v1xavierseoanecancionmilenio.html
No
mes de marzo de 1998, na miña casa de A Coruña, o pintor Antón
Patiño e máis eu escribimos, durante tres días intensos de
escrita e de procura, o libro, entre o ensaio e o manifesto, Hai
suficiente infinito, publicado logo por Edicións Xerais.
Tamén realizamos un texto poético
que foi para nós como un divertimento. É "A canción do
milenio".
¿Non temos a Heidegger, pero si a Rosalía?
¿A luz do crepúsculo é a nosa aporía?
¿Somos unha cultura somnámbula, de ocaso?
¿Leremos a Pessoa en poltronas de raso?
¿As bandeiras de néboa son o noso estandarte?
¿Será ese o destino da nosa húmida arte?
¿Deixar a illa de pedra á deriva no mar?
¿Virá don Sebastián, ou ese é outro cantar?
¿E Merlín o Profeta, o celta armoricán,
daralle horizontes á Grei de Breogán?
A nosa salvación, ¿son os Botafumeiros?
A nosa identidade, ¿millares de Gaiteiros?
Como pobo de antergos e novos soñadores,
¿podemos afirmar que somos os mellores?
Ah memoria na pedra, ah choiva torrencial:
¿o efecto "mondariz" é a cultura gremial?
Ah mirada oceánica no infinito do mar:
Todos xuntos, moi xuntos, ¿haberémola armar?
¿En contra do onanismo e da incestuosa unión,
fomentaremos sempre a orxía e a creación?
¡Caída demográfica: Nin dios pervivirá!
Breogán, cando volte, moito se cabreiroá.
¡Hipermercado Europa! ¡Suevos! ¡Celtas! ¡Galicia!...
¿Estes gozos e sombras, son tan soio sevicia?
Manuel Antonio, Curros, Luís Seoane, Reimundo,
¡canta falta facedes neste momento inmundo!
¿Se formos máis sinceros, e dicirmos verdade,
só nos queda o churrasco, o lacón e a saudade?
|