras. Homero.  . com. Ítaca.